Xoves 28 Marzo 2024

Os galegos son os menos satisfeitos coa súa vida

Os galegos non están satisfeitos coa vida que levan. Semella difícil de comprender no país das mil festas, unha por cada torreiro e aldea. Pero así o revela un estudo publicado agora pola Fundación BBVA, que tenta coñecer o grao de satisfación dos cidadáns de cada comunidade. Titulado “As facetas do benestar: unha aproximación multidimensional á calidade de vida”, o estudo abrangue o período entre 2006 e 2015 e amosa uns resultados que presentan aos galegos como os máis pesimistas sobre a súa realidade.

Este dossier, que mide o impacto negativo que ten a crise económica no benestar, destaca que Galicia é a comunidade autónoma menos satisfeita coa vida, cunha puntuación de 6,1 sobre 10. Mentres Baleares ou Navarra son as mellor posicionadas no ranking por comunidades, con 7,3 e 7,2 respectivamente.

Publicidade

En datos xerais, este monográfico sinala que as comunidades autónomas que presentan mellores niveis de benestar son País Vasco, A Rioxa, Navarra e Madrid. Galicia, pola contra, ocupa o furgón de cola.

Galicia é a menos satisfeita coa vida, cunha puntuación de 6,1 sobre 10

Algúns aspectos subxectivos analizados en relación co benestar mostran que os habitantes de Galicia son os menos satisfeitos con outros ámbitos máis persoais. Respecto da calidade das relacións persoais, Galicia é a menos satisfeita con 7,2 puntos, mentres Aragón ou illas Baleares son as máis satisfeitas con oito puntos cada unha.

En canto á percepción que ten a poboación da súa propia saúde, os galegos son así mesmo os menos satisfeitos. Os datos sobre a porcentaxe de poboación de 16 e máis anos que declara ter un estado de saúde bo ou moi bo apuntan que Galicia sitúase un 15% por baixo da media estatal.

O informe, no que tamén colaborou o Ivie (Instituto Valenciano de Investigacións Económicas), determina que os galegos presentan unha taxa de paro de longa duración menor e un abandono educativo temperán máis baixo que a media española, dous indicadores obxectivos nos que sae beneficiada. Pero, cando se lles pregunta aos galegos, os resultados son peores.

O estudo revela que a crise económica tivo un impacto negativo sobre gran parte das variables relacionadas co benestar: actualmente España sitúase por baixo da media da OCDE en renda, emprego, vivenda, educación e satisfacción coa vida. Con todo, nas variables relacionadas coa saúde, a seguridade e as relacións sociais os datos de España superan a media.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.