O científico di: "Se vas ter unha conversa difícil coa túa parella, comproba que non ten fame".

O científico di: "Se vas ter unha conversa difícil coa túa parella, comproba que non ten fame".

Un baixo nivel de glicosa aumenta as discusións de parella

O cerebro consume moita enerxía para o autocontrol e a falta de azucre en sangue favorece ataques de ira

A vindeira vez que queiras ter unha conversa difícil coa túa parella, comproba primeiro que comeu ben. Un equipo de investigadores de Estados Unidos e Holanda fixo un estudo con 107 parellas casadas que revela que ter baixos niveis de azucre en sangue pode facer que se enfaden máis e que aumenten a agresividade. O traballo foi publicado na revista PNAS. “O autocontrol require de enerxía en forma de glicosa en sangue e cando esta se esgota pode ocasionar unha erosión da devandita capacidade”, sinala Brad Bushman, autor principal do estudo e profesor de Comunicación e Psicoloxía da Universidade de Ohio (EUA).

Para chegar a esta conclusión, os investigadores realizaron un experimento con 107 parellas casadas durante 21 días no que mediron a cantidade de glicosa no sangue dúas veces ao día. Ao final dos 21 días, as persoas con menores niveis de glicosa tiñan máis estalidos de ira cara a súa parella.

O estudo, que tardou tres anos en completarse, comezou cunha petición as parellas participantes para que valorasen frases como “me sinto satisfeito coa nosa relación”. Por foi avanzando en dificuldade. Logo, a todos os voluntarios se lles deu un boneco de vodú que representaba á súa parella e 51 alfinetes. Ao final do día, durante 21 días consecutivos, os voluntarios debían inserir entre cero e 51 alfinetes, dependendo do enfadados que estivesen co seu cónxuxe. Isto facíano sós sen a presenza da parella.

 Bushman: “Se vai ter unha conversa difícil coa parella, asegúrese de non ter fame”

Ademais, cada participante usou un medidor de glicosa para comprobar os niveis antes do almorzo e cada noite antes de deitarse, durante os 21 días que durou o experimento. Os resultados revelaron que canto máis baixo era o índice de glicosa, máis alfinetes cravaban no boneco que representaba a súa parella. “Esta asociación manifestouse mesmo cando previamente afirmaran manter unha boa relación”, explica Bushman.

Tras os 21 días as parellas foron levadas a un laboratorio para realizar a segunda parte do experimento. Desta volta, tiñan que competir co seu cónxuxe nun sinxelo xogo de ordenador. Os gañadores podían controlar o volume e a duración dun son estridente que a súa parella escoitaría a través de auriculares. A menor índice de glucosa, amosábanse máis crueis.

Brad Bushman considera que a glicosa é o combustible do cerebro, e que o autocontrol requirido para lidar contra os impulsos de agresividade e de ira precisa moita enerxía e esa enerxía procede en parte da glicosa. “A pesar de que o cerebro representa só o 2% do noso peso corporal, consume un 20% das nosas calorías”, engade.

O científico conclúe “cun consello simple pero efectivo: antes de ter unha conversa difícil coa súa parella, asegúrese de que non ten fame”.

Podes consultar esta investigación
neste artido de PNAS

Unha resposta a “Un baixo nivel de glicosa aumenta as discusións de parella”

  1. Susana

    Curiosa correlación, aínda que coido que o tema tratado ten moito máis trasfondo. Os “couple matters” sempre chamaron moito á miña atención así coma as relacións humanas en xeral… e atreveríame a dicir que esas que espetan os alfileres deberían de se separar ou, no tocante, aprender a querer.

    Tanto ten que se trate de matrimonios, de relacións paisfillos, irmáns, amigos, compañeiros de traballo, veciños ou calquera tipo de vínculo no que se poida desenvolver unha disputa.

    Se ben entendo que coa malnutrición funcionamos peor, non me parece escusa suficiente para ser cruel adrede!! (se é que puidese existir algunha!) e menos con alguén que se supón (a-)preciado na nosa vida, ese alguén co que se decide voluntariamente compartir partes moi importantes (se non todas) de nós.

    Estou pensando nos meus dous cans pelexando pola comida… entón entendo que a xente con fame pode sacar a súa parte máis ‘animal’ (e daí pódense entender moitísimos conflitos a nivel social, se nos extrapolamos -que sempre se pode e debe-).

    Pero lastimar adrede á túa parella -volvendo a centrarnos no estudo- creo que deixa manifestos problemas de fondo que distan moito do que debería ser o vínculo que formaron, no que se supón que se implica o concepto de amor; concepto que está moi lonxe do egoísmo e/ou ira.

    Por tanto, invito a aqueles que poidan ler este comentario de se veren no caso de mostrarse ferintes coa xente que realmente aprecian… se paren a pensar dúas veces se a culpa é da falta de glicosa en sangue ou é que teñen “resquemores” que sandar. E logo, si! Falar con tranquilidade compartindo un bo xantar. (e aquí é onde me uno á teoría deste estudo, xa que entendo ben a importancia da nutrición para funcionarmos como ten que ser)

    Tema peliagudo e interesante coma poucos!

    De todos ser conscientes desta clase de detalles, a humanidade daría un xiro de 180º, que boa falta lle fai!

    P.D.: Estou a pensar no sinxelo de levar sempre algo de comida no bolso/maletín/mochila -froitos secos mesmamente, que ocupan pouco e alimentan moito-… sería boa forma de evitar eses arranques de xenio cando un leva sendas horas no traballo con falta de tempo para comer… paréceme boa forma de ir paliando esa clase de situacións mentres un non topa o tempo suficiente de autoanálise e curación emocional. (Nesta parte do mundo sobreexplótase a nosa enerxía mental, e entendo a dificultade de saír da rutina do estrés na que parece que investir tempo en meditar é un luxo que poucos se poden dar…)

    P.D.2: Gracias pola noticia e pola introspección regalada, e desculpas pola extensión! Tocoume ben o tema 😉 Apertas a quen está tras dela

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.