Un elefante ferido no accidente desta semana en Albacete. Imaxe: Infocircos.

Un elefante ferido no accidente desta semana en Albacete. Imaxe: Infocircos.

Morreu un elefante

O accidente dun camión que transportaba varios exemplares de elefante en Albacete pon de novo sobre a mesa o problema dos circos con animais salvaxes

Un elefante ferido no accidente desta semana en Albacete. Imaxe: Infocircos.

Un elefante ferido no accidente desta semana en Albacete. Imaxe: Infocircos.

Ante a imaxe de cinco exemplares de elefante nunha autovía entre Albacete e Murcia, unha imaxe que parecía irreal pola súa propia incongruencia, as preguntas que cabe facerse, e que sen dúbida se fixeron miles de persoas en todo o mundo, é: Como pode ser que isto ocorrese? Como pode ser que aínda estea permitida a utilización de animais salvaxes nos circos?

Un accidente de tráfico é efectivamente iso, un accidente. Pode pasarlle a calquera. O problema engadido vén cando un transporta a cinco elefantes, e cando ademais se fai con regularidade. Neste caso, as probabilidades de que esta traxedia aconteza aumentan considerablemente, e os riscos, xa non só para estes animais, senón para os ocupantes humanos do propio camión e dos demais vehículos, multiplícanse.

“A Federación de Veterinarios de Europa denunciou a imposibilidade de garantir o benestar dos animais salvaxes nos circos”

A prohibición dos circos con animais é un proceso que comezou fai xa moito tempo. Nos últimos anos asistimos a unha aceleración deste proceso, tanto en España como a en outros países, como consecuencia dunha demanda social que esixe un maior respecto polos demais animais cos que compartimos o planeta.

Condutas que antes parecían normais deixaron de selo. A utilización de elefantes, tigres, osos ou hipopótamos en espectáculos, condenados a unha vida de absoluta privación só para entretemento dun público cada vez máis exiguo, deixou de considerarse aceptable pola inmensa maioría da poboación.

En España máis de 470 municipios reivindicaron a súa postura aprobando mocións para declararse libres de circos con animais. Catro Comunidades Autónomas –Cataluña, Baleares, Galicia e Región de Murcia– prohibiron xa a utilización de animais nos seus circos.

A ciencia en contra dos circos con animais

Alén de consideracións éticas, a propia ciencia veterinaria fixo público o seu parecer. A Federación de Veterinarios de Europa (FVE) emitiu en 2015 unha declaración oficial na que instaba as autoridades competentes a prohibir a utilización de animais salvaxes ante a imposibilidade por parte dos circos itinerantes de satisfacer as súas necesidades básicas (fisiolóxicas, mentais e sociais).

A esta declaración adheriuse posteriormente o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España. De modo que, cando as principais autoridades científicas en materia animal a escala europea e española, respectivamente, sosteñen a imposibilidade de garantir a protección e o benestar destes animais salvaxes nos circos, parece que o sector circense queda sen argumentos.

Son xa poucos os circos españois que seguen empregando animais nos seus espectáculos. As restricións municipais e autonómicas en aumento contribuíron a que os circos se vexan obrigados a dar ese paso tan esperado pola maioría de nós: a transformación en espectáculos sen animais.

Galicia é unha das catro comunidades autónomas que prohibiu a utilización de animais salvaxes en circos

O ano pasado, un circo moi popular en Francia deu este paso á reconversión. Entendían que a sociedade cambiara e que moita xente deixara de levar aos seus fillos ao circo porque non querían ver animais nunha contorna tan allea á súa propia natureza. En honra ao que sempre foran, un espectáculo familiar, e para non seguir producindo malestar entre a xente, tomaban a decisión de deixar de utilizar animais.

Foi unha decisión moi valente, sobre todo pola maneira de facelo público. O sector circense que aínda utiliza animais non leva ben que algún dos seus tire a toalla, porque lle achega cada vez máis a unha reconversión necesaria.

En España, en menos dun ano asistimos aos tres primeiros casos de circos que decidiron deixar de utilizar animais nos seus espectáculos e doáronos á ONG AAP Primadomus, que conta na provincia de Alicante co principal centro de rescate de animais salvaxes ao sur de Europa.

As sociedades cambian, e os circos teñen que adaptarse á realidade dos tempos

A decisión destes circos non foi fácil. Con todo, as sociedades cambian, e con elas os seus costumes, as súas percepcións e os seus principios. Os circos teñen que adaptarse á realidade dos tempos. Ninguén quere a súa desaparición. Pero case todo o mundo quere a desaparición dos animais nos circos.

O proceso culminará e os circos con animais deixarán de existir en España. Será máis tarde do que nos gustase, pero esperamos que ocorra o suficientemente rápido como para que traxedias como esta non volvan suceder.

Porque morreu un elefante. Un elefante que foi capturado do seu hábitat natural e obrigado a levar unha vida de peche, privación e sufrimento, para terminar morrendo agonizante nunha cuneta.

Marta Merchán é coordinadora da coalición Infocircos, formada por varias protectoras de animais.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.