Neno con sarampelo

Neno con sarampelo

Os trucos das webs antivacinas: anécdotas, tecnicismos e pseudociencias

Investigadores americanos estudaron as tácticas de 500 páxinas de Internet usadas para espallar a idea de que as vacinas infantís son perigosas

O pasado verán, morreu a consecuencia da difteria un neno de seis anos, veciño de Olot (Girona), ao que os seus pais decidiran non vacinar.  Este feito, ademais de provocar a perda dunha vida, trouxo a España unha enfermidade que levaba erradicada desde fai case tres décadas grazas, precisamente, ás campañas de vacinación.

Agora, un estudo, liderado pola Escola de Saúde Pública Johns Hopkins Bloomberg de Baltimore, analizou as estratexias que seguen preto de 500 sitios web de colectivos antivacinas para propagar as súas ideas.

O traballo constatou que máis de dous terzos destas webs fan referencias a terminoloxía científica para apoiar a idea de que as vacinas son perigosas. Ademais, case un terzo das webs conteñen anécdotas que reforzan esta percepción.

O estudo conclúe que os sitios analizados conteñen unha considerable cantidade de desinformación e pseudociencia.  Máis de dous terzos destas webs defenden que as vacinas son perigosas e a mesma cantidade aseguran que causan autismo. Ademais, en catro de cada dez dos portais estudados pódese ler que as vacinas causan dano cerebral e no 66% bótase man de alusións a aparentes evidencias científicas que en realidade non o son, mentres que tres de cada dez recorre a anécdotas para apoiar estas afirmacións.

Moitas webs usan terminoloxía científica para facer ver que as vacinas son perigosas

As webs antivacinas válense tamén da promoción de comportamentos considerados “positivos”, entre eles a alimentación saudable (18,5%), a inxesta de comida orgánica (5,2%) e a lactación materna (5,5%), asegura o traballo.

Segundo Meghan Moran, autora principal do traballo, que se presento esta semana no encontro anual da Asociación Americana de Saúde Pública de Chicago, a lección que aprendemos tras analizar estas webs é a de que “hai que comunicar aos pais que dubidan sobre a necesidade de vacinar aos seus fillos dunha forma máis próxima e que aclare as súas preocupacións”.

Para o seu estudo, os investigadores analizaron os sitios con contido acerca das vacinas infantís. Utilizaron os buscadores Google, Bing, Yahoo e Ask Jeeves con termos como “perigos da inmunización”, “perigo vacina” e tamén buscaron tendencias de Google. Tras a eliminación de duplicados, obtiveron unha mestura de sitios web persoais, blogues, páxinas de Facebook e sitios web de saúde.

Na análise, codificouse o contido da desinformación sobre vacinas, a fonte desa información errónea e o tipo de tácticas de persuasión utilizadas. Tamén se rexistraron as condutas e valores promovidos por estes sitios web para ver se algunhas destas estratexias poderían ser usadas cun obxectivo inverso: o de promover a vacinación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.