dposada.271015

O aprecio pola ciencia

O catedrático de Xenética da UVigo David Posada defende a divulgación nun artigo no aniversario de GCiencia

Tanto en Galiza como en España a ciencia é unha actividade moito menos apreciada que nos países do Norte de Europa ou nos Estados Unidos. É posible que se fixésemos unha enquisa a pé da rúa, a maioría dos galegos respondesen que a ciencia é para eles moi importante, pero na miña opinión esta sería case sempre unha resposta máis aprendida que consciente. O estudo no 2011 da Fundación BBVA sobre a cultura científica en diferentes países de Europa e EE UU sitúa a España –e dubido que Galiza sexa diferente neste sentido– nas últimas posicións tanto en interese como en coñecemento científico. Por exemplo, neste estudo o 46% dos españois preguntados non foron capaces de mencionar o nome dalgún científico, morto ou vivo. É tamén significativo o pobre mecenado español comparado con outros lugares como o Reino Unido, onde unha organización como o Cancer Research UK foi quen de recadar o ano pasado 745 millóns de euros, con preto dun millón de dacións. Se comparamos esta cifra cos 47 millóns de euros recadados pola Asociación Española contra el Cáncer no mesmo período, non podemos máis que quitarnos o sombreiro ante os británicos. Por suposto a maioría dos nosos políticos repiten esta actitude, aínda que no seu caso con consecuencias moito máis importantes, pregoando en diversos foros o importante que é a ciencia para o progreso da nosa sociedade para logo adicar, en proporción, moito menos diñeiro a ela que os gobernos do norte.

É fundamental fomentar o aprecio pola ciencia, unha labor que GCiencia leva a cabo de maneira impecable

As razóns desta falta de sensibilidade pola ciencia no sur de Europa e no noso país son múltiples e variadas, e son de carácter cultural e histórico. É unha mágoa, porque a cultura científica mellora a toma de decisións en tódolos ámbitos e aspectos, no traballo e na vida diaria, facilitando como sociedade a innovación e o aproveitamento de oportunidades nun mundo cambiante e global. E todo está relacionado, e se a ciencia non importa, se descoñecerá, haberá poucas vocacións, os recursos adicados á ciencia serán insuficientes e os resultados modestos, polo que os avances científicos dos que se podería beneficiar a sociedade chegarán máis tarde, ou nunca.

É polo tanto fundamental fomentar o aprecio pola ciencia e a cultura científica da sociedade, e esta é unha labor que está a levar a cabo de maneira impecable o equipo de GCiencia, que agora cumpre dous anos traballando para acercar á xente a ciencia que se fai en Galiza. Por sorte non son os únicos, e programas como Soño con Ciencia na TVG ou Efervesciencia na RTVG, o labor da Fundación Barrié a través do seu programa educaBarrié, ou distintos profesionais da prensa galega, fanse eco tamén da ciencia que se fai no noso país, e fora del. Outros exemplos fantásticos, varrendo xa para casa, son o do grupo de investigación Divulgare, con numeroso premios polo seus vídeos científicos, ou do Campus do Mar da Universidade de Vigo, con diversas actividades sociais.

É moi importante que os científicos participemos na tarefa de divulgar a ciencia, pero é fundamental que a divulgación científica poida ser tamén unha profesión, con xente adicada e formada especificamente, en ciencia e en comunicación. Porque divulgar a ciencia non é doado. Na miña experiencia, é moito máis complicado e leva bastante máis tempo preparar unha charla para o público xeral que para un congreso científico. Tampouco toda a ciencia e igualmente divulgable. Eu por exemplo, no sabería como falar á xente máis de cinco ou dez minutos de maneira entendible dalgunhas das liñas de investigación máis metodolóxicas que desenvolvemos no noso grupo.

A oferta da divulgación científica en Galicia ten un gran nivel, pero podería chegar moito máis lonxe se houbese unha aposta verdadeira pola educación e pola ciencia por parte dos gobernos, máis ala de intereses partidistas e réditos inmediatos. Mentres non se produza este cambio, absolutamente necesario para o progreso social e económico, esperemos que GCiencia e o resto de iniciativas similares podan seguir cumprindo anos con boa saúde. Unha forte aperta para todos eles e grazas pola vosa labor.

David Posada é catedrático de Xenética da UVigo

http://darwin.uvigo.es

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.