Consellería e institución académica asinaron un convenio para a construción do edificio no casco vello de Vigo.

Consellería e institución académica asinaron un convenio para a construción do edificio no casco vello de Vigo.

A Universidade de Vigo terá sede no histórico barrio do Berbés

Un novo edificio no centro da cidade promoverá a investigación e as sinerxias entre universidade e empresas

Co obxectivo de impulsar a súa presenza en Vigo e promover a investigación, os intercambios e as sinerxías co tecido empresarial, cultural e social da cidade, a Universidade de Vigo disporá a partir do ano 2018 dun edificio con espazos polivalentes, localizado nos actuais números 11, 13 e 15 da Ribeira do Berbés. O proceso comezaba en setembro de 2014 coa cesión gratuíta por parte do Consorcio do Casco Vello do dereito de superficie durante un período de corenta anos. O pasado mes de outubro de 2015 a Xunta de Galicia confirmaba a súa participación no financiamento do proxecto, un compromiso materializado hoxe coa sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo, asinado polo conselleiro, Román Rodríguez e o reitor, Salustiano Mato. No acto presidido polo titular do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e que contou coa presenza co alcalde de Vigo, Abel Caballero e o delegado da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio do casco vello, Ignacio López Chaves, Salustiano Mato agradeceu a complicidade das institucións “para facer realidade este soño de ter esta sede no corazón da cidade”.

O acto de sinatura celebrado ante a fachada do inmoble que acollerá a futura sede da Universidade, coincidiu coa publicación no DOG da resolución pola que se anuncia procedemento aberto, mediante tramitación ordinaria, para a contratación da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do edificio. “Dende hoxe empezan as actuacións e despois de 16 meses de proceso poderemos aquí instalar esta sede institucional e de I+D”, anunciou o reitor, que amosou a súa satisfacción por que a Universidade se instale “na porta de entrada ao mundo que ten Vigo que é o Berbés”. Pola súa parte, o presidente da Xunta cualificou de “transcendental para a cidade” o convenio que hoxe se asinou, “porque colma unha reivindicación histórica e permite á Universidade de Vigo ter a sede que merece nun lugar clave”.

Será a sede de I+D, ode actos institucionais e do Centro de Linguas

O orzamento total da actuación ascenderá a case 2 millóns de euros (1.977.429,68), achegados na súa totalidade pola consellería, que se destinarán á realización do estudo xeolóxico, o plano topográfico, a redacción do proxecto e dirección de obra, a dirección de execución, licenza de obra e construción do edificio. O orzamento distribuirase en tres anualidades repartidas do seguinte xeito: 73.000 euros en 2016; 496.967 en 2017 e 1.351.651 en 2018, quedando por conta da Universidade de Vigo a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada. O novo inmoble institucional e de I+D da Universidade contará cunha superficie construída total aproximada de 1503 metros cadrados, repartidos nunha planta baixa e dúas ou tres plantas sobre rasante e albergará, unha vez rematado, instalacións para o Centro de Linguas, así como outros destinados á celebración de actos institucionais, organización de cursos, conferencias, exposicións, aulas para o Programa de Maiores, espazos de coworking, ademais de acoller a persoal administrativo da institución académica.

O delegado da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio do Casco Vello foi o primeiro en tomar a palabra para destacar o traballo de recuperación do barrio histórico que desde hai anos desenvolve o consorcio, primeiro na contorna da rúa Ferrería e a partir de agora na zona do Berbés. Ignacio López Chaves considera o acordo asinado hoxe como un exemplo de colaboración entre institucións, “que fai posible reverter a situación do Berbés, o corazón do cidade”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, laiouse de que o tempo e o abandono provocasen a situación de deterioro que sofre a zona e felicitouse do que cualificou de “paso importantísimo para recuperar a fachada que queremos”. O rexedor municipal amosou a súa satisfacción polo regreso da Universidade ao centro da cidade, “querémola tanto que a queremos aquí”, dixo Caballero, que recoñeceu abertamente a colaboración da Xunta nun proceso que asegurou “faramos moi felices cando remate”.

O orzamento das obras da nova sede será de dous millóns de euros

Na súa intervención, o reitor, Salustiano Mato, tamén expresou o seu desexo de que o novo edificio da Universidade sexa en breve unha realidade “porque canto máis esteamos na cidade, máis preto do corazón dos vigueses e das viguesas estaremos”. O reitor asegurou, ademais, que a presenza da institución académica no centro de Vigo “traerá rigor académico, capacidade de traballo e a actividade do noso alumnado e persoal de investigación”.

Mentres, o presidente da Xunta, sinalou que a universidade “é o corazón de calquera cidade e o corazón debe estar no lugar que lle corresponde” e lembrou dous recentes exemplos de colaboración entre o executivo autonómico e a institución académica viguesa como o acordo do Consello da Xunta, previo á sinatura do convenio con Zona Franca para a cesión de uso das instalacións da ETEA ou a confirmación da implantación o vindeiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense. Núñez Feijóo, que destacou a “belixerancia e ambición” da Universidade de Vigo á hora de captar recursos externos, rematou a súa intervención asegurando que “apostar pola institución académica e apostar polo futuro de Vigo”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.