Venres 29 Marzo 2024

O 70% do alumnado galego de ESO sufriu algún tipo de acoso

Angustia, impotencia, agresión, sufrimento, depresión, ansiedade, abuso, tristeza, medo, illamento, humillación… Esas son algunhas das primeiras palabras que acoden á cabeza cando se fala acoso escolar, unha “lacra” que afectou nalgunha ocasión nalgunha das súas formas a sete de cada 10 estudantes galegos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria. Así o recolle un estudo feito polo grupo da Universidade de Vigo CIES (Colaboración, Innovación e Investigación para la Equidad Socio-educativa), “unha mostraxe estatisticamente representativa de centros públicos e privados de toda a provincia extensible ao resto da comunidade”. A profesora do Departamento de Didácticas Especiais María Álvarez Lires presentou os resultados desta investigación durante a I Xornada sobre Bullying e Acoso Escolar organizada pola Delegación de Alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que durante dous días recolle o testemuño de expertos para abordar dende o acoso nas novas tecnoloxías, ata a intervención psicolóxica e as posibles secuelas ou as estratexias de convivencia e mediación levadas a cabo con éxito en centros como o IES David Buján na localidade coruñesa de Os Campóns.

Entendendo por bullying “non só a violencia física, senón os insultos reiterados, facer o baleiro de continuo…” e sen incluír o ciberacoso, a porcentaxe de afectados nas aulas recollida neste estudo é moi similar á que aparece en informes de organizacións internacionais como a ONU, a OMS, Beat Bullying ou Save the Children, que salientan que 24 millóns de nenos e nenas e de adolescentes sofren cada ano acoso escolar na Unión Europea. Informes que poñen de manifesto datos como que detrás da metade dos 600.000 suicidios entre rapaces e rapazas de 14 a 28 anos está o bullying.

Publicidade

Hai informes que vinculan o bullying ao suicidio de 300.000 mozos e mozas

“A escola non pode resolver todos os problemas sociais, pode facer cousas para intervir ou paliar os efectos… pero o profesorado precisa instrumentos para afrontar estas situacións”, insiste a profesora. Precisamente ese foi o obxectivo co que naceron estas xornadas de man da Delegación de Alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte: ofrecer aos futuros docentes as ferramentas necesarias para afrontar una situación “cotiá que só salta á actualidade cando hai unha situación moi grave, xa que o resto se entende como violencia de baixa intensidade”. “É un dos temas nos que nos vemos menos preparados de cara a estar nun centro”, salientou Sara González, unha das organizadoras do evento xunto a Patricia Fernández.

Estudantes de Prácticum, ambas as dúas organizadoras ven “no día a día das aulas casos de acoso, ao mellor non de forma esaxerada, pero si con pequenos detalles”, explica Fernández, por iso consideran vital contar con formación nesta materia. Sobre todo nun momento no que as redes sociais fan que o bullying dea “un paso máis. Antes podían insultarte en clase, pero chegabas á túa casa e estabas tranquilo. Hoxe en día coas redes sociais chegas a casa e o acoso continúa”, recalca Fernández.

Durante a inauguración das xornadas, o decano da facultade, Vicente Romo, quixo facer fincapé na importancia de que a universidade sexa “un espazo de liberdade que lidere actuacións como estas contra unha lacra como é o acoso escolar” e un espazo onde “facelo público” e buscar solucións ao tempo que se fomenta “o respecto” na sociedade.

Un dos problemas de base do acoso é conseguir recoñecelo, xa que os propios rapaces e rapazas consideran que o concepto de bullying implica violencia. Pero non sempre ocorre, xa que o estudo do grupo CIES amosa que mentres que os homes si que recorren máis á agresividade física, as mulleres empregan máis a exclusión social e a agresividade verbal.

Os expertos recomendan aos afectados “que pidan axuda, que perdan o medo”, xa que o 60,4% das vítimas non fala por temor. Ademais, no 40% dos casos soen acudir ao outros compañeiros antes que á familia (25%), ao profesorado (18%) ou ao persoal orientador (9%), “polo que é moi importante tecer unha rede de colaboración e contar con que o alumnado do centro axude”, recalcou Álvarez Lires.

2 COMENTÁRIOS

  1. Quizais deberían facerse escolas de pais nas que se lle «lembrara» aos proxenitores cales son os valores que debemos ter como persoas e deste xeito poder transmitilo mediante unha axeitada educación en valores aos nosos fillos.

  2. Quizais habría q introducir unha asignatura q fose respecto polas diferenzas e polos demais en xeral, a valoración do esforzo e do traballo. E q a esa asignatura tamen fosen as nais e os pais e os medios de comunicación e a sociedades en xeral…, pq creo q ahí está a raíz de todo o problema.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

Alto do Príncipe, unha paisaxe chea de contrastres

Localizado no punto máis alto da illa de Monteagudo, as duras condicións ambientais deron lugar a curiosas formacións xeolóxicas

Praia de Figueiras, as especies invasoras como ameaza á biodiversidade

Este areal é un bo lugar para descubrir como a plantación de árbores de rápida expansión chega a desprazar a masa arbórea autóctona