Foto de 1960 na que os yanomami fan un combate amistoso para medir a habilidade de futuros aliados.

Foto de 1960 na que os yanomami fan un combate amistoso para medir a habilidade de futuros aliados.

Indíxenas do Amazonas forman bandas de cuñados para facer a guerra

Antropólogos dos Estados Unidos revelan un caso único no mundo: os yanomami converten a guerra nun asunto de cuñados

Semella unha nova de humor, pero é un estudo científico publicado nunha das grandes revistas de referencia mundial. Antropólogos das universidades de Utah e Misuri, nos Estados Unidos, veñen de publicar o seu estudo na prestixiosa revista PNAS. E achegan novos datos sobre cooperación e violencia en sociedades humanas pequenas a partir de datos do pobo yanomami, asentado no sur de Venezuela e o norte de Brasil. Tras analizar as relacións entre 118 guerreiros, teñen visto que para pelexar prefiren aliarse con homes doutros pobos de idades semellantes, e casar coas súas irmás e fillas. É o que denominan a ‘guerra de cuñados’.

Os antropólogos determinaron que existe unha interesante relación de cooperación e violencia nas sociedades humanas a pequena escala, como a yanomami. Algo do que non había precedentes. Segundo os investigadores, as principais alianzas de guerra fórmanse con homes doutros pobos de idades semellantes e non cos parentes próximos como pais, fillos ou primos que viven na mesma comunidade. O seu botín de guerra non é tomar as terras das súas vítimas e ás súas mulleres, senón casar coas irmás e fillas dos seus aliados e afianzar así os seus vínculos. Deste modo, forman asociacións de guerra a longo prazo cos seus cuñados. É un xeito de facer a guerra, pero non destruir totalmente o territorio e aos seus veciños. Digamos que hai guerra, pero os yanomami garanten a súa supervivencia futura dun xeito racional.

“É un caso de cooperación e violencia non visto noutros organismos”

Shane J. Macfarlan, autor principal do artigo publicado en PNAS, precisa que os investigadores esperaran encontrar que os yanomami loitaban en bandas de parentes próximos, como irmáns, pais, fillos e primos. Así sucede nas pelexas de chimpancés, os únicos simios, ademais dos seres humanos, que forman coalicións para loitar e matar. Sen embargo, unha descrición máis axeitada indica que pelexaban como bandas de cuñados, ao casar coas parentes femininas dos seus aliados. Neste modelo, “van obter socios e unha alianza a longo prazo con outros rapaces nos que poden confiar para facer as cousas, e que a cambio están a recibir oportunidades de matrimonio” que mantengan a súa cultura no futuro. Despois de matar xuntos, fórmase un enlace, cásanse coas fillas ou irmás de cada guerreiro e móvense de aldea, ou mesmo forman un novo pobo.

“Demóstrase unha relación entre a cooperación e a violencia a un nivel non visto noutros organismos. Iso pode parecer obvio para os países aliados nas guerras modernas, pero nós estamos a dicir que isto se produce mesmo en sociedades de pequena escala, como é neste caso,” conclúe Macfarlan.

O artigo completo pode consultarse
neste enlace de Proccedings of the National Academy of Sciences (PNAS)

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.