Enric Trillas (esquerda), e Jean-Michel Uhaldeborde. Foto: USC

Enric Trillas (esquerda), e Jean-Michel Uhaldeborde. Foto: USC

Enric Trillas e Jean-Michel Uhaldeborde, investidos ‘honoris causa’ pola USC

Os novos doutores foron propostos polos departamentos de Electrónica e Computación e Economía Aplicada

A Universidade de Santiago de Compostela conta desde a mañá deste venres con dous novos doutores honoris causa. Nunha ceremonia celebrada no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, foron investidos Enric Trillas, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, e Jean-Michel Uhaldeborde, catedrático de Economía. O reitor da USC, Juan Viaño, destacou de ambos “o seu impresionante talento para a xeración do coñecemento, a súa gran preocupación pola transmisión do aprendido, o seu grande esforzo e dedicación ás ciencias e a súa admiración polo ser humano. Estamos antes dúas persoas capaces de aplicar solucións transcendentes a problemas moi importantes que temos as sociedades do século XXI”, sinalou o reitor.

Trillas e Uhaldeborde estiveron apadriñados polos catedráticos Senén Barro e Luis Caramés

O matemático Enric Trillas, investigador emérito do European Centre for Soft Computing, foi proposto polo Departamento de Electrónica e Computación “pola súa indubidable valía científica e docente e a súa constante dispoñibilidade a colaborar coa USC en todas cantas iniciativas se lle teñen proposto”. Estivo apadriñado polo catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC Senén Barro Ameneiro. Barro destacou que Trillas, “como Albert Einstein cre que a investigación non xorde dun programa, senón do corazón, e ve con preocupación a muda do profesor ou investigador sabio en alguén que xestiona proxectos e contratos”. O padriño tamén destacou o papel de Trillas como “o pai da lóxica borrosa no noso país”, sinalando que, grazas á labor de Trillas, España “é unha potencia mundial neste campo”.

De esquerda a dereita: Enric Trillas, Jean-Michel Uhaldeborde, Juan Viaño, Luis Caramés e Senén Barro.

De esquerda a dereita: Enric Trillas, Jean-Michel Uhaldeborde, Juan Viaño, Luis Caramés e Senén Barro. Foto: USC

Enric Trillas foi presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nos anos 80 e, en 2006, xa recibira a Insignia de Ouro da USC. Coa institución compostelá mantén contacto dende 1985, a partir dun traballo de doutoramento de Alejandro Sobrino, que logo derivou nunha intensa colaboración co Departamento de Lóxica e Filosofía da Ciencia e co de Electrónica e Computación.

O outro novo doutor honoris causa, o catedrático de Economía da Université de Pau et des Pays de l’Adour (Francia) Jean-Michel Uhaldeborde, foi proposto polo Departamento de Economía Aplicada da USC. Nos anos 80 iniciou unha relación investigadora coa entidade compostelá, concretamente coa sección de Facenda Pública. Uhaldeborde é especialista no campo da economía e as políticas públicas, particularmente nas que se refiren ao desenvolvemento local e o seu financiamento, sendo considerado hoxe unha referencia europea na materia. O catedrático de Economía Aplicada da USC Luís Caramés interveu como padriño no acto de investidura subliñando que o profesor Uhaldeborde “é un economista pegado ao terreo, que non fuxe das técnicas estatística e econométricas, pero que sabe o importante de non esquecer as institucións, na que máis nobre tradición da economía política”.

O novo doutor honorífico é co editor xunto co propio profesor Caramés da revista UrbanPublic Economic Review e avaliador de numerosas revistas científicas da súa especialidade e membro de comité científicos de varios organismos estatais. Uhaldeborde impartiu clases en todos os niveis de ensino superior en economía aplicada en institucións universitarias de Europa e América. Tamén foi consultor de organismos internacionais e, na actualidade, colabora coa OCDE.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.