A concentración de trolox equivalente é 10 veces maior nas laranxas.

A concentración de trolox equivalente é 10 veces maior nas laranxas.

O zume de laranxa é 10 veces máis antioxidante do que se pensaba

Un experimento atopa que son máis saudables e que teñen un alto índice de 'Trolox', un nome que soa mal pero senta ben

O Trolox ten un nome pouco aproveitable en publicidade. Soa demasiado parecido á palabra ‘trola’, mentira. Por iso non escoitamos falar de Trolox nos anuncios que insisten nos antioxidantes para evitar os radicais libres. Estas últimas sustancias danan ás células, aceleran o envellecemento ou provocan distintas doenzas. Por iso é bo consumir alimentos ricos en antioxidantes, entre eles os cítricos. E a capacidade antioxidante mídese en ‘Trolox’, que é unha molécula creada en laboratorio e que emula a Vitamina E. E está considerada hoxe a principal unidade de medida do contido de antioxidantes dun alimento. Algo que soa mal pero senta ben.

Así que unha boa concentración de trolox é sinónimo de vitaminas antioxidantes. E científicos da Universidade de Granada veñen de descubrir que a actividade antioxidante dos zumes de cítricos e outros alimentos está menosprezada. Unha nova técnica desenvolvida por eles bota uns valores dez veces superiores aos que indican os métodos de análises actuais. Os resultados suxiren que hai que revisar as táboas sobre a capacidade antioxidante dos produtos alimenticios que usan os dietistas e as autoridades sanitarias. O resumo é que o zume de laranxa ten dez veces máis capacidade antioxidante do que se pensaba.

A clave do estudo é que o intestino tamén aproveita a fibra da laranxa
Os zumes de laranxa e outros cítricos considéranse produtos saudables polo seu alto contido en compostos antioxidantes, que axudan a reducir os daniños radicais libres no noso organismo, pero a nova investigación sinala que os seus beneficios son maiores do previsto.

Para estudar estes compostos no laboratorio, empréganse técnicas que simulan a dixestión dos alimentos no aparato dixestivo, de tal forma que se analiza só a capacidade antioxidante daquelas substancias que potencialmente se absorben no intestino delgado: a fracción líquida do que comemos.

“O problema é que non se mide a actividade antioxidante da fracción sólida -a fibra-, porque se supón que non se aproveita; pero esta parte insoluble chega ao intestino groso e a microbiota intestinal tamén pode fermentala e extraer aínda máis substancias antioxidantes, que podemos valorar cun novo método,” explica José Ángel Rufián Henares, profesor da Universidade de Granada.

O seu equipo desenvolveu unha técnica denominada ‘resposta antioxidante global’ (GAR, polas súas siglas en inglés), que tamén simula in vitro a dixestión gastrointestinal que acontece no noso organismo, pero tendo en conta a capacidade antioxidante ‘esquecida’ da fracción sólida.

Os valores de antioxidantes disparáronse en todos os cítricos analizados

O método, cuxos detalles se publican na revista Food Chemistry, inclúe valoracións de diversos parámetros físico-químicos, como a cor, a fluorescencia ou a relación das concentracións analizadas coa de compostos indicadores como o furfural.

Ao aplicar a técnica a zumes comerciais e naturais de laranxas, mandarinas, limóns e pomelos, comprobouse que os seus valores se disparaban. Por exemplo, no caso do de laranxa, pásase dos 2,3 milimoles Trolox/litro (unidades da capacidade antioxidante) rexistrados cunha técnica tradicional aos 23 mmol Trolox/L que indica o novo método GAR.

“A actividade antioxidante é, en media, unhas dez veces maior do que todo o mundo dicía ata agora, e non só nos zumes, senón en calquera outro alimento que se analice con esta metodoloxía”, destaca Rufián Henares, que apunta a súa posible aplicación: “Está técnica e os resultados derivados poderían servir a dietistas e autoridades sanitarias para establecer mellor os valores da capacidade antioxidante dos alimentos”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.