Vista xeral do campus de Lagoas-Macosende, da Universidade de Vigo.

Vista xeral do campus de Lagoas-Macosende, da Universidade de Vigo.

Os recortes frean o progreso das universidades galegas

Os resultados dos principais avaliadores mundiais constatan o estancamento das nosas institucións académicas

Os principais avaliadores mundiais ofrecen datos dispares sobre as tres universidades galegas e, en xeral, deixan dúbidas sobre o presente e futuro das nosas institucións académicas nas clasificacións globais. A de Santiago (USC) —a de maior sona— vén perdendo postos nalgunhas das principais clasificacións; a de Vigo (UVigo) mantén certo estatus que lle permite aparecer nalgúns ránkings, se ben parece haber luces e sombras segundo o avaliador; e A Coruña (UDC), a peor parada, apenas se deixa ver en postos moi discretos ou nin sequera aparece nas táboas das principais clasificacións académicas que se elaboran e publican cada ano.

Semella que os recortes poden estar tendo un impacto negativo na progresión das nosas universidades a escala mundial. Os orzamentos das universidades galegas estanse a ver minguados por mor da crise. Así, o Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou uns orzamentos para este ano de 114,9 millóns de euros, é dicir, un 3,9% menos que equivale a 4,7 millóns de euros; estas cifras devolven á UDC a niveis de 2007, cando estoupou a crise. A Universidade de Vigo tamén aprobou uns orzamentos de 159,6 millóns de euros, un 2,18% menos que no ano anterior e o máis baixo dos últimos seis anos, lonxe dos 182,2 millóns de euros do ano 2009. Pola súa banda, a Universidade de Santiago vive nun permanente conflito sobre o seu presuposto e fixo unha proposta orzamentaria de 214,5 millóns de euros, o que supón unha rebaixa do 6,27% fronte o orzamento prorrogado do ano 2011.

A pregunta, pois, é: están afectando os recortes á calidade e impacto das nosas universidades no mundo?

QS World University Ranking

Ranking QS Santiago

Fonte: QS World University Ranking.

Das tres universidades galegas, só a de Santiago de Compostela aparece nesta clasificación mundial, elaborada e publicada polo grupo Quacquarelli Symonds coa información procedente de máis de 3.000 universidades do mundo referentes a catro áreas: investigación, ensino, empregabilidade e proxección internacional. E os datos da USC son preocupantes, xa que a tendencia é negativa nos últimos anos, como se pode observar nos datos históricos.

Con todo, a USC atópase entre as 800 principais universidades do mundo, segundo a edición 2014 do QS World University Ranking.

No apartado das institucións españolas figuran, ademais da USC, a Universidade de Barcelona, Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, Complutense, Navarra, Pompeu Fabra, Politécnica de Cataluña, Carlos III, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia, Granada, Salamanca, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Alcalá, Murcia e a ESADE. Ademais da clasificación xeral, esta comparación avalía individualmente ás institucións universitarias en función de cinco áreas de coñecemento. Segundo este criterio, a USC é a 317 do mundo en Artes e Humanidades e ocupa o posto 367 en Ciencias da vida e Medicina.

Shanghai Ranking (ARWU)

Tampouco pinta ben o presente e futuro das universidades galegas no prestixioso ránking Shanghai (ARWU), elaborado pola Universidade Jiao Tong. No seu Top 500, de novo, só aparece a USC, entre as últimas desta clasificación, na que volve aparecer tras dous anos fóra do grupo de universidades destacadas. Con todo, non logra acadar os niveis de prestixio dos que gozou entre os anos 2009 e 2011.

ranking shanghai santiago

Fonte: Shanghai Ranking.

Na clasificación por Grandes Áreas de Coñecemento, que fai este ránking, a de Santiago atópase entre as 200 mellores do mundo na Área de Matemáticas e Ciencias Naturais (SCI), onde aparece no tramo 151-200, mentres que por materias se sitúa en Matemáticas entre as 100 mellores universidades do mudo, no tramo 51-75, mellorando considerablemente respecto ao  ano 2013, que  estaba no tramo 151-200.

A USC ocupa, ademais, o décimo posto entre as doce universidades españolas que poden presumir de aparecer no ránking Shanghai.

Country Rank Institution World Rank
1
University of Barcelona 151-200
2-4
Autonomous University of Barcelona 201-300
2-4
Autonomous University of Madrid 201-300
2-4
University of Valencia 201-300
5-8
Complutense University of Madrid 301-400
5-8
Polytechnic University of Valencia 301-400
5-8
University of Granada 301-400
5-8
University of Pompeu Fabra 301-400
9-12
Polytechnic University of Catalonia 401-500
9-12
University of Santiago Compostela 401-500
9-12
University of the Basque Country 401-500
9-12
University of Zaragoza 401-500
Fonte: Shanghai Ranking.

 

A UVigo mantense fóra desta clasificiación por segundo ano consecutivo, logo de que en 2011 e 2012 conseguise entrar a formar parte do club das 500 universidades máis importantes do mundo. Pola súa banda, da UDC nin sequera se recollen datos no ránking Shanghai por mor do seu escaso impacto.

Ranking Shanghai Vigo

Fonte: Shanghai Ranking.

The Times Higher Education

A revista británica The Times Higher Education publica cada ano unha lista coas 400 mellores institucións académicas do mundo. E, por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo estivo incluída neste ránking, na súa edición 2013/14. The Times unicamente abriu a porta a nove universidades españolas, entre as que figura como única representante galega a UVigo, xunto as catalás Pompeu Fabra, Autónoma e a Universidade de Barcelona, a Autónoma de Madrid, a Universidade de Navarra, Rovira i Virgilli, a Politécnica e a Universidade de Valencia. Ao igual que o curso anterior, a Universidade de Vigo aparece no bloque de institucións situadas entre os postos 351 e 400 desta clasificación impulsada por Thomson Reuters que avalía as universidades a través das súas funcións fundamentais como son docencia, investigación, transferencia de coñecemento, internacionalización eimpacto das súas publicacións.

Cómpre destacar que a partir do posto 200, este ránking agrupa as universidades en seis tramos de vinte e cinco institucións cada un deles, nos que as universidades aparecen ordenadas alfabeticamente e non en función dos resultados que ofrecen os indicadores analizados. Así, Vigo aparece no penúltimo posto do tramo 351-400 só por diante da Universidade de Wyoming.

O impacto das publicacións é o indicador no que a Universidade de Vigo acada a mellor valoración, un 62,9 sobre 100, ou o que é o mesmo: só hai 148 universidades das 400 que inclúe o ránking que obtiveron mellor clasificación que a institución viguesa neste ámbito. Respecto do curso 2012-2013, a universidade viguesa decreceu 0,8 décimas neste apartado, sendo daquela 145 as universidades que obtiveron mellor cualificación polo impacto das súas publicacións que a de Vigo.

O segundo indicador no que a institución viguesa acada mellor valoración é o relativo aos ingresos procedentes da transferencia de coñecemento, que se sitúan en 38,2 sobre 100, o que supón un 1,6 máis que no período 2012-2013. A internacionalización do alumnado e o profesorado recibe unha puntuación de 25,9, un punto menos que o curso pasado. Pola súa banda, a docencia experimenta unha moderada melloría, pasando do 19,4 do ránking anterior ao 19,7 do deste ano. O incremento máis salientable respecto do curso pasado é o que se rexistrou no indicador referido á investigación, que sobe 1,2, situándose en 10,7 fronte ó 9,5 de 2012-2013.

University Ranking by Academic Performance (URAP)

O URAP é un sistema de clasificación para as universidades do mundo baseado na cantidade e na calidade das súas publicacións académicas que desde o ano 2010 elabora e publica o Instituto de Informática da Universidade Técnica de Oriente Medio (Metu), emprazada en Turquía. Segundo o último ránking URAP, só a da Coruña experimenta unha levísima melloría entre as tres universidades galegas en produción científica.

A USC caeu do posto global 336 en investigación ao 351. Vigo, do 518 ao 553. E a UDC mantense en postos moi discretos, subindo só do posto 1.166 ao 1.153.

SCImago Institutios Rankings (SIR)

Datos similares ofrece o SIR, que tamén mide a produción científica de institucións académicas de todo o mundo. A USC obtén os peores resultados dos últimos seis anos e ocupa o posto 477 no mundo. O impacto da UVIgo apenas variou, pasando do posto 676 no ano 2013 ao 678 no presente, estancándose tras a suba que experimentou desde o ano 2009. E a UDC, de novo, volve ser a peor parada das universidades galegas, no posto 1.168, o que supón unha leve baixada respecto ao ano 2013 e o seu segundo mellor resultado no último sexenio.

Ranking Scimago

Fonte: SCImago Institutios Rankings.

Os próximos anos serán decisivos para medir o impacto real dos recortes orzamentarios na calidade das nosas universidades e no seu prestixio. O seu futuro está en xogo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.