Mércores 24 Abril 2024

Os reitores asinan a paz de Medicina

Chegou a paz de Medicina. As Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo) e as consellarías de Sanidade e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron un documento marco que establece que a partir do curso 2015-2016 o profesorado da UDC e de UVigo de áreas de coñecemento relacionadas coa medicina poderá colaborar na docencia clínica do grao de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. O documento, que establece os principios dun acordo específico a asinar en breve, foi ratificado este mércores na Reitoría compostelá polos máximos responsables das tres institucións educativas, Juan Viaño, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato, e os conselleiros Román Rodríguez e Rocío Mosquera.

Rolda de prensa tras a sinatura do acordo en Santiago.
Rolda de prensa tras a sinatura do acordo en Santiago.

Este acordo sitúa a responsabilidade académica do Grao en Medicina exclusivamente na USC, sendo os órganos de goberno e os departamentos da facultade compostelá – “que debe seguir a ser a única que exista en Galicia e a que imparta o único grao en Medicina do SUG”, reza o acordo– os encargados da planificación e organización docente da titulación.
Pero o resultado máis significativo é que se poderá aproveitar a crecente importancia da investigación e da docencia médicas nas universidades de Vigo e A Coruña. O reitor de Santiago, Juan Viaño, cualificou este acordo como un “exercicio de responsabilidade” que favorecerá un mellor aproveitamento dos recursos do SUG e do Sergas e contribuír “ao recoñecemento académico dos e das profesionais” á vez que asegurar unha formación de calidade nun ámbito “no que a facultade da USC é o buque insignia”. Na mesma liña, Xosé Luís Armesto cualificou o acordo de exemplar, ademais de consideralo herdeiro do espírito sobre o que hai 25 anos se creou o actual sistema universitario galego. Este marco de cooperación permitirá optimizar tanto os recursos humanos como as infraestruturas e proxectalos cara a mellora da docencia, dixo o reitor da Coruña. A cooperación que agora asumen as universidades galegas “dará músculo e proxección ao SUG e en concreto á Facultade de Medicina da USC”, afirmou Salustiano Mato. Co acordo, estes estudos e o estudantado terán todo o apoio do sistema de saúde galego e de todos os activos universitarios dedicados ao desenvolvemento da investigación neste ámbito e incidirá “na nosa capacidade de ser mellores en asistencia sanitaria” engadiu o reitor vigués.

Un 15% da docencia poderá estar a cargo de profesores da Coruña e Vigo

O conselleiro de Educación e a conselleira de Sanidade puxeron en valor o simbolismo deste principio de acordo que consideran un paso adiante para Galicia e unha acción a prol do interese xeral do alumnado e do conxunto do sistema universitario e do Servizo Galego de Saúde. A sinatura protocolario do documento é a manifestación última dun “acto de xenerosidade e traballo conxunto” das universidades galegas e a instantánea dun “momento histórico de colaboración”, dixo a conselleira Rocío Mosquera. O marco definido no documento que subscribiron as universidades galegas e a administración autonómica “é bo para Galicia, para o estudantado e para os profesionais” e é posible grazas á xenerosidade dos reitores, engadiu Román Rodríguez.
A partir de agora o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia (CCDCG) proporá ao reitor da USC, previa proposta das universidades da Coruña e Vigo, o persoal que pode colaborar na docencia clínica do grao de Medicina nos seus hospitais universitarios.
A Facultade da USC disporá deses docentes determinando, para cada curso académico, as áreas, materias e créditos nos que impartirán docencia. Agás acordo expreso, para cada área de coñecemento o número de persoal docente e investigador das outras universidades adscrito a esta modalidade non poderá superar un máximo que se fixará ao redor do 15% das necesidades de persoal que teña a USC na área afectada.

Publicidade

O acordo permite participar aos institutos biomédicos de Vigo e da Coruña

En particular, tenderase a que nas materias de práctica clínica e rotatorio do último curso do grao que deban impartirse nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo impartan docencia, respectivamente, Profesores Asociados de Ciencias da Saúde (PACS) da UDC e da UVigo adscritos ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ou ao Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (INIBIV). Do mesmo xeito, a USC tamén poderá contar con PACs propios nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo. Esta vía de colaboración non alterará a autonomía da USC para definir as súas necesidades de contratación de profesorado neste grao.
Os PACS da USC que teñan a condición de investigador principal ou coordinador dun proxecto ou grupo de investigación vinculado ao INIBIC ou ao INIBIV poderán solicitar voluntariamente a subrogación do seu contrato nas Universidades da Coruña ou Vigo, respectivamente. Do mesmo xeito, poderán solicitar voluntariamente a subrogación dos seus contratos os PACS da USC que desempeñen un cargo directivo na estrutura de goberno dos citados institutos de investigación da Coruña e de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

A UDC coordina o primeiro sensor automático en detectar zoonoses a escala mundial

O proxecto está liderado polo grupo do investigador Alejandro Criado. Chámase FLUFET e identifica un amplo espectro de obxectivos virais