A crise nuclear en Corea do Norte, a actitude do goberno de Trump respecto ao cambio climático e a inxerencia de Rusia en asuntos internacionais preocupan aos científicos atómicos. Fonte: "The Bulletin of the Atomic Scientists".

A crise nuclear en Corea do Norte, a actitude do goberno de Trump respecto ao cambio climático e a inxerencia de Rusia en asuntos internacionais preocupan aos científicos atómicos. Fonte: "The Bulletin of the Atomic Scientists".

Sitúan o Reloxo da Apocalipse máis preto ca nunca da ‘fin do mundo’

Un comité de científicos entre os que están 15 premios Nobel adianta o reloxo que marca o perigo de destrución do planeta

Nin cando Iron Maiden publicaron 2 minutes to Midnight a cousa estivo tan mal. A banda heavy lanzou este tema en 1984, inspirado no Reloxo da Apocalipse, un proxecto creado en 1947 por un grupo de científicos estadounidenses para alertar dos riscos das armas nucleares, só dous anos despois das catástrofes de Hiroshima e Nagasaki. Advertían así do perigo de “aniquilación” da especie humana, que sería inminente cando se chegase á medianoite.

Para actualizar a hora do reloxo, o grupo de científicos da universidade de Chicago, que conforman o Bulletin of the Atomic Scientists, reúnense cada ano. Analizan a situación mundial e deciden adiantar, atrasar ou manter a hora. Desde 2007, ante as evidencias do avance do cambio climático, os científicos decidiron incluír esta cuestión na análise da proximidade á fin do mundo.

O reloxo, nas 23.58

Pois ben, esta semana os científicos anunciaron que adiantaban o reloxo medio minuto (estaba a 2 minutos e medio da medianoite) para situalo nas 23.58. Unha situación que só se dera en 1953, nun dos momentos máis tensos da Guerra Fría, cando Estados Unidos e a URSS realizaron varias probas con bombas termonucleares e de hidróxeno.

Entre os factores que sinalan os expertos, expoñen a escalada de tensión nuclear con Corea do Norte e a actitude desafiante de Trump ao respecto, con anuncios sobre o posible aumento do arsenal nuclear dos Estados Unidos, ademais da retirada deste país dos Acordos de París contra o cambio climático.

O momento no que máis lonxe estivo o reloxo da medianoite foi en 1991, tras a caída da Unión Soviética e o desmantelamento de parte dos arsenais nucleares. Entón, o reloxo marcaba as 23.43.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.