Foto de familia do cumio entre UVigo e Universidade do Porto.

Foto de familia do cumio entre UVigo e Universidade do Porto.

As universidades de Vigo e Porto captaron 10 millóns de euros en dous anos

O cumio entre ambas as dúas institucións abre novas vías de colaboración

Fortalecer alianzas estratéxicas en materia de innovación social e emprendemento; identificar oportunidades de creación e consolidación de emprego cualificado e afianzar a cooperación e competitividade interterritorial son os piares da estratexia de acción definida este xoves no II Cumio Universidade do Porto-Universidade de Vigo celebrado na institución académica lusa e na que tomaron parte os equipos de goberno de ambas as súas institucións, encabezados polos reitores Sebastião Feyo de Azevedo e Salustiano Mato. Desde o primeiro cumio, celebrado en Vigo o ano 2015, ambas as dúas universidades desenvolveron proxectos conxuntos en áreas como investigación, mobilidade, innovación e emprendemento, empregabilidade e organización. Froito dese traballo conxunto nos ámbitos das relacións internacionais e cooperación rexional acadáronse máis de 10,6 millóns de euros de investimento en Galicia e no norte de Portugal.

No ámbito da innovación e emprendemento, a Universidade do Porto e a Universidade de Vigo contan neste intre cun conxunto de proxectos comúns, como Academia2Business, FIRE RS!, Smart and Greend Technologies, Erasmus Mundos DREAM,IMAXINA!, Sherpa do mar, AQUA_INNOVA, OPEN_INNOFOOD, SEATALK. As institucións académicas entenden neste intre como prioritario reforzar a identificación de novos proxectos que permitan potenciar a rexión Norte de Portugal e Galicia, tendo en conta as fortalezas e oportunidades deste clúster transfronteirizo.

Pola súa banda, no ámbito do ensino e a mobilidade, ademais de analizar programas conxuntos como ANGLE, Erasmus Mundos DREAM e Iacobus, as e os participantes no cumio analizaron novos modelos para accións integradas, dirixidas aos 1º, 2º e 3º ciclo de formación, así como novos proxectos que potencien a mobilidade de persoal docente, investigador e de administración e servizos.

cu3

No cumio celebrado hoxe as universidades de Vigo e Porto tamén acordaron reforzar a importancia e estreitar a colaboración en proxectos de empregabilidade, como é ocaso da feira de emprego Finde.U, así como en infraestruturas científico-tecnolóxicas e na captación de empresas e parceiros que reforcen a competitividade na rexión Galicia-norte de Portugal.

As sinerxías entre as ambas dúas universidades xorden no contexto do Plan de Investimentos Conxuntos da Euro Rexión Galicia-norte de Portugal 2014-2020, desenvolvido pola CCDR-N e pola Xunta de Galicia e do Interreg España-Portugal 2014-2020, anterior Poptec. Ambos abarcan, entre outras cuestións, o reforzo da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e da innovación en ambos mercados, no sentido de potenciar a competitividade das pequenas e medianas empresas, un obxectivo para o que resulta fundamental a cooperación entre universidade e empresa, promovendo o emprendemento e o espírito empresarial na rexión transfronteiriza.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.