Venres 19 Abril 2024

Premios Fin de Carreira para os 77 mellores universitarios

“Ser o mellor ou a mellor estudante de cada carreira é un mérito indiscutible, pero tamén é unha grande responsabilidade. Agora tendes a obriga de liderar o avance do coñecemento alí onde decidades traballar”. Con estas palabras o reitor Juan Viaño animou o alumnado galardoado cos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia “a liderar o bo facer e a busca dos mellores resultados” porque “na vosa man está o futuro de todos nós e dos que veñen detrás”.
O reitor compostelán interveu en representación das tres universidades galegas nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González. Completaron a mesa presidencial o reitor en funcións da Universidade da Coruña, Xosé L. Armesto Barbeito, a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González Álvarez, e o secretario xeral de Universidades José Alberto Díez de Castro.

Viaño: “Sodes unha das mellores xeracións de Galicia en toda a súa historia”

Viaño sinalou aos 77 premiados nesta vixésimo cuarta convocatoria dos Premios Fin de Carreira de Galicia como “unha das mellores xeracións de Galicia en toda a súa historia”. Dirixíndose aos premiados, Román Rodríguez transmitiulles que representan “un orgullo para o país” e emprazounos a “ ser solidarios” e poñer o seu talento e intelixencia “á disposición de Galicia”. Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación dixo sentir orgullo das universidades galegas e tamén de todos os premiados e premiadas por ser “protagonistas dun momento histórico no que a Universidade é o principal foco de xeración e creación de talento”.
En nome de todos os galardoados interveu Ana María Maestro Cortizas (grao en Dereito pola Universidade da Coruña), que destacou o importante papel que xoga a familia como un referente de esforzo, de sacrificio e do deber de facer as cousas ben. Así mesmo aproveitou para agradecer a dedicación e o compromiso do persoal docente das universidades e o apoio da Xunta de Galicia coa convocatoria destes premios.
Estes premios diríxense ao alumnado co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes, que rematasen os estudos universitarios conducentes á obtención dos títulos de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico no curso académico 2013-14 nas universidades do Sistema universitario de Galicia. Para acceder a esta convocatoria era preciso ter unha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para o da rama de Enxeñaría e Arquitectura.
A relación de galardoados da Universidade de Santiago foi a seguinte: Esteban Carballal Liste, en Administración e Dirección de Empresas; José Rama Caamaño, en Ciencia Política e da Administración; Marta Queiruga Balado, en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Sabela Direito Rebollal, en Comunicación Audiovisual; Carlos Salvador Vázquez, en Enxeñaría Civil; Marcos Tella Álvarez, en Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Carlos Maquieira González, en Enxeñaría Química; Pablo Scotto Benito, en Filosofía; José Manuel Penin Ascariz, en Física; Uxía Otero González, en Historia; Alejandro Pérez López, en Historia da Arte; Cristina Joven Sieira, en Lingua e Literatura Españolas; Vítor Míguez Rego, en Lingua e Literatura Galegas; Alba Ágata Díaz Fernández, en Lingua e Literatura Inglesas; David Méndez Martínez, en Matemáticas; Manuel Miguens Pérez, en Mestre de Educación Primaria; Silvia Fraga Domínguez, en Psicoloxía; Martín Amoza Davila, en Química; Jessica Regueiro Fernández, en Relacións Laborais e Recursos Humanos; Manuel Ramiro López Carro, en Xeografía e Ordenación do Territorio; María Bragado Paz, en Xornalismo; Tamara Gómez Dacoba; en Farmacia; Eduardo Louredo Rodríguez, en Filoloxía Románica; Alejandro Rivero Aguilar Pensado, en Medicina; Carolina Mourelos Vidal, en Psicopedagoxía; Patricia Álvarez Fernández, en Veterinaria; Valentín García Souto, en Enxeñaría Agrónoma; e Alberte Regueira López, en Enxeñaría Química.

Publicidade

A listaxe completa dos galardoados nas tres universidades
está dispoñible nesta ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

Gciencia: dez anos e moitos premios

O xornal da ciencia galega acadou na súa traxectoria os principais galardóns á divulgación, culturais e polo uso do galego

A UDC coordina o primeiro sensor automático en detectar zoonoses a escala mundial

O proxecto está liderado polo grupo do investigador Alejandro Criado. Chámase FLUFET e identifica un amplo espectro de obxectivos virais