Histórica imaxe da Terra tomada pola misión Apollo en 1972. Foto: NASA.

Histórica imaxe da Terra tomada pola misión Apollo en 1972. Foto: NASA.

Investigadores da USC únense a ‘Advertencia dos Científicos do Mundo á Humanidade’

Máis de 15.000 científicos de 184 países publican un manifesto que advirte de que o noso mundo está nun gravísimo perigo

Hai 25 anos, a asociación norteamericana Union of Concerned Scientists e máis de 1500 científicos independentes escribiron ‘ A Advertencia dos Científicos do Mundo á Humanidade’, na que reclamaban “un gran cambio na forma de coidar a Terra e a vida sobre ela” se quería evitarse unha “enorme miseria humana”. Os autores temían que a humanidade estaba empurrando os ecosistemas máis aló da súa capacidade de soportar a rede da vida.

Chegados a este tempo, a comunidade científica observou que, coa excepción de que se estabilizou a capa de ozono, desde 1992 a humanidade fracasou en facer suficientes progresos para resolver os retos ambientais previstos. Como especialmente preocupante sublíñase o catastrófico cambio climático de orixe humana debido ás crecentes emisións de GEI procedentes da queima de combustibles fósiles, a deforestación e a produción agrícola. Ademais, destacan a extinción masiva de especies, a sexta nuns 540 millóns de anos, mediante a que moitos das actuais formas de vida poderían ser aniquiladas.

O manifesto advirte dunha ‘enorme miseria humana’ se non cambiamos

Así, 25 anos despois da primeira advertencia, a comunidade científica volve alertar da situación nun Segundo Aviso á Humanidade, publicado en BioScience –con William J. Ripple, da Universidade Estatal de Oregon (EE.UU), como principal asinante­– e apoiado por máis de 15.000 científicos de todo o mundo, entre eles numerosos da USC como Celia Besteiro, Sofía Debén García, Emilio Díaz Varela, Pablo Guitián, Sara Martínez Santalla, Sara Pérez‐Polo, Raquel Rodríguez Vázquez, Emilio Rolán, Victoriano Urgorri, Zulema Varela ou Sebastian Villasante.

Este novo manifesto advirte do perigo do noso futuro dado “o desproporcionado consumo material e o aloucado crecemento da poboación mundial”. Para corrixir a situación, apuntan diversas accións para a transición á sustentabilidade como promulgar grandes reservas de hábitats protexidas; manter os servizos ecosistémicos da natureza; restaurar comunidades con plantas autóctonas a grande escala; remediar a extinción de especies animais, a caza furtiva e a explotación e comercio de especies ameazadas; reducir o desperdicio de alimentos mediante educación e mellores infraestruturas; promover un cambio cara a dietas máis vexetais e menos animais; promover a redución dos índices de fertilidade; aumentar a educación ambiental ou idear e promover tecnoloxías non contaminantes e adoptar masivamente enerxías renovables.

A comunidade científica asinante pretende co novo escrito presionar aos líderes políticos á vez que a medios de comunicación e cidadanía para que insistan en que os seus gobernos pasen “á acción inmediata, como un imperativo moral cara ás actuais e futuras xeracións, humanas e doutras formas de vida”. No manifesto lembran que esa presión si pode resultar efectiva cun exemplo: “a rápida redución mundial das substancias que destruían a capa de ozono móstranos que podemos facer cambios positivos cando actuamos de maneira decidida”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.