Xoves 28 Marzo 2024

Os mil e un nomes dos bechos en galego

Así como a lingua galega ofrece máis de 100 termos para denominar os diferentes tipos de choiva, o léxico tamén aporta infindas ideas para denominar á fauna e á flora.  Unha rápida busca no dicionario da Real Academia Galega abre ante nós un grande abano de nomes, case sempre creados grazas a séculos de sabedoría popular.

Son de sobra coñecidas as diferenzas á hora de denominar algunhas especies de peixe dependendo do lugar da costa galega onde se capture. É, por exemplo, o caso da xarda, tamén coñecida como cabala, correolo, escombro, rincha, rinchón ou verdel. Non en tanto, nestas liñas ímonos centrar nas especies de insectos e outros animais de pequeno tamaño.

Publicidade

A maruxiña (Coccinella septempunctata) tamén ofrece numerosas variantes para denominala.
A maruxiña (Coccinella septempunctata) tamén ofrece numerosas variantes para denominala.

Unha das especies máis ricas en canto a definicións é o vagalume (Lampyris noctiluca). Máis dunha decena de sinónimos: bicho do lume, cociñeiro, coco de luz, lucecú, meiga, vella, vella do caldo, vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo, vella sen dentes, velliña da cea, verme canteiro, verme carpinteiro, verme da luz ou verme de luz.

A maruxiña, (Coccinella septempunctata), insecto de forma redondeada e de cores vivas, tamén destaca pola súa gran cantidade de denominacións: barrosiña, coccinela, papasol, papoia, reirrei, voaniña, xoana ou xoaniña.

Aquí hai outros exemplos (entre outros moitos máis) de ‘bechos’ con multitude de nomes:

Bolboreta: choruma, papoia, paxarela.

Vacaloura: cornetán, escornabois, cervo voador.

Rapacarallas: bicha sara, cadela, cadela de frade, forcadela.

Carracha: carracho, carrapata, carrapato, carraza.

Zapateiro: cabra cega-

Miñoca: bichoca, cagón, cagulo, mangón, mioca.

Verme: becha, becho, bechoco, bicha, bicho, bichoca, bichoco, coca, coco, ronco.

Chincha: chinche, percebella.

Carricanta: cantariña, chicharra.

Píntega: becha, bicha, pinchorra, sacabeira, sacarrancha, salamanca,

salamántiga, sapagueira.

Couza: corta, caruncho, rela, traza, trilla.

Mosquito: cínfano, cínife.

Ralo: alacrán ceboleiro, corta, cortón, grilo ceboleiro, osa, relo.

20 COMENTÁRIOS

  1. Vagalume Lucerna ou lucernaga .asi a pintarega chamaselle bavosiña o zapateirp chamaselle pita cega ,a vacaloura chamaselle escornabois,a bolboreta polboreta .miñoca mioca. concello gudiña ourense ocidental

  2. Hai moitos anos, máis de 20, tocoume facer o censo do Concello da Guarda. Alí unha parella tiña un fillo ao que lle puxeran un nome moi orixinal: soaba moi galego e resultaba moi bonito. A avoa do pequecho estaba toda desgustada porque (e cito) “a xente nova de agora non sabe o que fai, mira que poñerlle o nome dun becho!” Cando cheguei á casa, busquei no dicionario e era o nome dun verme. Agora non lembro como se chamaba aquel rapaz (hoxe xa homiño) pero se alguén se anima a dar nomes de vermes que poderían ser usados como nomes de persoa, gustaríame recordalo

  3. Boto en falta ó “carabeiro”, que é como lle chaman en Palmeira (Ribeira) e en Cambados ó mexillón. Un caso curioso que non debería de perderse. Nin nos pobos do lado coñecen ese nome, e sen embargo nestes dous puntos da ría é común.

  4. No Val do Dubra a píntega vén sendo unha “pezoia”, seseando un pouco “pesoia”, que é como sempre lle oín chamar, 🙂

  5. No meu pobo (Muros) á maruxiña chamamoslle cascarrubia (Cascarrubia rubia rubia, dime se mañán fai Sol ou chuvia)

  6. Na miña aldea (no Concello de Boiro) e zonas colindantes existe papoio/a para chamarlle a unha persoa que é aparvada.

    • Na miña aldea (no Concello de Boiro) e zonas limítrofes existe papoio/a para chamarlle a unha persoa que é aparvada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas