Sábado 20 Abril 2024

Tempo de (hiper)ciencia

Manuel GagoCando en 1991 Tim Berners-Lee inventou a World Wide Web, deseñou un sistema de información modular que, a través da superficie, conectaba coñecemento entre si. Estaban inaugurando unha nova forma de acceso ao coñecemento que segue espertando moita controversia entre os intelectuais, temerosos de que a navegación pola superficie a través do hipertexto impida percibir as inmensidades e os abismos do coñecemento.

Sen embargo, para os case-nativos dixitais -gocei escribindo o meu primeiro xogo en código fonte se cadra ao redor do ano 1985 nun Toshiba HX-10- non podemos disociar o goce da lectura en profundidade, secuencial, coa exploración ceibe das mallas hipertextuais, no Web e máis alá del, porque son dúas partes da mesma moeda cultural. E a navegación ceibe, libre, é o principio que rexe esta nova forma de coñecer. Co tempo o Web técnico fíxose cada vez máis poderoso, pero os avances humanos en novos métodos de crear cultura e coñecemento son máis lentos.

Publicidade

As universidades foron caendo desde os anos 70 a hiperespecialización do coñecemento, transformando os laboratorios universitarios en algo similar a departamentos de prantas de produción industrial. A parcelación da ciencia limitou considerablemente o seu campo de acción, a capacidade de atopar vías novas xurdidas a partir do encontro de disciplinas científicas diferentes, e aillándoa da sociedade. En certo xeito, continúanos a faltar o vocabulario, a actitude e a cultura de cruzar ciencias, métodos e visións do noso espazo, porque as ferramentas para facelo deben ser máis culturais que estritamente técnicas. Digamos que precisamos máis espazos de encontro, revistas, blogs, e a fundamental divulgación científica. Precisamos tender pontes entre as ciencias, atopar unha linguaxe de intercambio e unha actitude de encontro para transformar a ciencia do século XXI. Non é doado, e as inercias, e mesmo as burocracias para a investigación seguen a propiciar o confort do tobo propio fronte ao dinamismo da praza pública. Pero o encontro entre ciencias multiplica as posibilidades, xenera investimentos, magnifica e disemina o impacto do coñecemento na sociedade.

Galicia dispón, nestes momentos, dunha xanela de oportunidade para isto: somos un país pequeno e, xa que logo, un país no que é doado atoparse a nivel humano. Temos unha importante escola de divulgación científica -desde o tradicional polo coruñés ata fenómenos mediáticos coma o neurocientífico Xurxo Mariño-, sabemos innovar en formatos de popularización do coñecemento que se están a estender polo exterior, temos unha sociedade máis aberta a novas ideas do que pensamos e dispoñemos dunha tradición científica tan rica como descoñecida -bótenlle unha ollada ao Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega para comprobalo. É tempo de marcarnos obxectivos, de construír un espazo cómodo para a ciencia na nosa sociedade, e de atopar os hipervínculos que nos poden unir nesa idea común. É tempo de hiperCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano