Equipo da campaña da UVigo.

Equipo da campaña da UVigo.

A UVigo preséntase como a universidade ‘onde todo é posible’

As pezas audiovisuais da súa campaña foron realizadas por alumnos e profesores da institución

A Universidade de Vigo convértese, na súa nova campaña de promoción destinada á captación de alumnado, na institución académica na que todo é posible. O reitor, Salustiano Mato, foi o encargado de presentar este mediodía as accións que a Universidade porá en marcha partir do vindeiro mércores co lema Aquí todo é posible en medios de comunicación, redes sociais e autobuses urbanos para promocionarse entre mozos e mozas de 16 a 20 anos co obxectivo de incorporalos ao seu alumnado para o vindeiro curso 2016/2017.

Revistas Ok

“Aínda que non temos problemas de captación de alumnado, despois de varios anos nos que acadamos ata un 95% de ocupación, con esta campaña pretendemos amosar á sociedade quen somos e tamén captar o mellor estudantado”, explicou o reitor, que estivo acompañado na presentación da campaña polo coordinador da mesma, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Paulino Pérez e os e as protagonistas da mesma, as estudantes Ana Rivas e Andrea Martínez e o investigador da Ecimat Jorge Pascual. A diferenza doutros anos, a totalidade da campaña está elaborada e protagonizada por membros da comunidade universitaria que interviñeron en todos os procesos de creación, gravación e edición das pezas gráficas e audiovisuais, que se difundirán a través de televisións, radios e medios escritos e dixitais de ámbito autonómico, así como a través de redes sociais e autobuses urbanos, “coa idea de chegar a todas partes e dar unha idea de comunidade”, explicou Paulino Pérez.

Ana Rivas é xogadora de rugby e estudante de Administración de Empresas

Co obxectivo de mostrarlle á sociedade “que supón entrar na universidade e que portas se abren”, dixo o reitor, as diferentes pezas da campaña construíronse arredor de valores como a constancia, o traballo en equipo, a creatividade, a cultura ou o esforzo aos que poñen cara e voz as estudantes e o investigador que protagonizan as pezas audiovisuais. Así, mentres a estudante de ADE e xogadora do equipo de rugby Ana Rivas transita nun dos spots do terreo de xogo á biblioteca, Andrea Martínez fai o propio dunha aula ao teatro Vidal Bolaño para tocar a guitarra nun concerto, mentres que Jorge Pascual pasa en poucos segundos dun laboratorio, no que viste unha bata branca, a enfundarse nun traxe de mergullo para subirse nunha lancha que se perde no mar. “Tratamos de transmitir a proximidade das cousas, que hai moitas actividades nos tres campus, nos que non só se pode estudar e investigar, senón que tamén hai outras actividades”, explicou o coordinador da campaña, Paulino Pérez, que chamou a atención sobre a presenza de portas en cada unha das pezas, como elementos que aluden á proximidade e permiten transitar dunhas actividades a outras sen saír da universidade.

A nova campaña retoma a idea da #Actitudeuvigo, que nos últimos anos está a centrar as accións de promoción da Universidade de Vigo. Neste sentido o reitor Salustiano Mato falou dun “contido e continente da actitudeuvigo”, ao tempo que destacou a utilización nas pezas promocionais das cores representativas de cada un dos campus: o azul de Vigo, o vermello de Pontevedra e o verde de Ourense.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.