Venres 19 Abril 2024

Catro millóns de españois din padecer soidade

Desagradable na maior parte dos casos,  pero ben frecuente, a soidade pode medirse de mil maneiras e, mesmo no tempos da conexión permanente a Internet e redes sociais, até hai quen se atreve a desligala do contacto directo con outras persoas. É persoal e polo tanto, subxectiva, malia hai circunstancias nas que un xunta todas as papeletas.  Até catro millóns de españois –un de cada dez- din sentila con moita frecuencia e mais da metade da poboación asegura que a experimentou algunha vez no último ano. Son datos dunha enquisa impulsada pola Fundación Axxa e a Fundación Once, presentada hoxe en Madrid e elaborada por un equipo de investigadores ASEP (Análisis Sociológico, Económicos y políticos) dirixido por Juan Díez Nicolás.

A sensación de soidade é en ocasións maior nos individuos acompañados que nos que viven sós por decisión persoal
A sensación de soidade é en ocasións maior nos individuos acompañados que nos que viven sós por decisión persoal

A radiografía amosa unha ‘doenza’ estendida con varios graos de gravidade. Non é o mesmo vivir só que estar illado socialmente, situación na que si se atopa o 7,9% das persoas consultadas: son aquelas que, sendo maiores de 18 anos, viven soas porque non lles queda outro remedio, sen desexalo.  A decisión pesa no sentimento: a sensación de soidade pode ser maior entre os que viven en familia ca en aqueles que viven sós por opción persoal.
Do 19,5% dos españois que viven sen compañía de outras persoas, máis da metade, un 59,5% asegura que o fai por preferencia propia. Doutra banda, o 61,9% dos que comparten a súa vida con outras persoas e o 50% dos que conviven coa súa familia nuclear confesan experimentar a soidade.
Sófrena máis, segundo o estudo, as mulleres solteiras e os desempregados; tamén os que, tendo traballo, non reciben a cambio ingresos suficientes. A saúde tamén ten moito que ver: o 23% das persoas con discapacidade coñece a soidade con frecuencia, fronte ao 10% dos que non a teñen e a sofren tamén. Pero o estudo amosa un dato que chama a atención: as persoas con discapacidade que viven soas teñen niveis de sociabilidade por encima do resto, o que fala da importancia da autonomía persoal e da convivencia como antídoto contra o illamento.

A soidade non desexada aumenta un 14% o risco de morte prematura

Tan ilustrativo como os datos da soidade son as maneiras de espantala. O 73% dos enquisado atopa consolo na televisión, na radio, na lectura ou en Internet; o 43% chama por teléfono ou escribe mensaxes ou correos electrónicos; o 37% intenta entreterse indo ao cine, ao teatro ou quedando con alguén e un 18% fai deporte ou vai de compras.
Unha maioría bota man das Rede para distraerse, pero os resultados da combinación entre redes sociais e soidade son moi enganosos. Segundo o estudo, os que usan máis os novos medios de comunicación e as infraestruturas de transporte están menos expostos, pero as actualizacións de Facebook ou Instagram non sempre son proporcionais a unha gran capacidade social do usuario.
Non é, dende logo, a primeira vez que un estudo se preocupa polos que non se senten tan acompañados como lles gustaría. Un informe do ano pasado, elaborado pola Universidade de Chicago, sinalaba que a soidade non desexada era capaz de incrementar nun 14% o risco de morte prematura nunha persoa maior, unha porcentaxe pouco menor á das condicións socioeconómicas do individuo (19%).
Aínda que desacougante e resistente, a soidade non é unha doenza sen menciña. O estudo da Fundación AXXA e Once dá tamén algunha receita para liquidala: axuda esforzarse en manter relacións sociais e estar activo laboralmente; tamén  se recomenda coidar o trato familiar e os lazos cos amigos e poñer en práctica as afeccións coa máxima frecuencia posible.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laboratorio de redes de comunicación 5G & 6G de atlanTTic, deseñando o futuro

Felipe Gil Castiñeira, director do laboratorio, sinala o reto que enfrontan: crear unha rede piloto 5G-6G que converterá o campus de Vigo “nun espazo de investigación avanzado”

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Unha galega estuda o uso da realidade virtual no día a día das persoas con discapacidade

Un sistema óptico rastrexa o movemento das mans e dedos para mellorar a inmersión dos participantes nos diferentes escenarios

A UVigo participa nun proxecto europeo sobre comunicacións cuánticas

A universidade galega lidera un dos paquetes de traballo do programa, que integran múltiples empresas e institucións internacionais