Inditex xa conta na UDC coa súa Cátedra de Responsabilidade Social.

Inditex xa conta na UDC coa súa Cátedra de Responsabilidade Social.

Inditex investirá 1,5 millóns para captar na Coruña investigadores internacionais

Crean o programa InTalent co que a Universidade da Coruña incorporará científicos de prestixio

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente de Inditex, Pablo Isla, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades para crear un programa de captación de investigadores excelentes de ámbito internacional denominado “InTalent”.

Este programa permitirá atraer á Universidade da Coruña a científicos con proxección e ampla traxectoria internacional para que desenvolvan os seus proxectos innovadores nos centros de investigación da UDC. InTalent ten como obxectivos o incremento da calidade docente e investigadora, a mellora das oportunidades de emprego e emprendemento do alumnado e unha maior visibilización da Universidade da Coruña no ámbito internacional.

Pablo Isla asinou o acordo co reitor Julio Abalde.

Pablo Isla asinou o acordo co reitor Julio Abalde.

Segundo explicou o reitor, “a pretensión é que a UDC teña capacidade de retención do talento xurdido na propia universidade, posibilitar o retorno de investigadores excelentes e atraer a científicos de prestixio para que desenvolvan a súa investigación nos centros do noso Parque Tecnolóxico na Coruña e Ferrol”.

Inditex aportará a cantidade global de 1.450.000 euros, coa que se financiará os investigadores e a dotación específica para o desenvolvemento da súa investigación, de acordo co establecido no convenio que estará vixente ata o ano 2021.

A Universidade da Coruña seleccionará seis científicos que se incorporarán anual e progresivamente en grupos de dous nas convocatorias que se abrirán nos anos 2017, 2018 e 2019. Rematado o período de estadía de cada investigador, a Universidade da Coruña incorporaraos como persoal docente e investigador. Os científicos serán seleccionados por unha comisión que avaliará os seus méritos, sendo a excelencia investigadora o criterio principal. Valorarase tamén o impacto científico e social positivo do plan de investigación. Cada investigador permanecerá contratado con cargo ao convenio durante dous anos, con posibilidade de prórroga dun ano máis.

Seis científicos de prestixio chegarán á UDC contratados grazas ao acordo con Inditex

A Universidade da Coruña e Inditex crearán unha comisión mixta paritaria que velará polo bo funcionamento do Programa.
No acto de firma desta mañá estiveron presentes, ademais do reitor e o presidente de Inditex, o presidente do Consello Social da UDC, secretario Xeral de Inditex, Antonio Abril, o ex reitor Xosé Luís Armesto e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, así como o Adxunto a Transferencia, Fidel Cacheda.

A relación da UDC con Inditex propiciou no ano 2010 a creación da Cátedra de Responsabilidade Social, pioneira entre as universidades españolas. O Programa InTalent complementa a liña de colaboración de apoio ao talento promovida pola Universidade da Coruña e Inditex coas axudas para estadías predoutorais en universidades estranxeiras de referencia que comezaron a ofrecerse ao alumnado de doutoramento desde 2013. Julio Abalde trasladoulle esta mañá a Pablo Isla o agradecemento da institución a Inditex, así como ao labor realizado na relación coa empresa do presidente do Consello Social, Antonio Abril.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.