De esquera a dereita: Javier Montenegro, Rubén Nogueiras, Miguel López e José L. Mascareñas (arriba); Carlos Salgado, Diego Martínez e Francisco Ribadulla.

De esquera a dereita: Javier Montenegro, Rubén Nogueiras, Miguel López e José L. Mascareñas (arriba); Carlos Salgado, Diego Martínez e Francisco Ribadulla.

As Starting Grant premian o potencial dos investigadores novos da USC

A USC sitúase como a terceira universidade española por axudas desta prestixiosa bolsa europea

Dedicadas a investigadores con talento e potencial acreditada, as axudas Starting Grant son un dos programas de financiamento da investigación mellor dotados de Europa. Promóveos o European Research Council (ERC) cunha achega por proxecto de arredor de 1,5 millóns de euros para períodos de cinco anos. A USC é dunha das trinta universidades españolas que ten acadado o financiamento do ERC, tanto na modalidade de Starting Grant como en Advanced Grant, dúas das catro posibilidades de financiamento do organismo europeo.

Das universidades españolas, a de Santiago é a terceira que máis axudas na modalidade Starting Grant ten acadado nos últimos anos ademais doutra do programa Advanced Grant, nunha listaxe que encabeza o CSIC e tras o que se posicionan, xunto coa USC, as universidades de Barcelona e Pompeu Fabra. As Starting Grant teñen como obxectivo principal apoiar “os futuros directores de investigación que están a punto de establecer ou consolidar un equipo de investigación adecuado e de comezar a realizar investigacións independentes en Europa”.

Entre os sete investigadores xestionan algo máis de 11 millóns de euros en axudas

Da avaliación das propostas que solicitan o apoio do Consello Europeo de Investigación encárgase un grupo de expertos internacionais de prestixio e realízase “aplicando como único criterio a excelencia científica”, sinala o organismo europeo. Este criterio aplicase tanto na avaliación do proxecto científico como do investigador principal. As que superan o umbral de calidade inclúense nunha lista por orde de puntuación. Dependendo do presuposto dispoñible para a convocatoria, “aplícase un corte orzamentario á lista, de modo que unicamente se ofrecen subvenciones ás propostas situadas nos postos superiores, ata que se esgota o orzamento”.

Starting Grant na USC

Francisco Rivadulla foi o primeiro dunha listaxe de investigadores financiados polo ERC que completaron posteriormente e por orde cronolóxico Carlos Salgado, Miguel López, Rubén Nogueiras, José Luis Mascareñas, Diego Martínez Santos e Javier Montenegro. Física, Bioloxía, Medicina e Química son os ámbitos nos que estes investigadores desenvolven os seus proxectos.

Francisco Rivadulla

Membro do grupo de investigación de Magnetismo e Nanotecnoloxía, Francisco Rivadulla Fernández, regresou á USC procedente de Estados Unidos a través do programa Ramón y Cajal. Nos seus traballo de investigación emprega sistemas electrónicos altamente correlacionados para producir enerxía eléctrica a partir de calor perdido, algo novidoso e que proporcionaría novos métodos para obter dita enerxía.

Carlos Salgado

No seu proxecto, titulado ‘Hot and dense QCD in the LHC era’, Carlos Salgado estuda estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluóns están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico. O proxecto, esencialmente teórico, pretende comprender as propiedades destes medios creados no LHC, pero ten unha compoñente de comunicación coas colaboracións experimentais moi importante. Isto é, levar a cabo un estudo dos datos experimentais que vaian sendo públicos e interpretalos, algo indispensable para o éxito do programa.

Miguel López

O proxecto de Miguel López investiga un novo papel dos lípidos no hipotálamo. En concreto, a investigación estuda se determinados tipos de lípidos poden ser tóxicos e interferir cos mecanismos moleculares que regulan a inxecta de alimentos e o gasto enerxético no hipotálamo. Datos preliminares do grupo indican que a acumulación deses lípidos tóxicos interfire cos mecanismos de procesamento das proteínas, un fenómeno denominado tensión de retículo endoplasmático. O coñecemento destes mecanismos moleculares permitirá identificar novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólico. 

Rubén Nogueiras

A proposta de Rubén Nogueiras céntrase nun novo papel do xene p53, un coñecido supresor tumoral. O p53 regula un conxunto de moléculas que son claves na xeración de tumores e que ante determinadas situacións responde producindo a morte celular. Con todo, este proxecto aborda a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue. En concreto, o laboratorio obtivo datos que suxiren que a manipulación deste supresor tumoral en determinadas rexións do cerebro pode alterar a cantidade de comida inxerida e o peso dos animais de experimentación.

Diego Martínez Santos

O proxecto de Diego Martínez Santos vai estender o alcance científico do LHCb (un dos experimento do LHC con participación da USC) máis alá do seu deseño orixinal, coa modificación do detector para poder seleccionar e estudar mesóns lixeiros con estrañeza, que achegarán información complementaria dos mesóns con beleza. Con anterioridade a recibir esta axuda, Diego Martínez Santos xa fora premiado co Young Experimental Physicist Prize correspondente a 2013 outorga bienalmente a European Physical Society a físicos experimentais novos –nacidos a partir do 1 de xaneiro de 1978.

Javier Montenegro

Un dos aspectos singulares do proxecto de Javier Montenegro é que no seu desenvolvemento aplicaranse conceptos na fronteira do coñecemento, combinando a química, a bioloxía e os novos materiais. O seu obxectivo é atopar “novas formar de atravesar a membrana celular de forma selectiva”. Ademais, “a propia membrana utilizarase como o molde biolóxico idóneo para esculpir as moléculas transportadoras, definindo así a súa forma ideal”. O investigador agarda atopar aplicacións no eido das enfermidades, o transporte de fármacos ou a terapia xénica.

José Luis Mascareñas

José Luis Mascareñas tamén obtivo o respaldo do European Research Council pero na modalidade Advanced Grant. É unha convocatoria que, como explica o propio ERC, diríxese a investigadores xa consolidados como directores de investigación independentes e “recoñecidos como excepcionais de calquera nacionalidade e idade” para realizar “proxectos pioneiros de alto risco que abran novos camiños nos seus respectivos campos de investigación ou noutros dominios”. A través desta convocatoria teñen a un financiamento de preto de 2,5 millóns de euros.

No seu proxecto, o docente da USC traballa na aplicación dos métodos de síntese química con catalizadores metálicos, utilizados normalmente no laboratorio e na industria, para levar a cabo reaccións directamente no interior das células vivas. O éxito no seu desenvolvemento, entre outros beneficios, abriría unha importante vía na especificidade de formulacións químicas de interese farmacolóxico.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.