Venres 19 Abril 2024

Excellent Oportunitas

david-posada-tribunaO primeiro aniversario de GCiencia bríndame unha dobre oportunidade. Dunha banda permíteme felicitar e dar as grazas publicamente a GCiencia polo seu extraordinario labor de divulgación da ciencia que se fai en Galicia, in short, da Ciencia Galega. Creo que GCiencia é un medio fantástico tanto desde o punto de vista técnico –formato, redes sociais– como de contidos. Moito ánimo porque a vosa tarefa é á vez importante e encomiable. Oxalá teñades o apoio suficiente para seguir moito tempo connosco. Doutra banda proporcióname unha ocasión excelente para escribir sobre o futuro da ciencia no noso país, o cal pasa sen ningunha dúbida por unha adecuada política de motivación, captación e retención do talento científico galego. Non é casualidade que queira incidir hoxe sobre este tema en concreto e que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) acabe de presentar o seu programa Oportunius, mediante o cal se pretende impulsar, parece que por fin e de verdade, a excelencia investigadora en Galicia.

Múltiples estudos demostran que o produto interior bruto dun país está directamente relacionado co gasto que fai en investigación

Pero por que é a excelencia investigadora importante para Galicia? Primeiro debemos lembrar que a investigación impulsa o desenvolvemento –múltiples estudos demostran que o produto interior bruto dun país está directamente relacionado co gasto que fai en investigación–, e loxicamente se esta investigación é excelente, o crecemento acelérase. A investigación excelente proporciona ademáis visibilidade, prestixio e atrae talento de fóra, de maneira que xera un efecto multiplicador en centros e institucións, non só a nivel científico se non tamén a nivel de recursos humanos, docentes –a posición nos rankings atrae alumnos– e a efectos económicos.

Publicidade

Son consciente de que a excelencia investigadora pode ser un mantra en boca de moitos, pero afortunadamente Europa creou en 2007 unha ferramenta claramente eficaz para identificala, o Consello de Investigación Europeo (ERC polas súas siglas en inglés; http://erc.europa.eu). O ERC, dirixido desde o primeiro momento por e para investigadores, foi quen de identificar e fomentar a excelencia investigadora europea a través de xenerosas subvencións, iso si, extremadamente competitivas. A principal misión do ERC é estimular a investigación de máis alta calidade en Europa, na fronteira do coñecemento e en todos os campos, cun enfoque explicitamente baseado no investigador e, isto é o realmente importante, coa excelencia científica como único criterio. O éxito do ERC foi tal que a día de hoxe a excelencia investigadora dunha rexión xeográfica, institución ou centro xa se está a medir rapidamente a partir do seu número de proxectos ERCs.

Non podo máis que aplaudir o programa Oportunius da GAIN para incrementar o número de investigadores ERC en Galicia

Se as miñas contas non fallan, os centros galegos conseguiron até o momento nove proxectos ERCs, mentres que en Cataluña hai máis de 110, unha diferenza que asemella demasiado grande. É por iso que non podo máis que aplaudir o programa Oportunius da GAIN, polo cal se pretende incrementar o número de investigadores ERC a través de distintas accións de formación e incentivación e das cales, sen dúbida, a máis atractiva e acertada é a oferta de estabilizar a calquera investigador que traia unha ERC a Galicia. Que menos. Espero que esta iniciativa do GAIN logre afinar os detalles burocráticos e reúna as condicións necesarias para consolidar un programa verdadeiramente atractivo, e por iso, efectivo. A diferenza doutros programas anteriores, o Oportunius utiliza, e isto é un acerto, o selo ERC, co cal o traballo está medio feito e a excelencia garantida. Ademáis, os investigadores ERCs son altamente rendibles e xeran máis recursos dos que gastan, de maneira que un programa deste estilo, se funciona, debería xerar só ganancias netas ao sistema. Outra vantaxe obvia de escoller á ERC como garante é que este proporciona unha vía perfectamente definida de entrada ao Oportunius. Calquera investigador (só fai falta un título de doutor e unha institución de acollida) pode presentarse a unha convocatoria da ERC. Aqueles investigadores de dentro e de fóra de Galicia que se consideren excelentes e queiran acceder ao Oportunius xa saben o que teñen que facer. Se realmente son excelentes, non deberían ter problema.

Por último, pero sobre todo, para ter éxito o programa Oportunius terá que contar coa disposición dos distintos axentes da investigación en Galicia, en particular das universidades, que deben de estar dispostas a romper dunha vez por todas cunha política atávica de distribución igualitaria dos recursos, moitas veces menos dependente de méritos e resultados que da antigüidade no posto. Veremos que acontece. Nun mundo cada vez máis móbil, as institucións e centros galegos interesados en elevar o seu nivel de investigación deberían facer un esforzo e usar esta oportunidade para reter e atraer investigadores excelentes. Traelos faranos simplemente mellores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia cumple un año como medio digital de referencia en Galicia

La web de la ciencia gallega celebra su primer aniversario consolidada entre los ocho primeros diarios de Galicia en Internet y primer nativo digital

GCiencia cumpre un ano como medio dixital de referencia en Galicia

A web da ciencia galega celebra o seu primeiro aniversario consolidada entre os oito primeiros diarios de Galicia en Internet e primeiro nativo dixital

Divulgar ciencia no es tarea fácil

La divulgación científica tiene como finalidad hacer accesible la ciencia al...

La jerga científica

En mi opinión entre otras muchas, hay una especialmente crítica para...