Mércores 24 Abril 2024

O teu can entende o que lle dis e como llo dis

Para entender a fala, o cerebro humano divide as tarefas: o hemisferio esquerdo encárgase do significado das palabras e o dereito permite interpretar a entoación. Así podemos analizar por separado o que dicimos e o xeito como o dicimos para chegar a un significado conxunto. Pero esta habilidade non é única no ser humano.

Un estudo, publicado en Science esta semana, suxire que o cerebro dos cans funciona da mesma maneira para distinguir as palabras e a entoación. “Usan mecanismos cerebrais moi parecidos aos humanos”, di Attila Andics, autor principal do traballo e científico no departamento de Etoloxía e do grupo de investigación de Etoloxía Comparada MTA-ELTE da Eötvös Loránd University en Budapest (Hungría).

Publicidade

Deste xeito, os cans, como as persoas, utilizan o hemisferio esquerdo para comprender o vocabulario das palabras e unha rexión do hemisferio dereito para a entoación. Para os científicos, se na contorna do can está moi presente a fala humana, poden xurdir no seu cerebro representacións de significado das palabras. Mesmo no caso de mamíferos non primates como os cans que non son capaces de falar.

É o primeiro estudo que analiza o transfondo neuronal deste proceso nos cans

“Os cans poden aprender as palabras que son relevantes para eles e usadas polos seus donos para dirixirse a eles. As palabras para felicitalos son un exemplo”, recalca Anna Gábor, unha das autoras do traballo e investigadora na Eötvös Loránd University de Hungría.

Este é o primeiro estudo que analiza o transfondo neuronal deste proceso nos cans, aínda que desde hai anos científicos de diferentes partes do mundo realizaron diversos experimentos para demostrar a habilidade dos cans para recoñecer os diferentes compoñentes da fala.

“Pero ata agora non sabiamos moito sobre os mecanismos cerebrais dos cans e que estes eran similares aos do humano para entender as palabras. Aínda queda por documentar como estes animais separan e integran información léxica e da entoación nas palabras faladas”, sinala Gábor.

Os 13 cans adestrados ao que se lle realizou unha resonancia magnética para o estudo. /Enikő Kubinyi.
Os 13 cans adestrados ao que se lle realizou unha resonancia magnética para o estudo. / Enikő Kubinyi.

Segundo os investigadores, o estudo é o primeiro paso para entender como os cans interpretan o fala humana. Para iso, adestraron 13 cans que se mantiveron inmóbiles para realizar unha resonancia magnética cerebral. Os científicos puideron así medir a actividade cerebral de cada can ao escoitar as palabras do seu adestrador (de eloxio ou sen significado para eles, combinando entoacións de eloxio ou neutras).

Ao buscar as rexións do cerebro que diferenciaban as palabras con sentido e as que non, e as entoacións de felicitación ou as neutras, os científicos decatáronse de que os cans prefiren usar o seu hemisferio esquerdo para procesar as palabras e que estas activacións cerebrais eran independentes da entoación, que se activa no hemisferio dereito.

“O que fai que as palabras sexan únicas nos humanos é o noso enxeño para inventalas e usalas”

O estudo indica ademais que nas mascotas son os eloxios os que activan o sistema de recompensa do can -a rexión cerebral que responde a todo tipo de estímulos pracenteiros como a comida, o sexo, ou as caricias- só cando palabras e entoación de eloxio concordan.

“Os cans combinan ambas rexións para unha correcta interpretación da fala e do que realmente significan esas palabras. Unha vez máis, o proceso é moi similar ao dos humanos”, subliña Andics.

Para os científicos, este traballo non só permite mellorar a comunicación e a cooperación entre cans e humanos, senón que tamén arroxa luz sobre a aparición das palabras durante a evolución da linguaxe. “O que en realidade fai que as palabras sexan únicas nos humanos non é a nosa especial capacidade neuronal, senón o noso enxeño para inventalas e usalas”, declara o autor principal.

O equipo húngaro suxire que os mecanismos neuronais para entender as palabras evolucionaron moito antes do que se pensaba ata agora, e revela que non son exclusivos do cerebro humano. Posiblemente durante a domesticación, forzas selectivas apoiaron a aparición da estrutura cerebral que subxace a esta capacidade nos cans. “Os seres humanos son só únicos na súa capacidade para inventar palabras”, conclúen os autores.

Podes consultar o estudo completo
publicado na revista Science 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O can de palleiro: a raza galega que busca ser excepción na Lei de Benestar Animal

A normativa prohíbe a cría a particulares, o que exclúe ás asociacións que traballan sin ánimo de lucro para dar continuidade ás especies autóctonas

Remata a tempada de caza, comeza a do abandono de cans

O informe 2022 da Fundación Affnity cifra en case 22.000 o número de animais usados para fins cinexéticos abandonados en España

O achado do óso dun can proba que a especie foi domesticada hai máis de 17.000 anos

Investigadores da Universidade do País Vasco identificaron un úmero canino prehistórico na cova de Erralla que se corresponde cun exemplar de hai 17.000 anos

Estes son os danos que provocan as vagas de calor na saúde animal

Expertos galegos indican que varias especies sufriron queimaduras, golpes de calor e incluso a morte derivada das altas temperaturas