Venres 29 Marzo 2024

Un artista e estudoso de Galicia

EduardoPardo de Guevara
Eduardo Pardo de Guevara.

Hai pouco máis dun mes, o 7 de agosto exactamente, faleceu de forma repentina e inesperada Xosé Antón García González-Ledo. Hoxe, co ánimo aínda esgazado, cumpro coa imperiosa necesidade de render tributo público á persoa e obra de quen foi un excelente amigo e un extraordinario colaborador.
Xosé Antón, como era xeralmente coñecido e tratado por todos, foi un artista e un estudoso galego de renome; foino tamén fóra da nosa terra, pois era recoñecido como o máis exacto dos debuxantes arqueolóxicos. Nado en 1949 na Cruña –como el gustaba dicir-, o seu acusado e máis que probado amor por Galicia e as súas dotes artísticas, innatas e sen dúbida extraordinarias, forxaron a súa personalidade e iluminaron toda a súa ampla e variada obra; de maneira imprecisa atrévome a cuantificala nun número moi elevado, pero incontable, de láminas e representacións arqueolóxicas (principalmente laudas e sepulturas, representacións heráldicas, inscricións epigráficas e monumentos de diverso carácter) e máis de medio cento de artigos e estudos monográficos; entre estes últimos destaco de memoria, a modo só de mostra incompleta, As imaxes xacentes da eirexa de San Francisco de Betanzos (1983), Enterramentos na Coruña do século XVII (1986), As pedras armeiras do concello de Culleredo (1992), Heráldica de Abegondo (1994)…

Consérvanse máis de medio milleiro de magníficos debuxos arqueolóxicos da súa autoría

No contexto do que foi a súa singularísima contribución á ciencia e cultura galegas, creo preciso resaltar tamén un capítulo específico e fecundo da súa traxectoria e crecente bo facer; refírome, claro é, á súa longa vinculación co Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, onde participou activamente nun bo número de proxectos de investigación e iniciativas culturais. Disto son testemuña imperecedoira o máis de medio milleiro de magníficos debuxos arqueolóxicos que nel se gardan, a meirande parte deles produto de moitas xeiras científicas que realizamos xuntos a partir de comezos dos anos noventa e con máis regularidade neste último decenio, xa coa compañía de Pablo Otero Piñeyro e ao amparo do longamente aloumiñado “Corpus de epigrafía, heráldica y escultura funeraria medieval de Galicia”, que agora quedará lamentablemente inconcluso.

Xosé Antón García González-Ledo.
Xosé Antón García González-Ledo.

Confeso que non me resulta fácil estenderme na evocación serena e ordenada que a súa persoa e os seus moitos merecementos –e recoñecementos- esixen, probablemente porque me sinto atenazado polo privilexio de ter gozado da súa amizade e de terme sentido enriquecido coa súa inestimable colaboración ao longo de case corenta anos; de aí, as moitas vivencias e recordos que atesouro e dos que flúe, inevitable, un verdadeiro torrente de emocións. Emporiso, ao renderlle esta pobre homenaxe, non podo menos que destacar da súa personalidade o que acaso resulte menos notorio, sendo certamente o máis importante: o seu carácter sensible, xeneroso e afable -todo o contrario desa imaxe áspera e arisca con que lle gustaba mostrarse perante propios e estraños- e, por enriba de todo, a bonhomía de quen sei moi ben que se sentía bendicido por unha fe profunda e inquebrantable nos designios divinos. Descanse en paz.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais