Figuras

Esculturas no templo indio de Vishwanath . / B. Preciado

As reflexións do sexo

Estudosos sobre pornografía e historiadores, entre os participantes na Semana Galega de Filosofía que organiza a Aula Castelao

Un tema ao que ninguén é alleo, que máis aló da esfera individual ten unha incidencia directa no desenvolvemento das persoas e comunidades centra desde este luns a edición número 32 da Semana Galega de Filosofía, un foro de debate promovido pola Aula Castelao coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. A sexualidade centra neste 2015 o debate que entre este luns e o venres se suscita no Teatro Principal de Pontevedra, por onde pasarán diferentes expertos e académicos procedentes de ámbitos como a antropoloxía, a socioloxía ou a psicoloxía, co obxectivo de afondar na temática que centra estas xornadas deste unha perspectiva social e interdisciplinar. Non en van, “este é un tema sobre o que todo o mundo ten opinión, pero non información”, como destaca Xoán Carlos Garrido, un dos responsables da Aula Castelao, que incide en que se trata “dun tema central da filosofía, porque a condición humana está mediada pola sexualidade, porque todo ser humano é un suxeito sexual”.

“A condición humana está mediada pola sexualidade”, afirma un dos responsables do programa

Como “unhas das xornadas culturais chave da cidade de Pontevedra” definiu o vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, esta Semana Galega de Filosofía, nun acto inaugural, no que estivo acompañado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, a vicedecana do Colexio de Avogados de Pontevedra, María Adrio, e a coordinadora da Aula Castelao, Ana Regueira. “Desde a Universidade, sempre nos interesa colaborar con actividades que teñen unha repercusión na sociedade”, engadiu Corbacho dunha iniciativa avalada por máis de tres décadas de historia e que permite tamén á institución académica “estar cada día máis presentes na cidade e na contorna formativa, cultural e social de Pontevedra”. De feito, aínda que a asistencia ás diferentes conferencias e mesas de debate que compoñen o programa destas xornadas é libre, o alumnado da Universidade tamén tiña a posibilidade de inscribirse nun foro recoñecido cun crédito ECTS.

cartel semana filosofíaFalar de filosofía e sexualidade é para o alcalde de Pontevedra “como falar de filosofía e vida cotiá”, xa que, como destacou Fernández Lores na inauguración, “a sexualidade remítenos, entre outras cousas, a como utilizamos cada un de nós o universo de signos que nos permiten relacionarnos cos demais tanto a nivel persoal como a nivel social”. De aí que tanto a socialización dos individuos como cuestións relativas á identidade sexual e á “estigmatización” de determinados colectivos estean presentes nesta ollada multidisciplinar a unha temática que, como explica Garrido, “formulamos a necesidade de abordar, porque desde o punto de vista da existencia do consenso, vemos que non é un tema que estea resolto, senón que existen posicións distintas e enfrontadas”. Da reforma da lei do aborto á materia de educación da cidadanía existen ao seu xuízo unha serie de cuestións “que xa se pensaban consolidadas, pero nas que se seguen a abrir polémicas continuamente”, como engade este representante da Aula Castelao.

Debate público

“Por aquilo que se dicía de que era unha cuestión privada, non existe unha teoría contrastada cun debate público”, engade Garrido, que incide na incidencia directa que a sexualidade ten na saúde, na educación, na “organización das relacións persoais” ou mesmo “nun debates filosóficos máis fundamentais, como é a relación entre mente e corpo, entre cultura e natureza, entre bioloxía e educación”.

Para abordar as múltiples dimensións desta temática, a Semana Galega de Filosofía estrutúrase, como é habitual, en torno a tres niveis de debate. Un primeiro, en horario matinal, “máis académico”, como apunta Garrido; outro centrado en abordar as cuestións desde unha óptica galega, pola tarde; e o que conforman os relatorios cos que se pechará cada xornada “máis divulgativos e máis dirixidos a un público xeral”. Nomes como o do profesor Efigenio Amenzúa, editor da Revista Española de Sexoloxía e encargado do relatorio inaugural, ou o do historiador Román Gubern, pioneiro nos estudos de pornografía en España, que se responsabilizará da sesión de clausura, destacan na relación de conferenciantes destas xornadas, nas que, como lembrou Corbacho, tamén estará presente a profesora da Universidade de Vigo María Victoria Carrera, que este venres ás 17.00 horas impartirá o relatorio sobre “sexualidade e identidades desobedientes”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.