concurso-lacaixa-portada2

GCiencia e La Caixa convocan o I Premio Universitario de Comunicación Científica

O concurso está aberto a estudantes de Xornalismo e Comunicación de Santiago, A Coruña e Pontevedra, que presentarán reportaxes sobre investigacións universitarias

Divulgar a investigación que se fai nas universidades galegas, promover o xornalismo científico e animar os estudantes universitarios a coñecer a ciencia nos seus campus son os obxectivos do I Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica, convocado pola Obra Social “la Caixa” e GCiencia, a web da Ciencia en Galicia.

O premio conta coa  participación das tres universidades galegas —A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo— e está dirixido a estudantes das facultades de Xornalismo e Comunicación para que, a través de reportaxes escritas ou audiovisuais, ou mediante a combinación de ambas as dúas modalidades, investiguen e conten a ciencia que se fai nos seus campus.

De acordo coas bases do premio, os alumnos presentarán as súas propostas de reportaxe ata o próximo 11 de abril. Que investiga un laboratorio dunha facultade próxima, unha entrevista co autor dunha interesante tese, por que recibiu un premio unha investigación, que aplicacións prácticas terá un proxecto europeo que se desenvolve no seu campus… Todos os temas científicos son válidos. Nunha primeira selección se escollerán as oito mellores propostas, que se poderán entregar ata o 12 de maio. GCiencia publicará despois estas reportaxes escritas ou audiovisuais e un xurado elixirá o gañador no mes de xuño. O xurado estará formado por representantes de “la Caixa”, as tres universidades, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e GCiencia.

Premio de Comunicación Científica

Cartel do I Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica.

O I Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica quere involucrar os estudantes galegos no coñecemento da investigación que se desenvolve nos seus campus, moi preto de onde cursan as súas titulacións, así como promover o xornalismo e a divulgación científica entre os futuros profesionais da comunicación.

O premio está impulsado pola Obra Social “la Caixa” e GCiencia, a web da Ciencia en Galicia. Trátase dun medio de comunicación dedicado á información e divulgación científica. Desde o seu nacemento, en novembro de 2013, experimentou un gran crecemento, sendo actualmente a páxina web número 41 en audiencia en Galicia (ránking Alexa), nunha clasificación na que se inclúen entidades financeiras, concellos e grandes grupos mediáticos e empresariais.

GCiencia ofrece información e divulgación científica a través de xornalismo escrito e audiovisuais. Nos seus primeiros catro meses de vida, publicou máis de 200 reportaxes sobre ciencia e investigación en Galicia, demostrando o grande interese que o tema suscita na sociedade. GCiencia conta con colaboradores de prestixio no eido científico, a través das súas tribunas.

Esta primeira edición do premio foi posible grazas á implicación da Obra Social de La Caixa e a colaboración dos decanos de Ciencias da Comunicación de Santiago, Xosé Pereira, e da Coruña, José Juan Videla, e do de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, José Manuel Corbacho.

Descarga as bases do I Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica

Leer en español.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.