O Centro Universitario de Defensa, en colaboración da UVigo e a Escola Naval de Marín.

O Centro Universitario de Defensa, en colaboración da UVigo e a Escola Naval de Marín.

A Universidade de Vigo aposta pola investigación militar

A Uvigo organiza o Congreso Nacional de I+D en Defensa, en colaboración coa Escola Naval de Marín

A Universidade de Vigo e a Escola Naval de Marín colaboran a través do Centro Universitario de Defensa, dedicado tanto á formación de oficiais da Armada como a investigación militar. Segundo explica a UVigo, “moitos dos avances tecnolóxicos que hoxe forman parte do día a día da sociedade, dos GPS ou sistemas de radar ao propio internet, naceron inicialmente cun uso militar“.

A seguridade e a defensa son dous ámbitos que requiriron historicamente de novos desenvolvementos tecnolóxicos, como continúa a acontecer neste século XXI. “De aí que resulte fundamental para o estamento militar a súa cooperación cos distintos axentes involucrados no I+D, como os grupos de investigación das universidades ou os laboratorios das empresas”, explica a institución académica.

Un lexionario porta un Cetme L, o fusil de asalto do Exército Español.

Un lexionario porta un Cetme L, o fusil de asalto do Exército Español.

Co propósito de servir como punto de encontro entre investigadores e responsables militares naceu hai tres anos o Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade, que este ano celebrará a súa terceira edición no mes de novembro na Escola Naval Militar de Marín co propósito de servir como un foro no que xerar sinerxías nos eidos da investigación e a innovación entre os ámbitos civil e militar.

“O propósito deste congreso é intentar achegar a innovación no ámbito tecnolóxico ao mundo da defensa”, salienta a profesora do Centro Universitario da Defensa (CUD) Mercedes Solla, presidenta do comité científico do foro que organiza este centro adscrito á Universidade de Vigo os días 19 e 20 de novembro. Representantes das Forzas Armadas e dos corpos e forzas de seguridade do Estado, empresas, laboratorios e grupos de investigación de diferentes universidades e organismos públicos tomarán parte nestas xornadas financiadas pola Cátedra Isdefe, que impulsa a Universidade Politécnica de Madrid e o Ministerio de Defensa.

Se ben a defensa foi “o pai de moitos avances tecnolóxicos”, como recoñece Solla, na actualidade existen tamén moitos avances ou liñas de investigación “que ás veces podemos pensar que non interesan ao mundo militar, pero que poderían supor tamén unha innovación en materia de defensa e seguridade”. De aí que o propósito central deste congreso sexa precisamente “poder ver que se está facendo en toda España nesta materia e tratar de buscar sinerxías para a súa aplicación no ámbito da defensa”, apunta Solla.

O congreso analizará a tecnoloxía sobre minas, radares ou municións

Non en van, como sinala esta docente, “ao final quen ten realmente a capacidade investigadora son as universidades e os centros tecnolóxicos”, máis aló das áreas nas que se poida traballar desde os propios estamentos da Defensa. Cobra pois especial importancia a cooperación cos distintos axentes involucrados no I+D, que foi precisamente o motivo que impulsou, hai tres anos, a creación dunha reunión periódica na que fomentar o intercambio e a colaboración.

Ata o 17 de xullo, con cota reducida, e ata o 23 de outubro, xa coa xeral, permanecerá aberta a inscrición nun congreso que ten pendente a definición dos diferentes relatorios que conformarán o seu programa. Por unha banda, o simposio reunirá a unha serie de expertos de institucións, universidades e empresas, que achegarán a súa visión do papel estratéxico que xoga a investigación e a innovación neste eido.

Neste senso, as presentacións neste congreso abranguen catro áreas de estudo diferentes: adquisición de información e procesado, que engloba os sistemas de comunicación e redes; guiado, enerxía e minas, que comprende aspectos como as municións ou os sistemas enerxéticos; sistemas e modelado, no que se inclúen os medios navais ou aéreos; e sociedade, economía e humanidades. Este último campo permite, precisamente, demostrar a amplitude temática dun simposio que non se limitará ao estritamente tecnolóxico para buscar innovacións tamén en ámbitos como, por exemplo, a instrución militar.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.