Explotación mineira a ceo aberto.

Explotación mineira a ceo aberto.

Estudos universitarios explosivos

Enxeñería de Minas de Vigo imparte un curso sobre detonantes, usados dende a minaría ata para facer saltar un airbag

Tanto na explotación de xacementos minerais como na execución de obras públicas, unha das técnicas máis empregadas é a fragmentación das rochas mediante o uso de explosivos, ao permitir a realización de grandes desmontes en rocha, a escavación de túneles para estradas e ferrocarrís, ou a demolición de grandes estruturas como pontes ou edificios. O arranque de rochas con explosivos comeza no século XVII, cando se empezou a empregar a pólvora en minería e foi desde a invención da dinamita por Alfred Nobel en 1867, cando o arranque e fragmentación de rochas con explosivos experimentou grandes e continuos avances. O desenvolvemento de novas substancias explosivas máis potentes e o deseño de accesorios de iniciación e conexión máis precisos e versátiles, permitiron poñer en marcha novas técnicas de voadura máis eficientes e seguras a través do emprego das innovacións tecnolóxicas.

O enxeñeiro Vicente Quirós, especialista en explosivos.

O enxeñeiro Vicente Quirós, especialista en explosivos.

“En España, o marco normativo atribúe competencias exclusivas en materia de explosivos, aos enxeñeiros de Minas e os enxeñeiros técnicos de Minas coa especialidade correspondente”, explica Benito Vázquez, director da ETS de Enxeñaría de Minas, que vén de ser o escenario dun curso promovido polo Colegio de Ingenieros de Minas del Noroeste, dirixido a profesionais e alumnado da Escola. Impartido polo enxeñeiro Vicente Quirós, o curso afondou durante dúas xornadas en cuestións relacionadas co emprego de explosivos en voaduras e demolicións; lexislación aplicable; deseño da voadura; así como criterios de selección dos explosivos e o control das vibracións producidas polas detonacións.

Pero o uso dos explosivos non se circunscribe unicamente aos ámbitos da minería e a obra civil. Calquera automóbil monta pequenas cargas pirotécnicas que facilitan que os sistemas de seguridade cumpran eficazmente co seu cometido: non só os airbag, senón tamén os pretensores dos cintos de seguridade e incluso outros elementos que cortan as conexións da batería en caso de accidente, empregan cargas explosivas.

A explosión libera unha enerxía concentrada químicamente

“O obxectivo fundamental no emprego dun explosivo, ben sexa para a fragmentación dunha rocha ou para a activación dun airbag, consiste en dispor dunha enerxía concentrada quimicamente, situada no lugar apropiado e en cantidade suficiente, de maneira que, liberada de modo controlado en tempo e espazo, acade o resultado pretendido” detalla Vázquez, que insiste en que a través dos coñecemento adquiridos durante a súa formación, os enxeñeiros e enxeñeiras de Minas son os técnicos encargados de poñer ao servizo da sociedade as mellores técnicas dispoñibles no emprego de explosivos para uso civil.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.