Xoves 25 Abril 2024

Hoxe non é o teu día se tes 'friggatriscaidecafobia'

As persoas que senten un medo irracional ao venres 13, que os obriga a modificar o seu comportamento habitual, padecen friggatriscaidecafobia. A palabra provén do grego (da unión de “venres”, “trece” e “medo”) e, segundo datos do Centro para a Xestión do Estrés e do Instituto da Fobia (ambos nos Estados Unidos), entre 17 e 21 millóns de estadounidenses sofren esta ‘patoloxía’.
A Asociación para a Ciencia Psicolóxica de Estados Unidos afirma que esta fobia afecta mesmo á bolsa, que se retarda un día como hoxe porque algúns axentes financeiros evitan levar a cabo transaccións importantes. Tamén en Bollywood se pospoñen estreas películas porque pensan que afectará negativamente á venda de entradas. Nada disto ten fundamento.
Nin máis accidentes de tráfico, nin peores noticias, nin máis ingresos en urxencias. Numerosas análises proban que a superstición no mundo por un día como hoxe (en España funciona máis o martes 13) carece de calquera sustento científico.
Varios estudos internacionais teñen demostrado, por exemplo, que nos Estados Unidos non se producen máis accidentes de tráfico nesta data. E tampouco medran os ingresos en urxencias.

Os días 13 nin hai máis accidentes nin máis urxencias hospitalarias

Descoñécese por que se asociou o día 13 ao venres, xa que, dependendo da cultura, o 13 é ou ben un día de sorte para os xudeus, ou sen significación para os cristiáns ou a cultura chinesa. En canto ao venres, coincide co día en que os cristiáns cren que morreu Xesucristo, e para outras culturas, é o día da sorte. Sábese que a superstición chegou a Europa na Segunda Guerra Mundial, coas tropas estadounidenses.
Por que cremos en supersticións? Non só as relativas ao venres 13, senón tamén outras tan estendidas como a mala sorte que provoca mirar a un gato negro, pasar baixo dunha escaleira, romper un espello ou derramar sal. En primeiro lugar, porque as inculca o círculo máis próximo, no que, sobre todo sendo nenos, temos máis confianza. En segundo lugar, porque a superstición úsase como unha estratexia para afrontar a incerteza da vida.
A maioría das culturas teñen algún tipo de superstición. A de hoxe, pode provocar unha doenza cun nome case impronunciable: friggatriscaidecafobia.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Historia dunha superstición: “Fixen o bautismo anticipado porque estaba desesperada”

Obdulia Pereira relata a súa experiencia nos anos 80 e confirma que este ritual se segue a practicar en pleno século XXI