Venres 29 Marzo 2024

O VI Encontro Ibérico de Matemáticas impulsa liñas de investigación con Portugal

Matemáticos/as de España e Portugal reúnense esta semana no VI Encontro Ibérico de Matemáticas, congreso bienal que organizan a Real Sociedad Matemática Española (RSME) e a Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM) dende 2007.Esta iniciativa conxunta ten por obxectivo o desenvolvemento e novos proxectos e liñas de traballo entre matemáticos e grupos de investigación de ambos os dous países, tanto en áreas emerxentes como consolidadas a través dunha máxima interacción e intercambio de ideas que propicie a cooperación científica entre os matemáticos/as da península Ibérica.

O encontro inaugurouse este xoves na Facultade de compostelá nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que ademais participaron o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a decana da Facultade, Victoria Otero; o vicepresidente da Sociedade Portuguesa de Matemáticas, Adérito Araújo; e o presidente da súa homóloga en España, Francsico Marcellán. A continuación, Eduardo Sáenz de Cabezón pronunciou a conferencia de apertura ‘Números grandes, enormes e descomunais’, á que asistiron numerosos estudantes da facultade.

Publicidade

Conferencia inaugural das xornadas.
Conferencia inaugural das xornadas.

Na inauguración o reitor resaltou que a celebración deste encontro coincide “cunha situación de enorme proxección das matemáticas en Galicia e en particular na Facultade compostelá”. Puxo como exemplos o ránking de Shanghai, que clasifica máis de 1.200 universidades de todo o mundo e no que a área de Matemáticas da USC aparece en 2016 nos postos 75-100, sendo a primeira de España, e o oitavo posto da USC no que se refire ao impacto medio das publicacións matemáticas en 2015, “só por detrás de centros de tanto prestixio como as Universidades  de Princeton ou Stanford”.

Ademais, se ben recoñeceu Viaño que o desenvolvemento espectacular da matemática en España “non se viu acompañado pola transferencia ao sector produtivo na mesma proporción” aclarou que neste ámbito Galicia é “unha excepción” e a matemática industrial galega “un referente en España e Europa”.

Pola súa banda, o presidente da RSME, Francisco Marcellán, resaltou a longa tradición de relacións científicas entre as comunidades matemáticas española e portuguesa. “Durante os anos setenta e oitenta do pasado século tiveron lugar as Xornadas Matemáticas Hispano-Lusas, que contribuíron a afianzar relacións entre grupos de investigadores nuns momentos nos que se iniciaba a inmersión na actividade matemática internacional en ambos os dous países tras uns anos escuros de autoensimismamento científico e escasa proxección cualitativa no contexto mundial”, dixo.

Os matemáticos españois e lusos estudan neste encontro proxectos conxuntos

“O impulso á educación superior tanto en Portugal como en España –prosegue Marcellán–, coa creación de centros universitarios, pero tamén as decididas e innovadoras políticas gobernamentais para o apoio á ciencia e a tecnoloxía, permitiron un notable incremento no número de investigadores, así como a consolidación de grupos en torno a áreas temáticas”.

Na mesma liña se pronunciou Adérito Araújo, para quen “nun mundo cada vez máis globalizado” a Península Ibérica estase convertendo “nun punto de referencia de coñecemento científico”. De feito, como apuntou a presidenta da Comisión Profesional da RSME e responsable da organización do encontro, Victoria Otero Espinar, “os resultados deste congreso axudarán a definir e desenvolver novos métodos e técnicas matemáticas que darán lugar a innovacións nos sector tecnolóxico”.

Pola súa banda, o alcalde, que lle deu a benvida a Compostela aos participantes, manifestou que as institucións “teñen a obriga de apoiar aquelas entidades públicas de calquera tipo que prestixian a cidade”.

O formato utilizado en cada edición estrutúrase en tres áreas científicas, nas que se combinan tanto enfoques teóricos como aplicados. Nesta ocasión discutiranse cuestións relacionadas con álxebra e combinatoria, con ecuacións diferenciais parciais aplicadas a fluídos e materiais e con informática teórica e ciencias da computación. En cada unha destas áreas impartiranse dúas conferencias plenarias e unha sesión especial na que intervirán conferenciantes convidados e desenvolveranse charlas e comunicacións breves. Esta organización permitirá expoñer as experiencias e resultados de investigadores/as, co obxectivo de favorecer e fomentar novas liñas de traballo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada