De esquerda a dereita: Nazaret Rodríguez, premio ao mellor traballo de fin de grao ou mestrado, Luis Gimeno, premio á mellor contribución científica, e Óscar Sampedro, recoñecido coa mellor tese de doutoramento. Imaxes: Duvi.

De esquerda a dereita: Nazaret Rodríguez, premio ao mellor traballo de fin de grao ou mestrado, Luis Gimeno, premio á mellor contribución científica, e Óscar Sampedro, recoñecido coa mellor tese de doutoramento. Imaxes: Duvi.

O Campus da Auga recoñece 10 proxectos na primeira edición dos seus premios

O concurso convocado polo campus de Ourense estaba dirixido ao persoal docente e investigador da UVigo, que presentou 31 propostas

Sete traballos de investigación e tres iniciativas de diferente índole veñen de ser distinguidos na primeira edición dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga. Este mércores fíxose pública a resolución pola que se conceden uns galardóns que teñen como obxectivo visibilizar e fomentar o traballo da comunidade universitaria en temas relacionados co motor estratéxico de especialización do campus de Ourense. Entre os galardoados están unha tese sobre sensores fotónicos para monitorización remota de ecosistemas e un traballo fin de grao sobre valorización de augas mineromedicinais para a elaboración de cremas solares con extracto de pebida de bagazo.

Os premios buscan visibilizar e fomentar o traballo de especialización do campus

A esta primeira edición dos premios, dotados en total con 3.600 euros achegados por Viaqua, podía presentarse persoal docente e investigador da Universidade de Vigo e alumnado matriculado nos cursos 2014/2015; 2015/2016 e 2016/2017 nesta institución académica. “En total recibimos 31 propostas. Unha cifra moi positiva tendo en conta que estamos ante a primeira edición e que os traballos presentados abranguen moitos dos eixes de actuación do Campus da Auga”, apunta Virxilio Rodríguez, comisionado do Campus da Auga e vicerreitor do campus de Ourense. Estes galardóns, engade, “permiten aflorar e dar unha visión de conxunto” do traballo que se está facendo no campus en investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación arredor da temática da auga e “poñen de relevo que a especialización é xa unha realidade”.

Traballos sobre cremas solares, cambio climático ou sensores fotónicos

O premio ao traballo fin de grao ou de mestrado máis destacado foi para Nazaret Rodríguez, polo estudo Valorización de augas mineromedicinais para a elaboración de cremas solares con extracto de pebida de bagazo. “Obter o premio da primeira edición supón un enorme orgullo e satisfacción, xa que é un recoñecemento ao traballo realizado durante moitos meses non só por min senón tamén por María José Pérez e Elena Falqué, que titorizaron este traballo e fixeron posible todo isto”, destacou a egresada da Facultade de Ciencias ao coñecer a concesión do premio. Nesta categoría tamén se concederon dous accésits aos traballos Estudo da evolución da concentración de Phytophthora e Alternaria sobre un cultivo de patacas e aplicación de modelos de predición, de Laura Meno,Réxime xurídico das augas termais en Galicia e primeiros pasos xurídico-administrativos para o aproveitamento dunha surxencia termal nun fundo privado, de Iván Fernández.

O premio de investigación a teses de doutoramento foi para Óscar Sampedro, enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, pola súa tese sobre o deseño de sensores fotónicos para monitorización remota de ecosistemas. Tamén se outorgou un accésit a Susana Peña pola súa tese sobre a influencia dos procesos edáficos na distribución de mercurio en solos naturais e aplicación de residuos agroalimentarios, como a concha de mexillón, para a súa inmobilización.

Presentáronse un total de 31 propostas por parte de alumnos, investigadores e docentes

O premio de investigación á mellor contribución científica foi para o físico Luis Gimeno polo artigo publicado en novembro de 2016 na Annual Review of Environment and Resources titulado Major Mechanisms of Atmospheric Moisture Transport and Their Role in Extreme Precipitation Events. Neste caso concedeuse un accésit a Laura Movilla por O dereito internacional da auga. Os acuíferos transfronteirizos.

Na categoría de innovación educativa relacionada con estudos de grao e posgrao outorgouse un accésit a Jesyca Salgado polo Curso Complementario: Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos. As claves do éxito, que na súa edición de 2016 dedicou atención especial aos eventos deportivos relacionados coa auga. Por último, o galardón a accións ou actividades de divulgación científica recaeu no físico Juan Antonio Añel polo ciclo de conferencias Visións interdisciplinarias do cambio climático tras a COP21. Tamén se concedeu un accésit ao profesor da Facultade de Dereito Roberto O. Bustillo pola Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad Redas, a primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente. O Premio ao Mellor Resultado de Transferencia declarouse deserto por non terse recibido solicitudes nesta modalidade.

O acto de entrega dos premios realizarase nunha gala aberta ao público que terá lugar o día 13 de decembro, ás 20.00 h, no Teatro Principal de Ourense.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.