Os cans entenden algunhas formas da fala humana. Foto: Lon Martin.

Os cans entenden algunhas formas da fala humana. Foto: Lon Martin.

Os cans entenden formas da linguaxe humana

Un estudo demostra que distinguen palabras e entoación, unha habilidade evolutiva polo seu contacto ancestral co ser humano

O teu can obedece inmediatamente a unha orde e responde polo seu nome? Aínda que algúns dirían que o seu mellor amigo entende todo, non é certo. Pero un novo estudo ven de descubrir que o cerebro canino sabe diferenciar entre os sons da fala e o xeito de expresarse. E, de feito, non só atende á entoación ou aos xestos da persoa que lle dá unha orde, senón tamén ao que lle di.

Cando escoitamos unha persoa falar non só percibimos o contido verbal, senón tamén a información relacionada co orador, como o seu sexo, o estado emocional, a identidade, a personalidade, etc. Todo iso é procesado polo hemisferio dereito, especializado en emocións, sentimentos, e habilidades non verbais; pola súa banda, o hemisferio cerebral esquerdo ocúpase da linguaxe articulada e a memoria verbal. O que descubriron científicos británicos é que os cans tamén fan esta distinción entre os hemisferios cerebrais e son capaces de procesar os diferentes compoñentes do fala humana.

Os experimentos desenvolvidos revelan que, ao escoitar o mesmo tipo de información, as tendencias hemisféricas dos cans son paralelas ás dos humanos. “Aínda que non sabemos canto entenden os cans do discurso, si puidemos comprobar que mostran tendencias cerebrais relacionadas co contido verbal e coa información relacionada co orador”, sinala Victoria Ratcliffe, investigadora na Universidade de Sussex (Reino Unido), que publica o estudo na revista ‘Current Biology‘.

“Aínda non sabemos canto entenden os cans do discurso”, di a investigadora

Para comprobar a forma na que os cans procesan o son, os científicos instalaron dous altofalantes dixitais a un metro e medio de cada lado do can para que, ao liberar o son, este entrase á vez en cada oído. Durante o experimento, realizado con 25 cans, os científicos enviaron diferentes sinais, dando nunhas máis importancia ao contido verbal e, noutras, a aspectos como a entoación. Cando os canes oíron ordes familiares nas que o significado das palabras foi máis obvio, estes xiraron a súa cabeza cara á dereita mostrando actividade no hemisferio esquerdo do cerebro. Por outra parte, cando os científicos esaxeraron a entoación (información relacionada co orador) dalgún dos sinais, os cans mostraron unha maior tendencia no hemisferio dereito. “Ao inhibir o contido verbal, aumentou a importancia da información propia do orador”, apunta Ratcliffe.

“Isto implica que procesan os compoñentes do fala por separado, e suxire que o hemisferio esquerdo do cerebro é máis activo para procesar información fonética ou verbal do discurso e o hemisferio dereito é máis activo en procesar información relacionada co orador no sinal”, subliña a investigadora. Así que non sabemos canto entenden os cans do que lles falamos. É probable que non moito. Pero agora se sabe que, cando menos, saben diferenciar palabras. E, cando queren, son uns ‘cracks’ en poñer expresión de entendelo todo.

2 respostas a “Os cans entenden formas da linguaxe humana”

  1. Susana

    Con permiso, deixo un exemplo de maravillas que pode chegar a aprender un can:

    https://www.youtube.com/watch?v=GPGNq7lquX0

    Este mesmo mozo puxo tamén un video no que tenta ensinarlle algo de inglés, con pouco éxito, hai que o dicir; pero non deixa de mostrar a importante relevancia que ten a constancia da ensinanza 🙂

    E, pregúntome eu, terán que ver tamén a dopamina e oxitocina nisto da aprendizaxe?? Haberá correlación entre a satisfacción emotiva coa facilidade (e/ou ganas/empeño/entusiasmo,etc.) de adquirir novos coñecementos??

    Escapo un pouco ao post deste mesmo apartado do 14 de febreiro e extrapolo ao símil animais-humanos en domesticación vs. doma. Galletas vs. latigazos; cartos vs. desafiuzamentos. Son exemplos extremos, pero coido que así se entende a idea… aínda que deste xeito escapo incluso máis do tema… pero dáme que a importancia das reaccións fisiolóxicas teñen moito máis que ver que os axentes externos-materiais maiormente prescindibles. A todos nos gustan as galletas (aos cans dámosllas nós, a nós dánnolas os cartos… ou o forno, pero tamén o tivemos que pagar, igual que os ingredientes… a non ser que cultivemos de todo na casa e fagamos a propia lareira con pedras do monte haha estaría ben, aínda que tampouco se trata de volver á prehistoria :P), pero acaso non somos igual de felices ou máis comendo un pouco de arroz fervido se temos estas hormonas-neurotransmisores a todo dar??? E non somos máis eficientes cando somos felices???

    E daquí paso ao tema das enchentas de larpeiradas… non serían absolutamente evitables no caso de que unha persoa tivese unha boa estima propia que a levaría a ter uns lazos emotivos estables e satisfactorios?? Con equilibrio, paz, amor, armonía e alegría internos, os excesos desaparecerían; de todo tipo, estou convencida. E marchei incluso máis do tema inicial! Aínda que coido que todo está perfectamente relacionado, así non o semelle a priori.

    Igual debía comentar cada cousa no seu fío; pero ben, unha non sempre se para, aínda que me gustaría deixar constancia do interesantes que me resultan os temas que se tratan neste apartado. Sígoos a diario con grande interese desde que coñecín a páxina. Parabéns polas escollas temáticas e o enfoque co que se tratan e gracias por compartir coñecementos, bo gusto e bo facer 🙂 A seguir expandindo sabedoría!!

    Gracias de novo e as miñas desculpas pola intervención tan longa e un tanto desordeada. Apertas! E longa vida á ciencia!!! haha Agollá se siga investigando no campo da química fisiolóxico-emotiva para que todos poidamos desenvolver os nosos potenciais da máis saudable e óptima das maneiras 🙂

    O dito, saudiña para todos! A ter un bo día!

  2. Susie

    Cracks é pouco! haha Eu coido que os meus me levan vantaxe bastante co emprego do devandito hemisferio dereito, e iso que me mato ben a falar con eles! Se é que a articulación da linguaxe que nos toca como especie é maravillosa, pero no fondo nada como esa xestualidade que nos toca a alma… ou non é por algo que lle chaman o mellor amigo do home? Chegan a ter laboratorios eles, e déixannos a pan pedir!

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.