Gañadores da sexta edición do Incuvi-Emprende. Foto: Duvi.

Gañadores da sexta edición do Incuvi-Emprende. Foto: Duvi.

O Incuvi-Emprende escolle aos seus doce gañadores

Os proxectos vencedores estarán un ano nas incubadoras de empresas dos tres campus da UVigo

A sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. Este xoves desveláronse os proxectos que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 12 iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales seis son do campus de Vigo, catro de Ourense e dúas de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra. Esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra”, como explicaba na súa intervención a vicerreitora da Estudantes, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres.

Incrementouse a participación feminina, cun 42,5% de mulleres impulsoras

No acto de entrega de diplomas e das chaves que abrirán as que serán as súas oficinas durante os vindeiros doce meses, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu ás entidades colaboradoras o seu “apoio fundamental e a súa aposta polo talento que xurde da nosa Universidade, que é o maior tesouro que temos”. Mato, que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Ana Mª Ortiz e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, destacou que “como institución temos que facer posible que o noso alumnado poida ter ferramentas para canalizar o seu talento e que este se poida converter en prosperidade, progreso, crecemento económico e emprego para a nosa sociedade”. Engadiu que este tipo de propostas de empredemento son “unha vía máis para que o alumnado se mergulle no mercado laboral e teña a oportunidade de botar raíces no país”.

Neste sentido, a vicerreitora Dolores González explicaba que neste 2017 se pecha un ciclo, o primeiro lustro de Incuvi, con 46 equipos e máis dun cento de mozos e mozas, estudantes ou egresados, pertencentes aos tres campus e a todos os eidos do coñecemento: “Incuvi é xa unha realidade como fábrica de emprendedores e con el estamos asistindo ao cumprimento dunha materia pendente da universidade española”.

Campus de Vigo

Nas instalacións da pre-incubadora do campus de Vigo, situada na Cidade Universitaria, os seis proxectos gañadores disporán durante un ano dun ecosistema de crecemento e maduración das súas ideas. Entre os seleccionados hai propostas de moi diferentes eidos, dende as redes sociais e a economía colaborativa a propostas máis tanxibles relacionadas coa construción ou o sector alimentario.

Bursay-Language & Digital Services é unha das ideas seleccionadas, unha axencia dixital de expertos lingüísticos para tarefas de tradución, corrección e redacción de textos en galego. Os seus promotores, Yasmina Figueroa e Rubén Pérez, egresados de Filoloxía e Tradución, .

No contexto tecnolóxico está DIBLEO – Networking Community, unha rede social de emprendemento universitario que crea relacións de networking entre profesionais que actúan como mentores e mozos e mozas emprendedores. Neste mesmo campo encaixa WCube, un espazo virtual para exhibir arte contemporánea impulsado por un estudante da EE Industrial e unha egresada de Belas Artes, coa finalidade de crear “unha galería virtual” para achegar á mocidade mediante unha contorna dixital a arte contemporánea. Sapere Vedere é a proposta de José Martínez para a transformación de produtos cárnicos con orixe no porco celta, mentres que Unidade Tintométrica Móbil, idea de Andrés Valga, aposta polo uso dun vehículo para trasladar os medios necesarios para a comparación de tonalidades e elaboración da pintura á porta do taller.

Completa o grupo de gañadores vigueses o proxecto Tiny House, centrado na fabricación e venda de casas construídas sobre remolques, cubrindo así un baleiro no mercado español para “persoas novas cun nivel salarial medio que buscan unha primeira vivenda”, explica Abraham Martínez.

Tecnópole de Ourense

Os niños da incubadora na Tecnópole en Ourense xa teñen tamén novos inquilinos, catro novas iniciativas empresariais dispostas a dar o salto das ideas ao mercado empresarial real. Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras. Baséase nun programa de benestar global para as empresas, a través do cal se detectan as necesidades dos empregados para mellorar a súa calidade de vida.

Impulsada neste caso por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma en liña de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten.

Tamén estarán en Ourense Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de marketing dixital que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, e OuVIr, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.

Campus de Pontevedra

En Pontevedra medrarán Needin, que busca crear unha plataforma virtual para facilitar o contacto entre especialistas autónomos do eido sociosanitario, e Mediación Móvil, que pretende crear unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos.

Neste acto déronse a coñecer tamén as dúas iniciativas gañadoras dos premios Incuvi-Avanza, unha convocatoria que trata de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de Incuvi-Emprende, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense e no Parque Empresarial de Porto do Molle. Os seleccionados foron Brigantia e .beLeader, e otorgouse tamén un accésit para MycoGalicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.