Inmaculada Paz Andrade recibindo o diploma de mans do reitor en funcións, Salustiano Mato. Foto: Duvi.

Inmaculada Paz Andrade recibindo o diploma de mans do reitor en funcións, Salustiano Mato. Foto: Duvi.

Inmaculada Paz Andrade, investida como doutora honoris causa pola UVigo

A catedrática de Física Aplicada, referencia mundial da microcalorimetría, foi homenaxeada na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra

Considerada unha referencia mundial nos ámbitos da microcalorimetría e calorimetría diferencial de barrido, a catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela María Inmaculada Paz Andrade foi a primeira muller nomeada, en 1979visiting research professor da Universidade de Manchester. Previamente, en 1964, foi tamén a primeira profesora adxunta interina na USC, onde en 1983 se convertería na primeira catedrática de Física Aplicada e preto de tres décadas despois sería tamén a primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedad Española de Física. Este mércores, aos seus 89 anos converteuse na primeira pontevedresa nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Vigo nun acto celebrado na Escola de Enxeñaría Forestal, a carón da parroquia de Lérez, onde naceu en 1928. A proposta do Departamento de Física Aplicada, o Consello de Goberno acordou o pasado 21 de marzo outorgar a súa máxima distinción a Paz Andrade, que nesta xornada se convertía na honoris número 27 na historia da institución académica nun acto no que salientaba “que se xa me sentía unida da esta Universidade, agora estouno moito máis por este nexo tanxible”.

Inmaculada Paz Andrade, acompañada pola secretaria xeral da UVigo en funcións, Gloria Pena, e o profesor José Luis Legido. Foto: Duvi.

Inmaculada Paz Andrade, acompañada pola secretaria xeral da UVigo en funcións, Gloria Pena, e o profesor José Luis Legido. Foto: Duvi.

Paz Andrade, cuxo nomeamento como honoris causa foi aprobado conxuntamente coa concesión desta distinción á experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins Jacquelyn Campbell, converteuse así mesmo na terceira muller, tras Lynn Margullis e Eirén Moure, en recibir o diploma, o barrete, o libro da ciencia e da sabedoría, o anel, as luvas brancas e a medalla que a distinguen como honoris causa, nun acto no que o catedrático de Física Aplicada José Luis Legido, responsable de propor a súa candidatura xunto a Marta María Lado, exerceu como padriño desta “muller pioneira”, que, salientou, dedicou “45 anos sen descanso á investigación científica”.

O reitor en funcións da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o reitor da UDC, Julio Abalde; o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López; o vicerreitor en funcións do campus de Pontevedra; Juan Manuel Corbacho, e o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, presidiron un acto que contou coa actuación do coro do campus e que reuniu na EE Forestal a diferentes autoridades. Entre elas, a presidenta do Congreso dos Diputados, Ana Pastor; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; ou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. No que será un dos seus derradeiros discursos antes de abandonar o cargo, Mato destacou os méritos de Paz Andrade, quen foi a súa profesora de Física ao chegar á USC. “Non me pasou desapercibida. Nin daquela, nin agora. Muller pioneira que se impón nun mundo totalmente masculino onde predominaban no azul mariño e o gris escuro”, asegurou Mato, que dixo aprender da nova honoris a capacidade de escoitar, ao tempo que destacou o seu compromiso co seu país.

Paz Andrade, xunto a José Luis Legido.

Paz Andrade, xunto a José Luis Legido.

Tras recoñecerse celtista e salientar o seu amor por unha cidade, Vigo, na que “se estableceu boa parte da miña familia”, Paz Andrade iniciou a súa intervención lembrando a cada familiar na que naceu, na parroquia de Lérez, “onde naceu e morreu o meu avó, o poeta Juan Bautista Andrade”, antes de rememorar como iniciou a súa licenciatura en Ciencias na USC “sen entusiasmo nin vocación”, que era a medicina, para logo descubrir que “traballar nun laboratorio encantábame”. Foi así como deu inicio a unha extensa traxectoria investigadora, na que “introduciu a microcalorimetría en España e creou escola investigadora nesta especialidade”, salientou Legido, que lembrou como Paz Andrade impulsou o grupo de Microcalorimetría da USC para o que construíu “coas súas propias mans” dous microcalorímetros a partires dos planos que lle facilitara o director do Instituto de Microcalorimetría e Termoxénese do CNRS de Marsella, Eduard Calvet.

A propia Paz Andrade lembraba de feito como iniciou os seus estudos de doutoramento na USC cun “calorímetro que era unha antigüidade e que non había forma de facer funcionar”, antes de obter unha bolsa de Fundación Juan March para continuar as súas investigacións en Marsella, onde obtivo o certificado de estudos superiores en termoxénese. Tralo falecemento de Calvet, Paz Andrade desenvolveu unha extensa colaboración coa Universidade de Manchester e co seu catedrático Henry Skinner quen, lembrou, foi decisivo en 1973 para facerlle desbotar a idea de abandonar a carreira académica. Naquel ano, relatou, presentouse a unha praza de agregado en termodinámica “nunha universidade de Andalucía”, na que un membro do tribunal “aconselloume que me retirara, porque o director general de Universidades da época dixo que non a podía obter de ningunha maneira por non ser adepta ao réxime”. No seu discurso, Paz Andrade lembrou as preto de tres décadas de colaboración coa Universidade de Manchester, así como algunhas das principais liñas de investigación nas que traballaron, como por exemplo, o desenvolvemento da “fórmula do complexo que substituiría ao platino como catalizador” na análise química de hidrocarburos.

Paz Andrade lembrou que comezou a carreira “sen vocación” ata que descubriu a paixón polos laboratorios

Recoñecida con distincións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Premio María Wonemburger, o premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares y Rodrigo ou as insignias de ouros da USC e da Real Sociedad Española de Química, a académica á que a “prestixiosa revista Journal of Chemical Thermodynamics” dedicou en 1994 un número monográfico”, lembrou Legido, atesoura tamén na súa traxectoria a dirección de 39 teses de doutoramento, a publicación de preto de 20 libros e capítulos e a coordinación de 29 proxectos de investigación. Entre eles, o desenvolvido polo grupo multidisciplinar Thor, centrado no desenvolvemento de “sistemas informáticos para loitar contra os incendios forestais en todas as súas etapas”, que impulsou en 1999 coa participación de máis de 40 especialistas.

Ademais de para agradecer un recoñecemento que “para min é o máximo, unha honra que me enche de alegría”, Paz Andrade tamén quixo aproveitar a súa intervención para propor á Universidade de Vigo, “a máis sensible ás necesidades de Galicia”, a creación dunha facultade de ciencias xeolóxicas que levase o nome do “extraordinario científico galego” Isidro Parga Pondal.

No seu discurso, Paz Andrade pediu a creación dunha facultade de Xeoloxía co nome de Parga Pondal

Nun discurso, no que gabou os méritos académicos e a traxectoria investigadora de María Inmaculada Paz Andrade, ou Ada, como lle gusta que lle chamen, o reitor en funcións referiuse á cerimonia de investidura de doutoras e doutores honoris causa como “o acto máis importante da vida dunha universidade, no que se outorga este título honorífico ás persoas eminentes que brillan con luz propia e son un exemplo a seguir para outras”. De entre os numerosos recoñecementos recibidos por Paz Andrade ao longo da súa vida, Mato fixo fincapé na Medalla Castelao, que lle outorgou a Xunta no ano 2008, e que o reitor lembrou, tamén recibira o seu tío Valentín Paz-Andrade, “autor da inmensa biografía de Castelao, que dá nome a esta condecoración e a tantas cousas máis. Un rianxeiro que como eles aniñou en Pontevedra, esta cidade, esta provincia pequena, que achegou a Galicia e a España e ao mundo figuras que nos gobernaron e gobernan, tal e como acontece hoxe na figura do presidente do Goberno da nación ou da presidenta do Congreso dos Deputados, que nos acompaña”, dixo Mato.

O reitor en funcións destacou tamén o compromiso da honoris co seu país, así como o traballo de formación de centos de científicas e científicos, así como “a xeración de riqueza intelectual e económica nun país que o necesitaba e o necesita na actualidade”, dixo.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.