Botellas de Refix, nas rochas da Costa da Morte de onde se extrae a auga do remedio para a resaca. Imaxe: Refix.

Botellas de Refix, nas rochas da Costa da Morte de onde se extrae a auga do remedio para a resaca. Imaxe: Refix.

De verdade quita a resaca a auga da Costa da Morte?

Os promotores galegos da bebida Refix atribúenlle propiedades reparadoras que os científicos poñen en dúbida

Auga do mar da Costa da Morte, mesturada con auga dun manancial de Lugo, zume de limón e estevia. É a receita coa que tres mozos decidiron crear Refix, unha bebida coa que aseguran que se pode evitar a resaca, superar a deshidratación producida por diarreas e conseguir unha mellor recuperación despois de actividade física intensa. Nas últimas semanas, varios medios de comunicación de ámbito rexional e estatal recolleron os supostos beneficios da bebida, cuxas botellas de 25 centilitros se venden a un prezo de 2 euros; o que vén sendo 8 euros por litro. “Adeus á resaca en 30 minutos” ou “Beber do mar da Costa da Morte para lograr vencer á resaca, foron algúns dos titulares de presentación do produto.

“Alcaliniza o organismo” e axuda a diminuír “a acidez sanguínea”, afirman os seus creadores

O dossier de Refix preséntaa como “a única bebida reconstituínte sen aditivos químicos, que alcaliniza rápidamente o teu organismo, axudando a diminuír a acidez sanguínea que as túas células tanto deben evitar”. Un proxecto “sostible e respectuoso co medio ambiente”. No mesmo documento sinálase que a auga é extraída “dunha das zonas máis virxes da Costa da Morte, a 70 metros de distancia e catro metros de profundidade”. Unha “estratéxica zona” que, segundo afirman, “conta coas augas de maior calidade da costa galega segundo as análises que cada semana realiza o Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia).

Despois dun proceso de filtrado, mestúrana coa auga do manancial de Lugo, e engádenlle zume de limón natural e estevia. “Así conseguimos que Refix leve moitas das sales minerais que o corpo perde a través da suor, despois dun esforzo físico, ou o que se perde despois de consumir alcol, que é o que acaba producindo a molesta situación de resaca”, explica un dos seus impulsores.

Entre os beneficios da bebida no organismo, enuméranse varios: “Hidrata e recarga electrolíticamente as células”, “reequilibra a función enzimática”, “promove a rexeneración celular”, “mellora as afeccións da pel”, e “axuda a manter o pH en 7,40”.

Pero hai evidencia científica detrás disto?

“Sen sustento científico”

Manuel Collado, investigador de células nai e cancro no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), afirma que “a presentación deste produto é todo un catálogo de afirmacións sen sustento científico, cando non directamente falsas“. En opinión do científico, a marca “intenta aproveitar as imaxes positivas que evoca o mar, o natural, o saudable e o sostible para vender un produto que non posúe ningunha das cualidades que se lle atribúen”. É, sinxelamente, “auga de mar diluída en auga de manancial, posto que o altísimo contido en sales de auga de mar faría tóxico o seu consumo, cun toque de limón e adozado con estevia”.

A resaca

Como punto de partida para abordar a orixe da resaca, cabe subliñar os principais procesos químicos que provocan o coñecido malestar que se sente despois de consumir alcol en exceso. “Parece que unha das principais contribucións é a acumulación de acetaldehído, un composto intermedio da metabolización do etanol. O alcol transfórmase en acetaldehído pola alcol deshidroxenasa, e este en ácido acético pola aldehído deshidroxenasa. Se bebemos moito, non lle damos tempo á aldehído deshidroxenasa a transformar todo o acetaldehído a ácido acético, polo que se acumula e provoca moitos dos desagradables efectos que experimentamos tras beber moito alcol”.

Tamén contribúe, aínda que en menor medida, a deshidratación, xa que o alcol inhibe a hormona antiduirética no ril. Pero isto pode remediarse con auga de mar, auga de manancial, limón e estevia?

A auga do mar

Os creadores da bebida sosteñen que tamén pode ser útil noutros procesos de deshidratación, causados por diarreas ou gastroenterites. Iso si, para evitar a resaca, insisten en que se beban dúas ou tres botellas de Refix “antes de deitarse. Se non, ao día seguinte xa vai ser tarde para evitar os efectos”, aclaran. É así?

Sobre os supostos beneficios da auga de mar, o dossier da marca menciona a figura de René Quinton, un polémico fisiólogo francés rebatido en repetidas ocasións pola evidencia científica. Hai máis de 100 anos glosou os beneficios de beber auga do mar. “Os minerais e elementos orgánicos da auga do mar están tamén na nosa alimentación, e desde logo o consumo de auga de mar non é o xeito máis idóneo de aportalos ao noso organismo”, engade Manuel Collado.

Alén disto, o propio folleto promocional sinala que “na auga do mar atopamos case todos os elementos químicos da táboa periódica”. Recordemos que na táboa periódica abundan elementos tan nocivos para a vida como o arsénico, o plutonio, o chumbo, o cadmio ou o uranio…

O científico do IDIS cualifica esta afirmación de “realmente estraña e caótica. Non vexo cal sería o beneficio de inxerir auga con elementos que en moitos casos poden ser extremadamente tóxicos“.

Bebidas isotónicas

Os creadores de Refix destacan que é unha bebida isotónica, que se diferenza das outras do mercado (Aquarius, Gatorade, etc.) porque é “a única sen aditivos químicos”. Non en tanto, as propiedades das bebidas isotónicas xa foron postas en dúbida en varias ocasións pola ciencia. En 2012, un macroestudo concluíu que estas bebidas non melloraban o rendemento físico nin a recuperación dos deportistas, ao mesmo tempo que denunciaba que moitas revistas científicas do eido deportivo estaban financiadas pola industria das bebidas isotónicas. Na gran maioría dos casos, segundo reitera Collado, “non aportan nada que non se poida conseguir cunha alimentación axeitada e bebendo auga”.

39 respostas a “De verdade quita a resaca a auga da Costa da Morte?”

  1. Rafa Nadal y Nole djockivic toman una bebida similar a esta y parece ser que les va bien ! Creo que han ganado unos cuantos torneos , incluso Nadal en pretemporada bebé un vaso de agua de mar en ayunas según dijo su tío en la tele el otro día ! Si le va bien a Nadal y además No creo que le pague el océano por beber agua de mar !! A mi me irá bien ! Los médicos hace tiempo saben que la vitamina C de las pastillas no se asimila también como comer un limón o una naranja ! Eso se puede medir científicamente ??? Con que medidor ?? Los médicos por experiencia y por ver a pacientes mejorar lo han dado ció hecho irrefutable ! Y esto es lo mismo ! Yo creo que con lo del agua de mar , estáis malinformados ! Os sigo igual ! No sois infalibles pero hacéis un buen trabajo… pero no os pongáis tan cientifistas o pseudo científicos ! Ser más científicos … que es investigar y dudar siempre pero llegando a la verdad ! Abrazos Gciencia … Sos unos cracks !!

  2. Julio

    Cando unha publicación científica ten que publicar este tipo de artículos demostra que se dedica a querer ser como a revista QUO , máis ciencia e menos polémicas, non sodes a inquisición para desmontar os bens ou males da auga

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.