Umia verde

O encoro de A Baxe, en Caldas de Reis, tinguido de verde. / L. M. Bugallo

A deterioración do bosque tingue o Umia de verde

Un estudo da investigadora Xana Álvarez ofrece a primeira explicación científica dun fenómeno que mantén alerta á poboación do Salnés

Xana Álvarez

Xana Álvarez.

Cada verán, as augas do Umia tínguense de verde. Especialmente cando a chuvia escasea e as temperaturas se disparan. A presenza da temida cianobacteria microcystis -tóxica, aínda que non chegue á auga do consumo- é a causante dun problema que dende 2010 provocou a alarma da poboación e tamén da Xunta, que se gastará 22 millóns de euros nun plan que inclúe un tratamento experimental con codia de eucalipto. Pero ninguén ata a data dera coas causas concretas dun fenómeno relativamente recente.

A investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal de la Universidad de Vigo Xana Álvarez é a primeira en ofrecer unha explicación ao misterioso verde do Umia, que vincula a desmesurado deterioro do bosque de ribeira, un “filtro verde” que antes da súa destrución retiña aos nutrientes que alimentan a bacteria. Así é como esta chega a niveis tan elevados no  encoro da Baxe, en Caldas de Reis.

A desaparición do bosque de ribeira facilita a expansión das cianobacterias que colorean as augas

Nun estudo realizado como parte do seu doutoramento, Álvarez analizou a vexetación de preto de 70 quilómetros da ribeira do Umia, desde o encoro ao seu nacemento no municipio de Forcarei, para constatar o deterioro do bosque do río que “abastece de auga á poboación do Salnés”. Esta “alármase todos os veráns” pola proliferación das algas, que ten entre as súas causas “un problema de eutrofización, consistente nun exceso de nutrientes”, procedentes principalmente de actividades gandeiras e vertidos urbanos, segundo informa o Duvi.

Isto provoca que, ante a ausencia dese “filtro verde”, cheguen ao encoro “importantes cantidades de nitratos e fosfatos”, que motivan a proliferación das algas verdes. Entre elas, as citadas cianobacterias, “que producen unha toxina chamada microcistina”, explica esta investigadora, que destaca que Augas de Galicia  “ten un protocolo de actuación para medir a toxina da auga e, loxicamente, controlala”.

Como parte da investigación que realiza baixo a dirección dos profesores da EE Forestal Enrique Valero, Juan Picos e Ángeles Cancela, Álvarez empregou un “índice específico de bosques de ribeira” para obter unha “perspectiva real” de como se atopa actualmente o do Umia.

A Xunta implantou un plan de 22 millóns de euros contra a contaminación que inclúe un tratamento con codia de eucalipto

As conclusións deste estudo, que foron publicadas na revista Ecological Engineering, amosan un “bosque moi alterado”, principalmente nas “zonas máis próximas ao seu nacemento, polas actividades gandeiras e agrícolas” que nelas se desenvolven, e que motivaron que “os pastos fosen comendo territorio ao bosque”. Unhya situación que, por outra banda, contrasta cos estudos realizados noutros países, onde as zonas más deterioradas “adoitan ser as de desembocadura”.

“Practicamente o 65% da superficie precisa medidas de recuperación e en torno a un 16% de reinstauración, xa que o bosque é practicamente inexistente”, apunta Álvarez. Pola contra, só o 18% da superficie analizada atópase nunhas “circunstancias próximas ás óptimas”, o que fai que a evolución natural resulte a estratexia máis apropiada de cara ao futuro.

Os profesores Enrique Valero, Ángeles Cancela e Juan Picos.

Os profesores Enrique Valero, Ángeles Cancela e Juan Picos.

Para o resto das zonas, Álvarez avoga por adoptar “medidas de reforestación e de eliminación de especies invasoras”. Neste senso, a investigadora incide en que se detectou na ribeira do Umia “unha porcentaxe de especies non nativas importante”. Concretamente, Álvarez recompila no seu artigo 37 tipos de árbores e arbustos propias deste ecosistema, 30 non nativas e outras 8 “exóticas ou invasivas”.

A recuperación do bosque de ribeira con “especies propias” constituiría, relata Álvarez, “unha posible solución para o problema de eutrofización”, xa que se recuperaría ese “filtro verde” que impediría que chegase a desembocadura un exceso de nutrientes. Non obstante, a investigadora deixa tamén claro que esta repoboación é unha solución “a longo prazo” que non resolvería por completo o problema, pero que si “o minoraría considerablemente”.

Neste senso avoga por combinala con outra serie de medidas, nas que tamén está a investigar no marco da súa tese de doutoramento, na que analiza “como solucionar este problema de principio a fin, e non só véndoo como un posible problema de saúde humana, senón tamén tendo en conta os prexuízos que supón para o medio ambiente, para o ecosistema en xeral”. Por ese motivo, Álvarez traballa nos laboratorios da EE Forestal no análise de “diferentes métodos de separación da alga da auga”, que permitirían a posterior utilización dese recurso, por exemplo, como biodiésel.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.