O Dinoseto, o popular arbusto da Porta do Sol de Vigo.

O Dinoseto, o popular arbusto da Porta do Sol de Vigo.

O Dinoseto, visto dende a Paleontoloxía

O popular arbusto de Vigo presenta serias dúbidas e incongruencias como dinosauro do Cretácico

Imos tomar en serio a broma. E á inversa. Porque o Dinoseto é todo un fenómeno, que acumula ‘selfies’ e mesmo protagoniza videoxogos. O arbusto máis famoso de Vigo ten tamén unha cría e ameaza con estender a súa prole por toda a cidade. Pero, malia a súa popularidade, non resiste a análise dende o prisma da ciencia que evoca: a Paleontoloxía. Vexamos:

Dinoseto ou Dinoseta? O pobo soberano bautizouno como Dinoseto. Pero, cando se engadiu ao conxunto un ovo, o alcalde Caballero especulou con que fose Dinoseta. En realidade, non hai ningunha razón para iso. É posible que algúns dinosauros, como moitos paxaros, criasen á súa prole en parella. Así que podería ser un macho. O problema é que, como logo veremos, a escena non semellaba á dunha incubación. Parecía, máis ben, que o Dinoseto estaba alí para devorar o ovo nun acto de rapina.

Non é un dinosaro. Aínda que nos enganemos, o Dinoseto nin sequera ten pinta de dinosauro. Porque parece o que en realidade é: un arbusto. E aquí atopamos unha curiosidade científica, porque o ser humano é o único animal na Terra capaz de imaxinar que é un gran sauro. Por exemplo, un can non sairía correndo, crendo estar diante dun T. Rex. Achegaríase tranquilamente e levantaría a pata para ouriñar. Ver neste seto decorativo un fósil vivente é un caso de pareidolia, o mesmo fenómeno que nos fai ver caras nas nubes ou en obxectos cotiáns como nun debuxo nunha alfombra. Un estudo publicado na prestixiosa revista Cortex (e titulado ‘Ver a cara de Xesús de Nazaret nunha tostada‘) revela que hai unha parte do hemisferio dereito do cerebro especializada en recoñecer rostros. E que se activa ante calquera obxecto. Os que teñen danada esta parte dos miolos, poden padecer un tipo de cegueira, a prosopagnosia, que impide recoñecer caras, aínda que vexamos todos os seus elementos individuais: nariz, ollos, etc… Quen padece prosopagnosia só recoñece a outras persoas pola súa voz ou a súa roupa. Polo tanto, é unha obviedade: o Dinoseto non é un dinosauro. É un arbusto. E só os humanos somos quen de lle atopar un parecido.

O ovo do Dinoseto.

O ovo do Dinoseto.

Baixo terra. O ovo do Dinoseto foi colocado baixo o sauro, coma se fose a incubarlo. Isto é moi improbable. A meirande parte dos dinosauros, polo seu enorme peso, non podían chocar os ovos. Só se coñece o caso dos Terópodos, que pesaban uns 60 quilos como adultos, e que producían ovos cunha casca especialmente dura que lles permitía a incubación. A maioría dos dinosauros facían como as actuais tartarugas: enterrar os ovos. Así que o do Dinosetiño nunca debeu estar á vista.

A incubación. A incubación esperta unha dúbida interesante. A teoría clásica presenta aos dinosauros como de sangue frío, o cal os faría pouco eficaces para incubar, en comparación cunha galiña, por exemplo. Un estudo en Science apuntou que estarían nun estadio intermedio, entre sangue frío e quente, cun metabolismo similar a quenllas, atúns e as grandes tartarugas mariñas. Os críticos coa teoría do sangue frío teñen un argumento no T. Rex: era demasiado grande como para ser lento na caza (como outros reptiles) ou para estar paralizado sen alimento en períodos de baixas temperaturas. Se fose estritamente de sangue frío, cren que morrería de inanición.

O tempo de eclosión. O ovo do Dinoseto pasou un ano á intemperie. Segundo proclamou en rolda de prensa o alcalde Caballero, a incubación dos dinosauros tardaba “un ano e oito meses”. En ciencia, non se coñece tal dato. Os estudos clásicos sinalaban que as crías rompían o cascarón en apenas 50 días como media. En 2017, unha investigación na revista PNAS revolucionou estas cifras apuntando que tardaban 6 meses en eclosionar. Pero 180 días non son os 600 días que propoñía o alcalde de Vigo.

Dentro do ovo. O tempo que pasaban os dinosauros dentro do ovo antes da eclosión é un dato controvertido. Ata o de agora, os científicos adoitaban relacionalo co que sucede nas aves, que teñen un período moi variable, dende os 11 días nalgúns paxaros cantores de pequeno tamaño ata uns 85 días nos grandes albatros. Tendo en conta esta gran incerteza, estimáronse períodos de 40 a 50 días para os dinosauros do tamaño de Dinoseto. Os 180 días propostos en PNAS afectaría só aos grandes sauros.

O tamaño importa. O tamaño do Dinosetiño, a ‘cría’ de Dinoseto, era descomunal dende o mesmo día no que naceu. Xa resulta evidente que dun ovo do tamaño dun balón de rugbi non pode saír un dinosauro de metro e medio. E tampouco acontecía así no Cretácico. Un recente estudo en Science revela que mesmo as especies máis grandes, como os titanosauros, tiñan crías do tamaño dun bebé humano. A gran diferenza era que crecían moi rápido, ata alcanzar mesmo 15 metros de lonxitude en idade adulta e pesar como un elefante. Cando naceu, o Dinosetiño tiña que ser moitísimo máis pequeno.

A escena familiar. O Dinoseto aparece na Porto do Sol de Vigo nunha escena familiar. E para nada sorprende que Dinoseto estea xunto a Dinosetiño. Ata época recente, críase que os dinosauros eran moi independentes. Agora sabemos que facían vida gregaria, incluso o temible T. Rex. De feito, no British Museum exponse un niño de Maiasaura, un dos dinosauros máis famosos. E o seu nome significa «réptil boa nai», porque apareceron crías xa nadas e fosilizadas no seu interior, o que demostra que os seus proxenitores ían alimentalos.

Feito o repaso científico, o popular Dinoseto presenta serias dúbidas dende a Paleontoloxía. Pero moi poucas dende a verdadeira ciencia á que pertence: a Xardinería.

Aquí podes consultar algunhas publicacións científicas recollidas neste artigo:

Vendo a Xesucristo nunha tostada (Córtex)

Fisioloxía do dinosauro (Science)

Dinosaur Incubation (PNAS)

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.