Victoria Álvarez e Agustín González-Ares.

Victoria Álvarez e Agustín González-Ares.

31 conferencias en Ourense sobre Muller, Política e Igualdade

As Xornadas de Sociedade e Dereito céntranse na igualdade social e xurídica das mulleres

Cada curso, as Xornadas Sociedade e Dereito propoñen unha análise e debate multidisciplinar en profundidade arredor dun tema de gran calado social, desde os problemas da xustiza ata a reforma da administración. Tras once edicións celebradas co actual formato, apunta o seu promotor e director académico, o docente José Agustín González-Ares, a iniciativa tiña unha débeda pendente: abordar a igualdade ou, para ser máis precisos, a desigualdade de xénero vixente. Para emendar esta situación, as XII Xornadas Sociedade e Dereito levarán por título Muller, Política e Igualdade. Celebraranse os días 28 e 29 de marzo e 1, 4, e 5 de abril de 2016 e contarán con 31 conferencias de expertos de diferentes eidos, desde a política á universidade.

Sociedade e Dereito 2

“A desigualdade entre homes e mulleres existiu sempre e en todos os pobos e civilizacións. O carácter patriarcal da sociedade lexitimou a diferenciación de roles atribuídos a mulleres e homes, reservando para estes a esfera do público e relegando á muller ao privado”, explica González-Ares. Nos nosos días, engade, alcanzáronse cotas de igualdade inimaxinables hai apenas unhas décadas pero, con todo, alcanzar a igualdade xurídica e a igualdade real aínda non foi consumada. As discriminacións, indica, mantéñense ao longo do século XXI e coa transformación da sociedade emerxeron novos modos de exteriorizarse. “Quizais o máis cruel desas manifestacións é a violencia de xénero, tanto pola súa gravidade como pola terrible magnitude que alcanzou”, apunta o director das xornadas, que contan coa colaboración da Asociación Galega de Estudos Xurídicos.

A pesar do amplo acervo normativo a nivel internacional, estatal e autonómico, a realidade, comenta José Aguntín González-Ares, móstranos as moitas dificultades que as mulleres atopan, a día de hoxe, para alcanzar a ansiada igualdade nas diferentes esferas da vida, e especialmente no ámbito político, laboral e económico. “O maior desafío radica, precisamente, no paso da igualdade formal (de iure) á igualdade substantiva (de facto)”, recalca. Co obxectivo de contribuír a avanzar neste eido, as xornadas, explica, convidarán a intervir a expertos do ámbito político, social, cultural e académico, ofrecendo un crisol amplo e diverso de perspectivas sobre este eido. Deste xeito, entre os conferenciantes estarán docentes de catro universidades estatais e dunha italiana e das diferentes ramas do dereito; deputados e deputadas no Parlamento Galego; representantes políticos; xornalistas; a valedora do Pobo, Milagros Otero, e a secretaria do Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público, Carla Casanueva, entre outros.

Entre as conferenciantes estarán xornalistas, parlamentarias e a valedora do Pobo

As sesións comezarán o día 28 de marzo cunha conferencia de Pilar López-Guerrero, decana do Colexio de Avogados de Ourense, sobre as mulleres e a execución de penas privativas de liberdade, e rematarán o día 5 de abril cunha intervención de Susana López, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, sobre novos retos na consecución da igualdade real e efectiva. Entre unha e outra desenvolveranse arredor dunha trintena de conferencias nas que se abordarán cuestións como a discriminación nas relacións laborais, o papel das mulleres na política, a igualdade de xénero no eido educativo, as mulleres na investigación, as últimas novidades procesuales en materia de violencia de xénero, os tribunais supranacionais ante a discriminación deste tipo ou o xénero e o sexo na doutrina do Tribunal Constitucional. Alén de analizar a realidade actual, durante as sesión tamén se afondará en cuestións de carácter histórico, como as actividades da falanxe feminina durante o franquismo, os dereitos da muller na constitución republicana de 1931 ou as mobilizacións das mulleres no século XX.

A cita será inaugurada nun acto que contará coa participación de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Susana López, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Sofía Godoy Gómez-Franqueira, concelleira de Igualdade de Ourense. Aínda que dirixidas principalmente a estudantes, posgraduados e profesionais do Dereito e das Ciencias Sociais, as xornadas están abertas á inscrición de público en xeral interesado neste eido.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.