corazon-roto

Un desengano amoroso pode provocar os mesmos síntomas que un infarto

O mal de Takotsubo, que aparece en momentos de grande sufrimento emocional, pode confundirse cun ataque cardíaco

Un gran desgusto ou o estrés físico e emocional pódennos causar os mesmos síntomas dun ataque cardíaco. É o que os expertos chaman “o síndrome do corazón roto” ou cardiomiopatía de Takotsubo, unha disfunción temporal provocada por situacións de nerviosismo severo. Malia a alarma que xera non acostuma ter consecuencias graves, aínda que nos casos máis extremos si pode provocar unha insuficiencia cardíaca.

Aumentan-las-posibilidades-de-prediccion-de-muerte-subita_image_380

A perda dunha persoa querida pode rompernos o corazón. Máis alá da frase feita, o impacto emocional é capaz de provocar dores no peito e mesmo dificultades respiratorias, síntomas moi semellantes aos dos infartos pero que en realidade ten máis que ver cunha reposta do corpo ante unha situación límite e ao aumento de hormonas como a adrenalina. Non afecta ás arterias coronarias, senón ao músculo cardíaco e o  máis característico do episodio é que o ventrículo esquerdo cambia de forma e adquire a aparencia dun cono. As persoas que o padecen atravesan xeralmente períodos de grande sufrimento emocional, de aí o seu nome popular. O takotsubo é unha ferramenta usada no Xapón para pescar, unha sorte de pota que recorda á forma do ventrículo esquerdo dos corazóns feridos.

Con todo, o corazón roto é un mal moito menos frecuente do que se pode pensar. Descrito por primeira vez en pacientes xaponeses a principios dos anos 90, foi considerado nun inicio unha enfermidade rara. Hoxe calcúlase que entre un 1% e un 2% das persoas diagnosticadas cun infarto sofren en realidade este cadro difícil de detectar. Estudos recentes, como un publicado no American Journal of Cardiology, indican que, a diferenza do ataque cardíaco, máis común nos meses de inverno, o síndrome de Takotsubo dáse máis en primavera e verán e que as mulleres que pasaron a menopausa son o seu branco perfecto: máis do 90% das persoas afectadas son de sexo feminino.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.