Mércores 24 Abril 2024

Por que GCiencia?

antonio-figueras avatar bn
Por que me fixen científico? Gustábanme os animais. Con moita frecuencia levaba a casa pequenos peixes e cangrexos que collía nas charcas das praias e que morrían aos poucos días. Cada certo tempo, co diñeiro aforrado da venda dos cómics, compraba un can que o meu pai, viúvo e con tres fillos, acababa regalando a un dos seus amigos. Por suposto isto desencadeaba a procura doutros animais que substituían aos anteriores buscando o santo graal: un animal que fose tolerado polo meu pai que xa tiña dabondo cos tres pequenos animaliños con roupa que tiña en casa. Así pasaron paxaros de distintas plumaxes e tamaños (nunca máis grandes que un pardal), cobaias, hamsters (cun parentesco cos Gremlins para min innegable polas dentadas que recibín), tartarugas, gatos, lagartos…
Sen me decatar chegou o momento da verdade. O consello do meu pai, tamén científico, foi claro. Estuda Historia. Tiña razón, encántame a historia. Con todo, a miña decisión foi a clásica dunha persoa de 17 anos. Levarlle a contraria e estudar Bioloxía.
Todo isto vén a conto do aniversario de GCiencia. Naceu en momentos difíciles, contra vento e marea. As características deste proxecto son, entre outras, paixón,  teimudez (típicas da ilusión xuvenil) combinadas coa profesionalidade dos seus líderes. Por todo isto, GCiencia é agora un referente na difusión de información científica e tecnolóxica.
A sociedade necesita esa paixón. Necesita comprobar que o diñeiro que se gasta en ciencia ou en investigación non se gasta. Está a usarse para que todos vivamos mellor.
Abraham Lincoln dixo hai xa moitos anos algo parecido a isto: “A opinión pública é todo.  Con ela nada pode fracasar.  Sen ela nada pode vencer”.
GCiencia axuda día a día a crear opinión informada en asuntos científicos, que teñen moito máis impacto sobre o noso día a día do que cremos. O cambio global, o cancro, os biocombustibles, os transxénicos, os novos materiais, as enfermidades orfas, a biodivesidade, os novos fármacos, a nutrixenómica e así ata as estrelas e máis aló que diría Buzz Lightyear.
Parabéns, GCiencia!

2 COMENTÁRIOS

  1. Moitos son os que se decantan por carreiras de ciencias mais pra chegar a científico, precísa un se encher de amor pola ciencia, polo saber e pola súa expansión, ser filósofo no sentido primixenio do termo, e creo recoñecer a mi amigo Antonio Figueras dentro destes últimos. Noraboa a Gciencia e a Antonio

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte