Os zurdos representan entre un 10 e un 15% da poboación. Fonte: Genusfotografen - CC BY-SA 4.0.

Os zurdos representan entre un 10 e un 15% da poboación. Fonte: Genusfotografen - CC BY-SA 4.0.

Esta é a nova teoría sobre os zurdos

Un estudo realizado por científicos alemáns apunta que a razón está na formación da médula espiñal durante o embarazo

Marie Curie, Leonardo da Vinci, Aristóteles ou Isaac Newton son algúns exemplos de zurdos célebres. Porén, ao longo da historia, tiveron que afrontar a incomprensión en moitos casos. Aínda hai persoas que lembran como na casa lles obrigaron a corrixir a zurdeira e acabaron converténdose en destras.

Unhas diferenzas que perviven na linguaxe: a primeira acepción de ‘destra’ no dicionario é “que ten moita experiencia e habilidade nunha arte ou oficio”; mentres ‘sinistra‘, ademais daquilo “que fai temer un mal ou unha desgraza” ou “que provoca medo”, significa tamén todo o referente á perna ou man esquerda.

A ciencia ofreceu varias teorías: estrés durante o embarazo, altos niveis de testosterona ou factores xenéticos

Por unhas e outras razóns, os zurdos representan entre o 10 e o 15% da poboación. Por que se desenvolven doutro xeito? A ciencia leva moito tempo buscando respostas, e xurdiron todo tipo de hipóteses: se tiña que ver co estrés das nais durante o embarazo, ou se un alto nivel de testosterona (hai máis homes zurdos ca mulleres) ou se era unha herdanza xenética.

Hai bastante consenso, con todo, en que a zurdeira está determinada desde antes do nacemento. Os estudos realizados en fetos descubriron que desde a 13ª semana de xestación, as criaturas xa tenden a chuchar o polgar dereito ou esquerdo, o que garda relación co futuro desempeño dunha parte ou outra do corpo.

Porén, un estudo publicado en 2017 por investigadores alemáns na revista eLife propón unha nova teoría: a chave do asunto está na médula espiñal. Os investigadores da universidade Ruhr da cidade de Bochum, xunto con colegas holandeses e sudafricanos, atoparon que a actividade na médula espiñal xa é asimétrica no útero, polo que aquí podería residir a explicación da zurdeira.

O que si se sabe é que as sinais para mover a man e o brazo comezan na codia motora do cerebro, pero a médula espinal é quen traduce esas sinais ao acto de movemento. Así, o estudo científico explica que antes de que a codia motora e a médula estean conectadas, sobre a 15ª semana de xestación, a preferencia xa está desenvolvida no feto; dito doutro xeito, este xa pode facer movementos cunha ou outra man antes de que o cerebro controle o corpo.

Para afondar nisto, os científicos estudaron a expresión xénica na médula espiñal entre as semanas 8 e 12 do embarazo, e atoparon diferenzas significativas nos segmentos esquerdo e dereito da médula que controlan os movementos de brazos e pernas. Así, concluíron que a natureza asimétrica da médula podería deberse á epixenética, é dicir, ao resultado da interacción entre a expresión xenética que levamos en cada un de nós e os factores ambientais que nos rodean.

E por que hai tan poucos zurdos?

Mais este estudo sobre a médula espiñal só explica unha parte do asunto. Existen outras investigacións, como unha realizada en 2012 na Northwestern University, na que se desenvolveu un modelo matemático para amosar que a porcentaxe de zurdos era un resultado da evolución humana debido a un equilibrio entre cooperación e competición.

Dito doutro xeito, estes científicos cren que, alén dos factores xenéticos ou epixenéticos que o poidan explicar, a maior habilidade da parte esquerda ou dereita do corpo ten que ver con factores sociais. “Canto máis social é un animal, máis tende a poboación en xeral cara utilizar un lado en concreto”, explicaba Daniel Abrams, un dos investigadores deste traballo. Unha idea que reforza Judith Schmitz, autora da investigación publicada en eLife, pois sinala que os estudos amosan que a contribución da xenética a optar por unha man ou outra é do 25%; o resto, acaba sendo determinado pola sociedade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.