Unha exposición na UVigo reflexiona sobre a representación do mundo nos mapas do noso planeta. Na sala Alterarte do campus de Ourense José Andrés Santiago fai unha instalación amosando as diferentes cartografías da Terra. Así que aproveitamos para facer un rápido percorrido polos mapas para concluir que todos menten.
O mapa que abre esta reportaxe é un éxito en Australia. Pero non é o mapa oficial do país. Con todo, serve para lembrarnos que non hai ningunha razón para que o Norte estea cara arriba e o Sur cara abaixo. É unha simple convención. De xeito que algúns mapas medievais estaban orientados cara ao leste (orientar vén de Oriente).
O problema é que a Terra é case unha esfera e é imposible trasladala exactamente a un plano. Que o noso planeta sexa case esférico non é casualidade. Todo o mundo físico tende á esfera polo feito de ser moi estable: é a figura xeométrica que, para un mesmo volume, ten unha superficie externa menor. O caso é que é moi complicado aproximarse a representar en dúas dimensións as tres dimensións que ten unha esfera. E aí xorde o primeiro gran problema dun mapamundi.
Case todos os mapas de hoxe baséanse aínda no que trazou no século XVI Gerardus Mercator. A súa virtude é representar bastante ben as formas dos continentes, pero falla totalmente no seu tamaño.
Como consecuencia, Europa aparece o dobre de grande que Sudamérica, cando en realidade é a metade. E Groenlandia está sobredimensionada. Pero mesmo Google Maps inspírase actualmente no mapa de Mercator.
Unha pequena revolución supuxo a Proxección de Peters de 1973, baseada nos traballos previos de James Gall no século XIX. Aquí represéntase mellor o tamaño dos continentes. E a terra emerxida semella espallarse en bágoas que caen cara ao sur.
O mapa de Robinson de 1963 tentaba simular a curvatura da Terra, pero tamén ten erros.
E todos vimos tamén o de Goode de 1923, que representa a superficie do noso planeta cortándoa en cachos.
Ademais de que é imposible representar exactamente unha esfera nun plano, un problema engadido é a utilización política dos mapas. Algo repetido ao longo da historia.
Por exemplo, en China, os mapas sitúan a este país no centro do mundo.
E outro tanto fai Rusia.
Mentres que en Estados Unidos teñen mapas que poñen América no centro do mundo.
Pero de todas as cartografías do mundo, o máis sorprendente nos últimos anos é un mapa político que representa aos países segundo a súa poboación. Neste trazado, India, China ou Brasil convértense en descomunais. E para todos quedan unhas dimensións que convidan a reflexionar.