A cadeliña Laika, preparándose para a misión no Sputnik 2.

A cadeliña Laika, preparándose para a misión no Sputnik 2.

Laika, a cadeliña rusa que viaxou da rúa ao espazo

"Pedinlle que nos perdoara e chorei", recorda a responsable do Sputnik 2 no 60 aniversario do lanzamento

Laika significa en ruso ‘ladradora‘. Esta cadeliña de tres anos converteuse en 1957 no primeiro animal que viaxaba ao espazo. De vivir na rúa pasou a visitar as estrelas a bordo do Sputnik 2. E perdeu a vida.

Laika, nunha imaxe propagandística.

Laika, nunha imaxe propagandística.

“Pedinlle que nos perdoase e chorei cando a abracei por última vez”, di a nonaxenaria bióloga rusa Adilya Kotovskaya, en entrevista con AFP, ao lembrar ese día, o 3 de novembro de 1957 cando Laika se converteu no primeiro ser vivo terrícola no espazo.

Kotovskaya era a súa adestradora e as cousas non saíron como se esperaba. Por fallas na rudimentaria nave tipo satélite, a Sputnik 2, Laika, unha cadela da rúa, morreu de calor unhas horas despois. Outros aseguran que foi a falta de osíxeno, aínda que ninguén tiña previsto un regreso seguro.

Para a bióloga foi un sacrificio pola ciencia. Igual pensa a NASA, a competidora da axencia espacial da Unión Soviética. De feito, a idea era gañarlles a carreira aos estadounidenses, que tiñan xa os seus plans de aventurarse fóra da Terra.

Laika foi adestrada con outras dúas cadelas e ao final elixírona a ela. As súas nove voltas ao planeta convertérona nunha pioneira cosmonauta, pero non foi a primeira sacrificada na incipiente carreira espacial. Varios cans foron enviados antes dela en voos suborbitais duns poucos minutos, cun desenlace mortal.

Laika, que antes de ser recrutada chamábase Kudryavka (pequena de pelo rizado) foi a encargada de dar resposta a unha pregunta que non tiña resposta experimental: podían os organismos vivos sobrevivir ás condicións de gravidade cero?

No programa de adestramento da misión Sputnik 2 participaron somentes femias. A razón era que non tiñan que erguer a pata para ouriñar, así que se acomodaban mellor á estreita cápsula.

Un traxe espacial deseñado para Laika. Museo do Espazo.

Un traxe espacial deseñado para Laika. Museo do Espazo.

Todos sabían que non regresaría. Kotovskaya viu por última vez a Laika o día antes da misión. E despediuse. O foguete coa cápsula Sputnik 2 partiu ás 5:30 da mañá, hora de Moscova, dende Casaquistán. No despegue, o corazón da cadela latexaba a mil, pero co paso das horas volveu ao seu ritmo. Esperábase que vivise oito días, pero na novena órbita a temperatura da cabina subiu a 40 graos, pola inadecuada protección contra o Sol. Laika non aguantou moito. Deshidratouse e morreu.

A súa odisea marcou un antes e un despois na carreira espacial entre a URSS e Estados Unidos. Foi Laika, unha pequena cadela ladradora que viaxou dende a rúa ata as estrelas.

Belka e Strelka, as cadelas que regresaron do espazo

Tres anos máis tarde do sacrificio de Laika, un 20 de agosto de 1960, en plena Guerra Fría, a Unión Soviética sumaba unha vitoria na carreira que iniciaran cos Estados Unidos para conquistar o espazo. Belka (Branquiña) e Strelka (Frechiña), dúas cadeliñas que foran lanzadas a bordo do Sputnik 5, aterraban na rexión de Orsk, en Casaquistán, tras pasar 26 horas paseando polo espazo.

belka-and-strelka-dogs-astronauts_2

Este fito converteu ás dúas cadelas nos primeiros seres vivos en regresar con vida tras un voo orbital. Belka e Strelka despegaron o 19 de agosto de 1960 ás 11:44 hora de Moscova, desde cosmódromo de Baikonur. Non o fixeron soas. Na súa viaxe, que lles levou a completar 17 voltas á órbita terrestre, estiveron acompañadas por 40 ratos, dúas ratas e unha variedade de plantas e fungos.

Durante o voo, o control de terra temeu que puidesen correr a mesma sorte que Laika cando, nada máis entrar en gravidade cero, os animais quedaron inmóbiles durante uns minutos. Afortunadamente, instantes despois, comezaron a ladrar e a moverse, tratando mesmo de quitarse os arneses, o que provocou que Beltra vomitase.

A viaxe do Sputnik 5 foi retrasmitida pola televisión oficial soviética, que difundiu imaxes das dúas cadelas vestidas con traxes de astronauta e que tras o seu regreso e posterior rolda de prensa, convertéronse en celebridades da URSS.

Strelka, tras rematar a súa misión espacial, tivo unha camada de seis cachorros con Pushok, un macho que participou en probas espaciais pero nunca viaxou ao espazo. En 1961 Jrushchov, que presidía o Consello de Ministros da URSS, regalou un deses cachorros a Caroline Kennedy, filla do presidente estadounidense John F. Kennedy, unha perrita chamada Pushinka.

Pushinka creceu e viviu na Casa Branca e tivo cachorros con Charlie, outro can dos Kennedy, o que na época foi catalogado como o triunfo dun romance imposible entre dúas potencias enfrontadas en plena Guerra Fría.

belka_strelka-600x482

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.