Pablo López, codirector de GCiencia, recibiu o premio no Foro da Comunicación de Galicia.

Pablo López, codirector de GCiencia, recibiu o premio no Foro da Comunicación de Galicia.

GCiencia gaña o Premio de Xornalismo Dixital

O xurado do Foro da Comunicación de Galicia valora a innovación, o compromiso co periodismo e a estrutura informativa do portal da ciencia galega

GCiencia foi elixida gañadora do Premio de Xornalismo Dixital. O galardón foi entregado este mércores en Expourense, entidade que promove o 3º Foro da Comunicación de Galicia, que organiza o citado premio, aos codirectores de GCiencia. Pablo López e Eduardo Rolland agradeceron o recoñecemento e resaltaron a súa coincidencia con aniversario do nacemento portal da ciencia galega, que este 25 de novembro cumpriu dous anos.

Os Premios á Comunicación Innovadora de Galicia recoñecen iniciativas profesionais e empresariais que destacan por revalorizar o campo da comunicación, “fomentando con iso o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega”. Trátase dun galardón que se sustenta sobre a base do elemento transversal da innovación, cuxo fin último consiste en recoñecer publicamente o labor que profesionais, futuros profesionais e empresas veñen realizando a través da comunicación para mellorar a competitividade de Galicia na sociedade da información.

O xurado apreciou “a capacidade de optimización das canles dixitais” do portal da ciencia

O xurado valorou na súa decisión factores como “a capacidade de optimización das canles dixitais na adaptación á mensaxe, o compromiso e ética xornalística e a xeración de ferramentas para a construción de pensamento crítico e o fomento da participación directa da sociedade no sistema de medios”.

Outro dos elementos tidos en conta polo xurado é a proposta dunha estrutura informativa adecuada para os novos medios tecnolóxicos que explota todas as posibilidades que ofrecen estes soportes, así como a proxección e transcendencia internacional do proxecto. O xurado estivo formado por representantes das entidades que conforman  o padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, un membro do equipo de dirección de Expourense e dous representantes do Comité Asesor do Foro.

GCiencia converteuse nos seus dous primeiros anos de existencia no medio de comunicación de referencia da ciencia e a tecnoloxía galegas. A súa filosofía consiste en divulgar entre o público en xeral a ciencia e a tecnoloxía que se desenvolven en Galicia, dúas disciplinas que contan cunha gran tradición na comunidade autónoma, grazas ao traballo de entidades como universidades, centros tecnolóxicos, as unidades galegas do CSIC ou empresas privadas de sectores como a automoción, farmacéuticas, da conserva ou o téxtil, entre outros.

O recoñecemento coincide co segundo aniversario de GCiencia, que se cumpre este 25 de novembro

Desde o seu nacemento, GCiencia -editada por Ciencia Galega Industrias Creativas S. L.– publicou máis de 2.000 contidos, na súa maioría reportaxes, aínda que tamén entrevistas, tribunas de opinión, blogues, audiovisuais de produción propia e seccións de vídeos e fotografías, entre elas e en exclusiva a foto do día da NASA (APOD). Entre as súas firmas atópanse as de científicos galegos de primeira orde como Mar Capeáns, Antonio Figueras, Miguel Ángel Ríos, David Posada, Roberto Agis Balboa, Ángel Guerra Sierra e Alicia Estévez Toranzo, entre outros.

Como parte do seu labor divulgativo e de fomento do pensamento crítico, a cabeceira organiza distintas actividades. Entre elas atópanse os premios de xornalismo  científico ‘Contar a Ciencia’, destinado a alumnos de Comunicación das universidades galegas, que celebrou xa a súa segunda edición, e os galardóns ‘Galicia Spin-Off’, organizados co Banco Pastor, que recoñecen ás mellores empresas galegas nadas no ámbito universitario.

Galicia é o territorio de actuación preferente de GCiencia, o que explica que o galego sexa o idioma utilizado na práctica totalidade dos seus contidos. Iso non impide que publique habitualmente versións trilingües dos mesmos (galego-castelán-inglés), para alcanzar a un público o máis amplo posible e subliñar así o carácter universal da ciencia.

A pesar do seu condición non xeneralista, GCiencia recibe máis de 100.000 visitas mensuais. O portal da ciencia galega ten recibido o recoñecemento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Economía y Competitividad, que a elixiu xunto a El País, a Agencia Efe e CRTVG como os únicos medios de comunicación do seu Programa para el Fomento de la Cultura Científica, Tecnolóxica y de la Innovación, o máis importante das súas características no noso país.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.