Luis Romaní, durante a homenaxe. Foto: Duvi.

Luis Romaní, durante a homenaxe. Foto: Duvi.

Homenaxe do campus de Ourense a Luis Romaní pola súa xubilación

O catedrático de Física Aplicada, docente universitario durante case medio século, foi nomeado profesor emérito da UVigo

Como un recoñecemento á súa traxectoria académica e investigadora pero tamén á súa calidade humana. Con estas dúas premisas, membros da comunidade universitaria pero tamén amigos e discípulos de Luis Romaní, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, reuníronse este xoves no Edificio de Ferro do Campus de Ourense para renderlle homenaxe ante a súa inminente xubilación e sobre todo ante a aprobación no Consello de Goberno do pasado luns do seu nomeamento como profesor emérito desta institución. 47 anos despois de iniciar a súa actividade docente e 44 anos despois da súa chegada a Ourense, Romaní recibiu o recoñecemento por unha vida dedicada á Universidade e á física.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; e José Luis Legido, director do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, foron os encargados de intervir na homenaxe. De Luis Romaní, Virxilio Rodríguez destacou que el foi, xunto a outros, “un dos arquitectos construtores deste campus”, recalcando a débeda que “todos temos con estes precursores”. Alén de deterse a enumerar os principais fitos da súa traxectoria profesional, o vicerreitor quixo facer fincapé na “enorme calidade humana de Luis Romaní”, en quen, apuntou, “o talento vai acompañado de talante, o bo facer de bo entender”. Por este motivo, díxolle ao homenaxeado que “estamos de noraboa por poder seguir contando contigo neste campus e nesta Universidade”.

Asistentes á homenaxe a Romaní. Foto: Duvi.

Asistentes á homenaxe a Romaní. Foto: Duvi.

Subliñando tamén tanto a valía profesional como a persoal de Romaní, José Luis Legido repasou a historia común que os une. “Partimos da mesma cepa, María Inmaculada Paz Andrade, a nosa directora de tese”, lembrou o director do Departamento de Física Aplicada, que compartiu con Luis Romaní etapa docente no Colexio Universitario, orixe do actual campus de Ourense. Do agora profesor emérito da Universidade de Vigo, José Luis Legido destacou que “era un pracer traballar con el, sempre abría camiños, sempre tiña ideas e traballos interesantes”. Ademais, recalcou, “Luis foi e é un profesor que realmente vive a universidade”, polo que amosou a súa satisfacción pola súa continuidade na institución. Completando este recoñecemento e como responsable do centro ao que actualmente pertence o homenaxeado, Arno Formella gabou de Romaní o seu “traballo construtivo” na xunta de titulación que deu orixe á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “Luis quería facer as cousas ben, non daquela maneira, e así é como se debe traballar na universidade”, afirmou Formella.

Agradecendo a homenaxe, Luis Romaní botou durante a súa intervención unha pequena ollada a 47 anos de vida vinculados á docencia e á investigación. Nese repaso tivo palabras de recoñecemento para María Inmaculada Paz Andrade, de lembranza dos inicios nun colexio universitario “ao que cheguei pensando que sería para pouco tempo” e de agradecemento para os compañeiros e o alumnado cos que compartiu estes case 50 anos. Ante o seu nomeamento como emérito, o catedrático salientou con humildade como “os meus méritos son os dos meus colaboradores e iso éncheme de orgullo”.

Da súa traxectoria subliñou con especial satisfacción o feito de ter conseguido traer á universidade a José Peleteiro, Enrique Carballo e Clara Tovar, cos que configurou o grupo de investigación de Termofísica “nun momento no que non había nin tempo nin medios para facer investigación”. Deste xeito, recalcou o orgullo que representa para el ter formado un grupo de investigación “cun núcleo de xente tan valiosa”, tendo palabras de especial agradecemento para Claudio Cerdeiriña, Diego González e Jacobo Troncoso. Ademais, salientou como lle gustou acabar “simbólicamente” a súa etapa académica formando parte do claustro da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, polo que supuxo a consecución deste centro trala eliminación de Física. “En fin, vou seguir aquí e aquí me teredes para o que faga falta”, rematou dicindo o xa profesor emérito da Universidade de Vigo.

Luis Romaní, nado en Santiago de Compostela en 1947, licenciouse en Química e fixo o seu doutoramento en Física na Universidade de Santiago, trasladándose en 1973 a Ourense para inaugurar, xunto con outros dez profesores, o Colexio Universitario de Ourense, orixe do actual campus. Entre os méritos acumulados ao longo de 47 anos de actividade destacan máis de 140 artigos publicados en revistas científicas especializadas de termodinámica de líquidos, reoloxía e superconductividade; sete patentes; a dirección de 15 teses de doutoramento e a captación de máis dun millón de euros en concorrencia competitiva como investigador principal de 23 proxectos de investigación e doutro millón de euros para a adquisición de infraestruturas científicas para o campus. O próximo curso continuará vinculado á institución académica como profesor emérito, un título honorífico de carácter vitalicio que lle corresponde “polos seus destacados servizos á Universidade en docencia e investigación” e que lle permitirá continuar traballando nela trala súa xubilación.

Unha resposta a “Homenaxe do campus de Ourense a Luis Romaní pola súa xubilación”

  1. Olga Villarino Rodríguez.

    Mi mas cordial enhorabuena, por tan merecido homenaje.
    Te recuerdo, con mucho cariño como un gran compañero de carrera, siempre dispuesto a ayudar y con muy buen carácter.
    Espero verte en la celebración de los 50.
    Un fuerte abrazo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.