Un dos 200 tipos de medusas que hai en España, a Pelagia noctiluca. / Linda Castañeda.

Un dos 200 tipos de medusas que hai en España, a Pelagia noctiluca. / Linda Castañeda.

Medusas, cada vez máis preto

A presenza de augamares aumentou nas costas nun novo escenario marítimo, froito do cambio climático

Coller a toalla e baixar á praia é a rutina das vacacións no litoral. Poucas cousas poden estragar ese momento, salvo unha medusa e a súa molesta picadura. A quen non lle pasou?

A presenza destes ‘animais xelatinosos’, como os define Juan B. Jesús Lidón, profesor do departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da Universidade Complutense de Madrid (UCM), aumentou entre os bañistas, pero non está demostrado que o seu número total incrementou.

“O normal é que as medusas que si pican sexan moi transparentes”

Nas costas españolas habitan máis de 200 especies de medusas, aínda que as máis populares só alcanzan a ducia. Cotylorhiza tuberculata, Rhizostoma Pulmo ou Pelagia Noctiluca son tres das máis comúns. As dúas primeiras son case inofensivas para o ser humano, pero a última deixa unha picadura inesquecible.

O experto en invertebrados da UCM lembra que, a pesar de que todas teñen células con orgánulos cargados de toxinas, non todas pican. “O normal é que as que si o fan non as vexamos; adoitan ser moi transparentes”, engade.

Aínda que sempre estiveron aí, agora ven máis medusas porque a súa presenza entre os bañistas aumentou. “Creouse unha alarma social mediática”, asegura Jesús Lidón.

Unha dos principais factores da aproximación destes invertebrados á costa é o cambio climático. Fidel González Rouco, profesor do departamento de Física da Terra da UCM, sinala que hai unha preocupación crecente polos efectos deste fenómeno na supervivencia e distribución das especies animais e vexetais.

En concreto, nos ecosistemas mariños, que é o ambiente das medusas, “a temperatura e a salinidade da auga ou o pH determinan as súas condicións de habitabilidade, desenvolvemento e vulnerabilidade”, sinala o experto en climatoloxía.

“A barreira entre mar aberto e costa está a ser menos potente e por iso chegan as medusas”

O mar aberto é o hábitat natural desta especie, polas súas condicións de densidade, salinidade e temperatura, diferentes ás da auga próxima á costa. O aumento da temperatura mariña está a romper a diferenza entre augas cálidas e frías, mentres que o descenso de precipitacións diminúe a achega de auga doce dos ríos á costa, aumentando a salinidade.

Estes dous fenómenos son froito do cambio climático. Desta forma, “a barreira entre mar aberto e costa está a ser menos potente, vai desaparecendo e por iso se achegan”, apunta Jesús Lidón, que prevé un aumento desta tendencia nos próximos anos.

Molestas pero necesarias

A pesar das molestias que ocasionan entre os veraneantes, a súa presenza no ecosistema está máis que xustificada, como acontece con case todos os seres vivos. “Aínda que teñen moi mala fama, están a cumprir un papel fundamental nas costas”, defende Jesús Lidón. Esa función está relacionada coa cadea trófica e o mantemento dun equilibrio, minguado na actualidade pola sobrepesca.

Ademais do cambio climático, outra das causas da proliferación de medusas no litoral é a desaparición dos seus depredadores, como son as tartarugas mariñas, os túnidos, os orelláns e os peixes espada, entre outros, debido a un exceso de actividade pesqueira.

Ademais, a sobrepesca tamén fixo dano nunha longa lista de competidores, como as sardiñas ou os bocartes, que se alimentan do mesmo plancto que as medusas.

“O impacto das nosas frotas pesqueiras sobre as poboacións dalgúns peixes é brutal”, admite o zoólogo da UCM. Por exemplo, fóra das nosas fronteiras, en Namibia, hai dúas décadas, a proporción no mar era dunha medusa cada dez pescadas e hoxe é de tres por unha.

Augas residuais como alimento

Na desaparición de depredadores e competidores intervén tamén o aumento das augas residuais no mar. Os residuos incrementan a cantidade de nutrientes dispoñibles na auga, o que fai que aumente a cantidade de plancto dispoñible para as medusas e favorece a reprodución dos pólipos dos que proceden, segundo Jesús Lidón.

“Aínda que teñen moi mala fama, están a cumprir un papel fundamental nas costas”

Ante a presenza deste problema no litoral, algunhas administracións tomaron medidas para o seu control. No Mar Menor colocáronse 43 quilómetros de redes fixas para evitar o seu avance á costa e en Cataluña púxose en marcha o proxecto RECLAIMED, cuxo obxectivo é reducir o impacto clínico e económico das medusas.

Pero os expertos coinciden en que, mentres non se consiga frear o cambio climático, a vertedura de augas e a sobrepesca, estes seres gelatinosos volverán aos nosos veráns. Ata que se dea cunha fórmula definitiva que os controle, sempre poderá aliviar a súa picadura con vinagre, amoníaco, auga salgada e un pouco de xeo. E ante o menor movemento e sospeita da súa presenza, saia da auga.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.