Iván Area, Arno Formella e Diego González deron conta dos avances realizados na implantación da nova titulación.

Iván Area, Arno Formella e Diego González deron conta dos avances realizados na implantación da nova titulación.

O Grao de Enxeñaría Aeroespacial, listo para recibir á súa primeira promoción

A Xunta de Titulación aproba os regulamentos para a nova titulación que comeza en Ourense

O 1 de setembro de 2016 comezará a súa andaina o novo Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que se impartirá no campus de Ourense. Para facelo, este venres a súa Xunta de Titulación reuniuse para aprobar todas as normativas e regulamentos precisos para que este grao, único no mapa de titulacións galego, inicie a súa andaina. Os estudantes que formarán a primeira promoción destes estudos xa poden coñecer desde o calendario de exames ata a planificación docente do primeiro curso. “O grao xa está listo para despegar e para que aterren os seus primeiros alumnos e alumnas en setembro”, destacou Arno Formella, director comisario da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que acolle esta titulación.

O director do centro, acompañado por Iván Area, subdirector da escola, e Diego González, secretario da mesma, foi o encargado de dar conta dos avances realizados para a implantación do grao, que ten un límite de 50 prazas. Tendo en conta o feito de que nos centros onde se imparte esta titulación no resto de España a demanda supera á oferta de prazas, os responsables da escola salientaron que a expectativa que manexan é cubrir todas as prazas ofertadas en Ourense xa que, lembraron, “o grao habilita para unha profesión regulada que non ten problemas de empregabilidade, que ten moi boas saídas profesionais”. O novo Grao en Enxeñaría Aeroespacial, lembraron os seus responsables, formará futuros enxeñeiros e enxeñeiras técnicos aeronáuticos, profesionais que se ocupan do deseño, construción, mantemento e mellora de aeronaves e de vehículos espaciais, así como de todo o equipamento, subsistemas e infraestruturas que requiren estas. No campus Ourense ofreceranse dúas mencións da profesión, a de aeronaves e a de equipos e materiais aeroespaciais, elixíndose a especialidade en terceiro curso.

“O grao habilita para unha profesión con moitas e moi boas saídas”

O primeiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial levarase a cabo en tres tipos de aula de acordo co tipo de docencia impartida, segundo explicaron os responsables da escola. As clases maxistrais (teoría e resolución de problemas) impartiranse no Edificio de Facultades e as clases de seminario (resolución de problemas e prácticas con ordenador) desenvolveranse no Pavillón Manuel Martínez-Risco, que será tamén sede da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Por último, as prácticas de laboratorio levaranse a cabo tanto en laboratorios do Pavillón Manuel Martínez-Risco coma do Edificio Politécnico. Os departamentos involucrados na docencia do primeiro curso, que correrá a cargo de 14 docentes da Universidade de Vigo, serán Deseño na Enxeñaría; Enxeñaría Química; Física Aplicada; Informática; Matemática Aplicada II; Matemáticas e Organización de Empresas e Mercadotecnia. “Ofreceremos unha formación con garantías”, afirmou Arno Formella.

Entre os acordos adoptados na Xunta de Titulación aprobouse a planificación académica completa do primeiro curso académico. Como novidade, destacaron os responsables do centro, está o feito de que os exames do primeiro cuadrimestre serán realizados antes do período non lectivo de Nadal. Outra novidade está relacionada coas revisións de exames, que para cada materia ocupará dous días. No primeiro, o profesorado resolverá na aula o exame completo para nun seguinte día proceder á atención individualizada ao estudantado. Nesta xuntanza da Xunta de Titulación tamén foi aprobada a distribución de estudantes por grupo. Tendo en conta a importancia das titorías para o alumnado, o centro dotouse tamén dun regulamento de titorías, onde se puxo especial coidado en atender ao máximo posible as súas necesidades. Tamén se aprobou a páxina web da escola, onde as persoas interesada, especialmente os futuros estudantes do centro, teñen completa información do grao, desde os horarios e o calendario de exames ata a planificación académica.

Haberá unha xornada informativa o día 21 de xuño no Edificio Politécnico

 Para dar a coñecer este novo grao a todas as persoas interesadas nel, o vindeiro martes 21 de xuño o Edificio Politécnico acollerá unha xornada aberta organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo na que se explicarán as características deste titulación, da profesión para a que habilita e da traxectoria da Universidade de Vigo no eido aeronáutico, contando ademais coa participación de varias empresas que explicarán o traballo que realizan neste eido e darán unha visión de primeira man do sector para o que se formarán os futuros estudantes deste grao. Concretamente estarán a empresa de compoñentes aeronáuticos Coasa e a de drones Aerocámaras, entidades coas que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo xa está tramitando convenios de colaboración.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.