O presidente Obama ri nunha reunión cos seus colaboradores do partido demócrata.

O presidente Obama ri nunha reunión cos seus colaboradores do partido demócrata.

Os políticos progresistas son máis felices que os conservadores

A revista Science publica un estudo baseado en 'megadatos' que revela que os demócratas sorrín con máis sinceridade e expresan máis felicidade

É máis feliz quen di que o é? Ou é máis feliz quen o transmite cos seus actos? Estudos baseados en autoavaliacións indicaban que os políticos conservadores eran máis felices que os progresistas, pero unha nova análise de comportamentos di o contrario. Con técnicas de big data, os autores analizaron millóns de palabras das transcricións do Congreso de Estados Unidos, ademais de fotos e tuits. A conclusión é que os políticos de esquerdas usan unha linguaxe emocional positiva con máis frecuencia e sorrín máis xenuinamente nas súas fotografías.

Investigadores da Universidade de California en Irvine (UCI) levaron a cabo este traballo, que indica que os políticos de esquerdas estadounidenses son máis felices que os de dereitas. O traballo publícase no último número da revista Science.

Segundo sinala Sean Wojcik, investigador de psicoloxía e comportamento social desta universidade e autor principal do traballo, os estudos que se publicaran con anterioridade estaban baseados na autoavaliación. “Non obstante, as afirmacións acerca da felicidade propia, ao igual que as de intelixencia ou moral poden inflarse polo desexo de vernos a nós mesmos cunha luz positiva”, destaca.

Os conservadores din ser máis felices pero o estudo pon en dúbida a afirmación

Para avaliar as diferenzas, Wojcik e os seus colegas recorreron a fontes de big data. En concreto, os autores analizaron millóns de palabras das transcricións do Congreso de EUA, fotografías dos parlamentarios, 47.000 tuits e 500 fotos de LinkedIn. “Os resultados indican que os políticos de esquerdas utilizan unha linguaxe emocional positiva con máis frecuencia e sorrín máis xenuinamente nas súas fotografías”, sinala o estudo.

“Sorprendeunos a consistencia coa que se podía predicir un comportamento feliz por ter unha ideoloxía política progresista”, destaca Wojcik. “Vimos patróns similares de linguaxe emocional e de comportamento risoño entre os membros do Congreso, os usuarios de Twitter e LinkedIn”.

O estudo tamén pon de manifesto que no caso das autoavaliacións sobre felicidade e outras calidades como a intelixencia, a moral e as habilidades sociais, os conservadores tenden a verse a si mesmos dende un prisma moito máis favorable. “Valóranse en xeral por enriba da media“, di o autor. Probablemente, isto sexa así pola propia idiosincrasia da ideoloxía conservadora, cunha énfase no individualismo e a competencia, que os fai máis propensos a dar valor ás aparencias, segundo a opinión dos investigadores.

Podes acceder ao artigo
neste enlace da revista Science

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.