Ezequiel Rey e Joaquín Lago.

Ezequiel Rey e Joaquín Lago.

Queres remontar un partido de fútbol? Fai cambios antes do minuto 53

Un estudo de Ciencias do Deporte de Pontevedra analiza as substitucións de xogadores no deporte rei

Máis aló do nivel do rival ou do feito de xogar en casa ou fóra, o marcador amósase como a variable máis determinante á hora de realizar ou non unha substitución nun partido de fútbol. Cando menos iso é o que puideron constatar os profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey e Joaquín Lago, xunto co estudante de doutoramento Alexis Cabo, despois de analizar os 677 cambios realizados na Liga de Campións nos 124 encontros disputados ao longo da tempada 2013/2014. Os resultados da súa análise, que veñen de ser publicados na revista International Journal of Performance and Analysis in Sport, amosan que a probabilidade de reverter un marcador adverso ascende ao 43% cando o primeiro dos cambios se realiza antes do minuto 53.

A demanda de Canal Plus logrou do xuíz o peche cautelar de Rojadirecta, nacida en Arteixo e valorada en 112 millóns.

“Que ir gañando, perdendo ou empatando marca o primeiro cambio é algo que se intuía a nivel práctico”, recoñece Rey a raíz dos resultados dun estudo no que trataron de observar a incidencia de diferentes variables situacionais, como a localización do partido, o marcador ou o nivel do opoñente, nas substitucións realizadas polos técnicos nesta competición europea. E os resultados permitíronlles constatar que “os adestradores cando van perdendo, son máis impacientes e realizan os cambios antes”, cunha diferencia media de 7 minutos á hora de facer a primeira substitución con respecto a aqueles partidos nos que o marcador lles é favorable, tendencia que “se ve reflectida tamén nos sucesivos cambios mentres se mantén o marcador”, como apunta Rey.

Pola contra, outras variables, como o feito de xogar na casa ou fóra, non implican variacións nese xeito de proceder, algo que este investigador do grupo Remoss recoñece “que foi algo que nos sorprendeu, xa é unha variable que explica moitos comportamentos no fútbol e críamos que, ante a súa afección, un adestrador se apresuraría máis a realizar os sucesivos cambios, pero isto non ocorreu”. Do mesmo xeito, os investigadores tampouco atoparon variacións no xeito de proceder na fase de grupos con respecto ás eliminatorias de oitavos, cuartos de final ou semifinais, nas que se xogan partidos de ida e de volta. “Nós non podemos saber que é o que o que pensa o adestrador cando fai o cambio, pero si vemos que no equipo sucede algo que fai que aumente a probabilidade de reverter un escenario en contra”, engade este profesor, que conclúe desta análise que “o marcador é a variable que mellor explica o momento no que un xogador entra no campo”.

Os equipos con menor calidade son os que fan máis cambios ofensivos

Nunha análise da que excluíron aquelas substitucións derivadas da lesión ou da expulsión dun xogador, Rey, Cabo e Lago determinaron tamén a “probabilidade de reverter un marcador adverso”, é dicir, de empatar un partido que se ía perdendo ou de pórse por diante nun encontro igualado, en función do minuto no que teña lugar cada cambio. Do estudo realizado desta competición europea, atopouse que se producía esa variación no marcador no 43% dos casos nos que o primeiro cambio se facía no minuto 53 e no 20% das ocasións en que o segundo se levaba a cabo antes do 71, mentres que o terceiro, “como se adoita facer tan tarde, xa non é significativo á hora de reverter un marcador adverso”.

Así mesmo, na análise realizada constátase tamén que “o marcador volve a ser determinante en función do tipo de substitución a nivel táctico”, de tal xeito que se producen máis cambios ofensivos naqueles equipos co resultado en contra, mentres que as substitucións son “neutras”, de xogadores da mesma posición, cando o marcador é de empate e predominan os defensivos cando este é favorable. Un resultado que os investigadores entendían previsible, como tamén o feito de que os “peores equipos”, segundo a clasificación do ránking Uefa, fosen os que realizasen máis frecuentemente cambios de carácter ofensivo, “xa que isto estaría relacionado co marcador, con que probablemente vaian perdendo en máis partidos”.

O estudo é publicado pola revista ‘Journal of Performance and Analysis in Sport’

Os investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte decantáronse pola Champions League para o seu estudo, “porque é unha selección dos mellores equipos, o paradigma do rendemento no fútbol hoxe en día”, como recoñece Rey, que incide en que “seguramente se analizásemos outra competición, os resultados serían diferentes”. En primeiro termo, polas desigualdades que poidan existir nas ligas nacionais entre aqueles grandes clubs que perden poucos partidos ao longo da tempada e os conxuntos máis humildes, pero tamén polo feito “de que temos que supor que na Champions é onde están os mellores de Europa, cos equipos máis amplos, posto que, loxicamente, o potencial dos xogadores no banco tamén modifica esa conduta dos adestradores”.

Nese senso, Rey recoñece que, máis aló dos resultados recollidos neste artigo, “o que se recomendaría é que esta análise se adaptase a cada equipo e que cada técnico fixese o seu perfís de substitucións”, posto que, lembra, o estudo realizado abrangue “equipos de diferentes países e de distintas culturas futbolísticas”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.